Entrevista a Óscar Reboiras

1 Xul

_MG_0547

Once da mañá do domingo despois da romaría de San Pedro. Aproxímome ó Toffe, onde quedei con Óscar para comezar a mañá. Vese que está algo impaciente, pois xa ten o zume de pexego a medias e normalmente é el quen chega tarde (eu son máis puntual….).

Pido un café con leite con xeo para coller forzas e logo de falar un par de cousiñas para ir tranquilizando ó xefe. Decidimos facer a entrevista na contorna do muíño da Laxe, en plena ruta do río Té.

Imos no seu coche e parece que xa vai máis tranquilo, pero só mo parece, pois en canto deixamos o coche empeza a carreira de cara ós muiños, e apenas  a cen metros de chegar xa me arrinca a gravadora da man ansioso de comezar. Cando chegamos á pasarela do río e xa leva dúas preguntas respostadas.

Comezamos entón coas preguntas que fixéchedes para dar a coñecer un pouquiño máis este pequeno curruncho de información de Rianxo, e  para como non, dárvolas infinitas grazas por estas xa sobrepasadas 300.000 vistas.

**Nota: As frases e palabras en negriña son anotacións propias e as preguntas que fixéchedes.

Fálanos un pouquiño de ti, Óscar.

Ola, son Óscar Reboiras, licenciado en Xornalismo. Traballo en comunicación corporativa e redes sociais nunha empresa de telecomunicacións na Coruña. Adico a miña activiade profesional entre o gabinete de comunicación e a parte de comunicación escrita ao cliente, levando as redes sociais, o blog da empresa e controlando toda a interacción escrita que hai co cliente.

– Cal foi a entrevista, de tódalas que se levan publicado no blog que mellor quedou, segundo o seu criterio?

Fai pouco publiquei un tema sobre un confito socio-relixioso que aconteceu na parroquia de Taragoña, onde os veciños se revelaron contra a xerarquía eclesiástica porque levaron dalí un cura que se portaba moi ben cos pobres, que non cobraba. É destas cousas que resultan moi interesantes e que se van esquecendo; son as que máis me enchen, e tamén se ve que á xente mais lles interesa

– E a que máis desfrutou facendoa?

A que máis desfrutei facendo foi a de Sabela Galbán, para a expo Ruando Rianxo, na Praia do Porrón, Sabela metida na auga co acordeón. Unha turista que por alí andaba paseando o can quedou marabillada co que estaba a ver. Ata Sabela lle adicou unha canción, polo tanto foi unha sesión moi divertida e fóra do común.
Outra, na que tamén desfrutei moito foi a dos escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes. Tiñamos un certo medo a ver como se tomaban a proposta que levábamos para eles pero, ó final, tamén eles se riron moito e desfrutaron da sesión que lles fixemos.

– Cal foi a que máis visitas tivo?
O post que máis visitas tivo, foi, fai unhas semanas, xusto antes das elecións. Foi cando publicamos as listas coa xente que se presentaba para ás mesmas, que tivo máis de 5.000 vistas (en total 5.246 vistas). Que vamos, non me esperaba que tantas persoas estiveran tan interesadas no tema.
A anterior marca estaba no post que publicamos coas imaxes do photocall da Pasarela Castelo da Lúa no ano 2013 (un total de 4.447 vistas).

-Cal foi a que menos visitas tivo?

Buffff (silencio, cara de circunstancias), supoño que hai moitos temas, sobre todo do principio do blog, cando este non era coñecido. Aínda que coido que alguna visita terán todos os publicados.

-Cal foi a que se arrepinteu de publicar?

Ningunha. É certo que teño unha entrevista que aínda non publiquei, polas cuestións que trata, porque me parece un tema bastante delicado. Non sei as declaracións se fixeron en quente ou de forma consciente de que a gravadora esta acesa. Entendo que si, pero prefiro que o tema siga repousando e, pasado un tempo, falar de novo co entrevistado para ver se a publico ou non.

-Cal é a entrevista, reportaxe, e nova que lle gustaría publicar e que ainda non fixo?

