Tag Archives: comisión de festas de rianxo

Fotos das Festas da Guadalupe 2015: a procesión do domingo

14 Set

inicio (1)

Velaquí as fotos do que foi a procesión do domingo, moi marcada pola ameaza da chuvia. De feito, a misa fíxose na igrexa en lugar de no Campo de Arriba, xunto á capela da Guadalupe. E se ben durante a misa o mal tempo non foi impedimento, nada máis chegar ao barco para a procesión marítima, houbo que gardar as imaxes a resgardo pola que caeu.

Seguir lendo

Advertisements

Decepción

18 Set

Como moitos sabedes, para o ano haberá menos días de festa na Guadalupe. Para min particularmente é unha decepción. Unha decepción porque non fago máis que escoitar que a xente de Rianxo vive como ninguén as súas festas. Porque sempre oio como os de aquí presumen con orgullo de teren as mellores festas de Galicia. Pois ao final vai ser que non todo é tan bonito como o pintaban ou que hai moita hipocrisía na rúa.

Ante a perspectiva de que ante os moitos gastos que xeraba a festa ou ben os rianxeiros pagaban algo máis de cota ou ben había que recortar os días, a xente votou por isto último. Polo que dixeron houbo trinta e pico votos nulos, 555 votos a favor de pagar máis cota e 653 a favor de baixar os días. Hai que recoñecer que na comisión de festas son uns señores por darlle a oportunidade á xente da vila de escoller que opción preferían. Pero tamén teño que dicir que eu non o faría, eu directamente subiría a cota. E por que o digo? Pois porque creo que 60 euros por matrimonio non é tanto. Se temos en conta que son sete días de festa (sen contar o primeiro venres), pois cada día ten un custo para cada un dos membros da parella de 4,28 euros. Son moitos cartos? Que pasa, que non podemos pasar algún día sen tomar unha cervexa ou un cubata e destinar ese diñeiro para as festas?

Vamos, creo que a xente se queixa de vicio. Os matrimonios de xubilados pagan (iso creo) 30 euros, que tampouco é excesivo. E despois está a xente nova, que tamén debería de contribuír con algo de cartos. É un pouco triste ver o número de juadalupeñas que hai en Rianxo e que o día do chupitaso poucas foron as que se citaron, porque para facelo todos os membros teñen que poñer 1 euro (que despois se destinan a gastos como o concerto de Rock in Rian ou as actividades do día das Juadalupeñas).

E subiría tamén a cota directamente porque sei de máis dun matrimonio que en lugar de pagar os 60 euros paga 30 ou 40 e tivo tamén dereito a votar. Vamos, que se xa non pagas a cota actual, está claro que non vas querer pagar máis. E, pola contra, eu, que son do Araño e que levo tres anos dando cartos para as festas de Rianxo, porque tamén considero que son miñas e porque as desfruto coma o que máis, pois non tiven dereito a votar. Aproveito tamén para dicir que no Araño se pagan 80 euros para as festas (este ano non, porque non houbo comisión nin festa) por só tres días e con orquestras de terceira.

Para rematar, só dicir que o sinto sobre todo pola xente da Comisión de Festas que fan un gran traballo. O presidente, o Xixí, cando comunicaba a decisión de baixar os días enriba do palco da Marbella, dicía que se sentía triste, porque sempre se esforzaron por facer das nosas unhas festas de sona e de recoñecemento. A iso das 8 da mañá vino polo campo de arriba e feliciteino persoalmente a el e á xente da comisión polo gran traballo que fixeron (e que fan ano a ano). E díxenlle que non estaba de acordo cunha cousa que dixo, xa que pediu perdón por se se equivocaran en algo ou fixeran algo mal. Díxenlle que non tiña porque pedir perdón, porque sempre actúan de corazón e pensando no mellor para a vila e a Guadalupe. As cousas poden saír mellor ou peor, pero detrás hai moitas horas e o labor de todo un ano. Criticar é moi sinxelo, pero xa me gustaría ver a min a todos aqueles que falan mal xestionando as festas e agora tendo que decidir que é o que se recorta para o ano: o día de Padrón?, o día das Juadalupeñas?, o feirón?, Rianxolandia?, os xogos populares?…

Por primeira vez en 13 anos de historia das festas, no 2011 non poderemos cantar iso de “P’ó ano 15 días, p’ó ano 15 días”, pero si que cantaremos “P’ó ano sete días, p’o ano sete días”.