Pois, a que non lle puiden facer á xente de D-Due, os cales accederon a sacar as fotos para a expo Ruando Rianxo, pero aínda hoxe non tivemos resposta ás preguntas que se lle fixeron.
Pero bueno, temos as fotos, aínda que é unha pena que non resposten ó cuestionario, pois á xente de aquí de seguro que lles interesa saber un pouco o que fan. Como non somos un medio nacional, ó mellor non somos o medio do seu interese, pero o que si, que somos un medio do concello no que eles traballan e estaría ben para eles achegarse á xente.

– E mais cando a pasada semana saíron na Voz de Galicia, non?

Si claro, iso tamén…

-Cales son os obxetivos ata acadar o medio millón de visitas?

Basicamente seguir na mesma liña, tratando de escribir temas interesantes para a xente e, sobre todo, descubrindo aos veciños, moitas veces anónimos que non saen nosotros medios máis coñecidos. Ou sexa, a idea coa que nacera Ruando Rianxo, a de dar a coñecer como somos, que cousas fixeron ou fan os veciños que temos ó lado da casa e que detrás teñen historias interesantes que contar e que pasan totalmente desapercibidas e quedan aí, no anonimato.
Esa é a idea. Ademais, aos veciños gústalles verse aí reflectidos e que hai un pequeno medio que os ten en conta e que fala deles.

-Está en mente entón a segunda parte de Ruando Rianxo?

Si, claro, por suposto que si (risas)

Despois de facer o seguimento de dúas distintas campañas electorais municipais, cales serían as súas opinións sobre as seguintes preguntas en base ás listas electorais

-Cal foi o candidato/a que asistiu primeiro á entrevista, dentro dos distintos anos?

O primeiro que dixo que si nos dous casos foi Adolfo Muíños. Sempre tentamos facer as entrevistas coa maior marxe de tempo posible, pois transcribir todo o que din leva moitas horas e, aparte, nós non cortamos nada, todo o que din publicámolo. Outros medios, a xente non o sabe, pero o que fan é como seleccionar exactamente que cousas. Nós, como somos un medio dixital, un medio independente, non estamos condicionados polo espazo o que tentamos e sempre poñer todo o que din para que a xente teña toda a información e non só unha información selecionada ou condicionada polo noso punto de vista.
Pois, iso, que Adolfo foi quen primeiro accedeu das dúas veces á entrevista e tanto nas anteriores eleccións coma nestas houbo un candidato que non puidemos entrevistar.

– Un candidato distinto teríamos que puntualizar

Bueno…, a xente xa sabe quen si fixo ou non fixo a entrevista.

-Cal lle parece que contestou mellor as preguntas?

Eu creo que todos contestaron ben. Había candidatos que xa tiñan certa experiencia nas entrevistas, unha certa bagaxe, por así dicilo, coñecementos para poder respostar, e había outros candidatos que se presentaban por primeira vez e non tiñan esa capacidade ou esa soltura á hora de respostar. En todos os casos se fixo preguntas complicadas e polo menos deron a cara, que para min é fundamental. E entrevistas que non foron precisamente fáciles. (soa o teléfono do xefe e interrompe a conversa…).

-Cal foi a entrevista ós candidatos que mais visitas tivo e a que menos?
A que máis visitas tivo foi a de Antón Castro de Rianxo en Común, que era algo esperable, pois era a formación que se presentaba por primeira vez en Rianxo. Había máis curiosidade por coñecelo e saber as súas propostas. A que menos visitas tivo foi curiosamente a de Adolfo Muíños porque, creo, tamén leva xa 4 anos gobernando e a xente xa o coñece máis. Tendemos a querer saber ou a mirar con máis detalle o que é novidoso ou que non coñeces, para ter máis información de primeira man.

-Cal lle parece que sería o mellor candidato dentro da xente das listas, sen contar os números 1 de cada lista?

Eu aí xa non me vou mollar…. Cada formación ten o seu sistema de selección, e bueno, cada partido é un mundo. Nós estamos para tratar de informar e falar do que eles fan, pero non para dicir quen é o mellor, pois aí tamén podemos ferir sensibilidades. É unha cuestión un pouco delicada e onde nós tampouco nos debemos meter.

– Cal lle parece que non pega nin con cola dentro dunha lista?

Tampouco teño un coñecemento tan profundo de todos os candidatos que se presentaron. O que hai que ver é que o mundo non só é gris ou negro, todos temos como distintas sensibilidades e hai xente que che parece que igual ten unha visión política do mundo, e despois sorpréndeche e resulta que non, pero vamos, ó final as persoas somos máis complexas do que aparentamos e ninguén é sinxelo de catalogar.

-Podería situar estas aldeas na súa correspondente parroquia?:

– O Laxido?
Ehhhhh……………………, creo que Taragoña, pero non o teño claro.

-Sestelo?
O Sestelo…………….? Nin idea

-O Regueiro?
Nin idea tampouco

-O Rábado?
Iso a min sóame ó Araño.

-A Igrexa?
Asados. Pero nin idea vamos……(risas, moitas risas, comentamos que, por estas últimas preguntas, xa se sabe quen as formulou…)

_MG_0537

-Como naceu Fotos de Rianxo?
Pois naceu no 2009. Daquela tiña unha cámara dixital pequeniña, e tiroume o de sacar fotografías. Empecei a sacar fotos por Rianxo creei unha conta en Flickr, onde as publicaba. Pero tamén me pareceu interesante difundir eses contidos a través dun blog, onde non só poñer imaxes, senón tamen complementalas cun texto. De aí naceu a idea de crear o blog e que mellor que poñerlle Fotosderianxo, aínda que non é exclusivamente só de fotografía, senón tamén de información escrita.

-Ve posible introducir outro formanto, como por exemplo vídeo, nas vindeiras reportaxes?

Si, de feito, non é a primeira vez que usamos vídeo. Temos unha pequena canle en Youtube. Cando fun ó museo de Pontevedra que ten unha sala adicada a Castelao fíxose un pequeno vídeo para que a xente vira que materiais hai aí, despois na Btt Castro Barbudo, na Guadalupe, no feirón mariñeiro cando se cantou o Pájaro Pinto que tivo moitísimas visitas. É algo complementario. O que pasa é que se hai que editar vídeo lévache moito máis tempo que só con fotos e textos…. O que pasa é que tempouco temos tantas mans como para abarcar todo…

-Recibiron presións políticas ou empresariais para que alguna foto ou reportaxe fose retirado?

Ummmmmm…….., políticas non.
Despois, queixas por un tema empresarial si, pero non se retirou nada porque a información era correcta, estaba contrastada e, ó meu ver, non tiña ningún problema nin atentaba contra ninguén e… lonxe diso, a única queixa que houbo foi a dunha persoa que a retratamos nas festas da Guadalupe e non lle gustou verse nunha foto e sen problema a retiramos.

-Terá fotos de Rianxo, nun futuro, unha sede física donde a xente poida encargar reportaxes privadas?

A sede física realmente non é necesaria, creo eu, no sentido de que se necesitas algo a través do correo ou do teléfono podes contactar e podes quedar nun momento dado coa persoa. Hai que pensar que é un medio dixital, que nos movemos con redes sociais, a información vén do mundo real pero vamos, que non necesitamos unha sede física, tampouco é que sexamos o maior medio de comunicación do mundo e necesitemos estar recibindo a xente.

-Quen vos paga os gastos ocasionados por publicar as novas e entrevistas no blog?

Ninguén. O único que temos e un pequeno espazo de publicidade, que se poden contratar uns banner de forma semestral ou anual. Iso é basicamente para cubrir os gastos e o dominio do blog.
E lonxe diso, nós non vivimos do blog, senón que ó final é un medio que nos decidimos crear por gusto. Por sorte, tanto o meu compañeiro Xoán coma nin temos a nosa actividade profesional que nos permite vivir, e isto é algo que facemos por gusto e tentando sobre todo difundir e dar a coñecer as cousas que pasan en Rianxo e as súas xentes. Nese sentido tamén temos toda a liberdade do mundo para tratar os temas que queremos, cando podemos e cos medios que temos.

Mira, así de repente preguntaríalle se é de bóxer, slip ou moooodo libre…. Foi a miña primeira ocorrencia. Pero logo preguntaría, que é aquilo que sempre quixsestes fotografar e non o destes feito aínda?

Teño o mono de, (cara de incertidume, risas e ponse serio para seguir respostando, creo que a primeira parte da pregunta o deixou ko), de irme un día cos mariñeiros a primeira hora, ás tres ou catro da madrugada e pasarme todo un día con eles, toda unha xornada. Rianxo mira e depende moito do mar e eu creo que aínda non fixemos esa gran reportaxe das xentes do mar de Rianxo que os mariñeiros e as mariscadoras se merecen.
Iríame, un día coas mariscadoras, outro cos bateeiros e outro día a coller peixes, xoubas; vamos o que collan.

-Imaxina que unha persoa quixera obtar á alcaldía de Rianxo na próxima convocatoria (catro anos por diante), que recomendacións lle faría a día de hoxe?
Sobre todo que tentara ser un politíco transparente, que se movera entre a xente, que vira que necesidades hai en todas as parroquias de Rianxo e que para o bo e para o malo que dera a cara.
Que se mova polos intereses dos veciños, non só do partido e pensando nos votos. E se está na oposición, que se dean tamén ideas, propostas a cotío e non só cando faltan unhs meses para as elecións.

-Non crees caro Oscar que “Fotos de Rianxo” mellorou notablemente desde a fichaxe do rapás de Lousame?

Homeeeeeeeeeeeeeeeeeeeee, (risas) notablemente mellorou un 100%. Aparte, un dos problemas que teño eu é que ó traballar durante a semana en Coruña hai cuestións que pasan a diario que se me escapan, e dende que está Xoán no blog gañouse precisamente niso, en poder tratar e cubrir temas moi interesantes a nivel cultural, deportivo, ou social. Estamos a falar por exemplo o problema que houbo coa Escola da Vacariza e que sen Xoán iso non sería posible, e por iso o blog non sería o mesmo sen el.
Iso teñoo clarísimo. (voume pór colorado….)

-Xa é doutor?
Se son doutor? Non, lamentablemente teño aí a tese de doutoramento pendente. Este ano, por tema de prazos, non vou chegar e agardo xa ter a miña tese realizada o vindeiro curso e poder dicir que son doutor despois de tantos anos. Doutor en xornalismo. É dicir, unha tese de doutoramento sobre xornalismo e literatura e de aí o tema de doutor.

_MG_0552

-En que criterios basan as suas escollas para os temas a tratar no blog? Non me refiro ás actividades culturais, refírome mais ben ás entrevistas e demais contidos que ofrecen.
No resto de temas, ó final , intento pensar sobre todo en dous perfís de lectores: por un lado un lector medio, interesado no día a día e despois outro que poida ter máis ansia de coñecer a historia, dos feitos históricos, máis de buscar en arquivos e hemerotecas. Tentamos misturar historia con curiosidades para facer o blog o máis ameno para todo o mundo e despois hai temas que non descubrimos nós pero que descubriron outos, como Tito en Rabunho Rexeita, como foi o tema de que estivo veraneando en Rianxo Sor Lucía, a do milagre de Fátima, iso a min paréceme un tema interesantísimo, un tema que para moita xente é descoñecido e que merece o seu sitio, non só no blog, senón tamén na pequena historia de Rianxo.
E despois o tema é tentar descubrir as pequenas historias de cada un dos moitos rianxeiros mariñeiros, traballadores do campo, músicos…. E aí fáltanos moitísima xente coa que falar e esperemos que pouco a pouco poidamos chegar, por iso a idea de proseguir con Ruando Rianxo.

-Pensou nalgún momento, dende que empezou co blog, alá polo 2009 en chegar ás 300.000 visitas?

Non, a verdade é que non, sobre todo estou moi sorprendido do crecemento dos últimos anos. No 2014 tivemos máis de 100.000 visitas e agora xa andamos neste polas 75.000. Ese crecemento prodúcese sobre todo dende a incorporación de Xoán ó blog, de poder tratar outros temas, abordar outra serie de cuestións, e estou sobre todo sorprendido pola boa acollida que ten o blog e pola difusión e porque nos escriba a xente dicindo se podemos publicar un tema ou difundilo porque nos le moita xente. Isto é o que a min me alegra, e ver ou notar que a xente ve que facemos con cariño, e tamén coa mellor das intencións, sobre todo pensando neles, claro.

_MG_0564

-Teñen moitas discusións internas por mor dos contidos a tratar no blog? Como comezou a colaboración do seu compañeiro no blog?, están abertos a mais colaboradores?

Non, non hai moitas discusións polos temas a tratar. Imos ver, a última palabra sempre a teño eu, e despois hai un reparto de temas: os temas políticos tócoos exclusivamente eu e despois o resto os dous, sen ningún tipo de problema. Iso si, Xoán débeme de ver como o maior censor do mundo porque sempre di: “Bueno teño isto redactado, pódeslle botar un ollo?” (aquí as risas son imparabels xa). E bueno, eu do Xoán, fíome, ás veces é verdade que non temos o mesmo criterio e teño que impoñer o meu punto de vista, e aí está o punto ditatorial, pero… Agardo poñas estas risas entre parénteses!!!!…. Todas as persoas poden ter distintos puntos de vista, pero creo que nos complementamos moi ben e traballamos moi ben en equipo. O blog non deixa de ser un espazo aberto e estamos, e estaríamos encantados de contar con máis xente.

Como foi a chegada de Xoán ao blog?
Foi por casualidade. Coñeciño nesta primeira etapa de sacar fotos, que como comentei antes, o blog comezou cando comecei a sacar fotos cunha pequena réflex e aí contactei con xente do Barbanza que quedaba a fin de semana para ir sacar fotos. Entre esa xente había algún rianxeiro e, un deles, era Xoán.
Ó principio, Xoán mandábame fotos do que pasaba en Rianxo, e dicíame, se queres para o blog isto toma, e entón pasábame todas as semanas ou cada dúas semanas material. Foi cando lle dixen que era un pouco tontería que me estivera pasando as cousas cando podía ter un usuario no blog e subilo el directamente. Entón Xoán aceptou e así foi como comezamos a traballar xuntos no blog, así un pouco de casualidade pois anteriormente non nos coñecíamos de nada.

– Aceptarían máis colaboradores no blog?
Co tema de admitir a máis xente habería que ver o perfil de cada un e o que pode proporcionar, valorando que temas lle interesan, pero vamos, que é un espazo aberto, e loxicamente o que queremos é sumar. Que a xente teña claro que nós non vivimos disto, que non gañamos cartos, que o único que che resta é tempo, pero é moi rico en experiencias que che levan a coñecer xente e despois que é moi agradecido vendo a acollida que teñen os temas ou que ves que hai xente que che le, que comparte. Iso é moi agradecido, pero, aquí non hai un lucro económico. Que, volvo, recalcar, nós non vivimos disto.

-Cre vostede que é Rianxo un concello que acepta ben este tipo de información en Rede? Está satisfeito co nivel de participación dos vecinos co blog?

Si, creo que, que xa estamos nun momento onde internet está bastante masificado. Case todo o mundo hoxe en día ten un smartphone cun plan de datos, e sobre todo chegamos a moita xente hoxe en día grazas ao Facebook. Hai que ter claro que para nós o centro e o eixe é o noso blog, e despois usamos as redes sociais para compartir e difundir os contidos. Loxicamente, igual non chegamos a xente moi maior porque non acceden ou non controlan moi ben as novas tecnoloxías pero despois temos dende un perfil adolescente, rapaces ata de cincuenta e pico anos.
Hai temas que ás veces que si que traballamos moitos neles e despois vemos que teñen moita menos difusión da que che gustaría, pero iso é seguramente que nós non os enfocamos ben, ou non sabemos difundilos adecuadamente ou non sabemos responder ós intereses dese público que temos, pero creo que ó final este tipo de medios é o futuro.

Para rematar, Oscar coméntame que nós tentamos abarcar máis temas sociais que políticos porque cremos que é un blog enfocado de cara a xente e centrado na xente e, igual ,algúen bota en falla que tratemos máis a miúdo temas políticos. No periodo das eleccións estivemos dando unha información puntual, pero non é o centro do noso blog, nin é o que ten máis importancia. No sabe se a xente demandaría máis temas de opinión ou de profundidade en temas de política, pero non, non é o noso obxetivo.

Deixar un comentario