Dende o 13 de decembro até o 4 de xaneiro do 2014, poderemos desfrutar dunha exposición do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A exposición Imaxes con Fondo, que nace dun concurso de fotografía, pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe.
Nesta expo, participa unha rianxeira de 23 anos que se chama Raquel Cespón Romero, quen nos conta que a súa formación en fotografía comezou en outubro do ano pasado con algúns cursos que organiza a USC, como obradoiros de creatividade fotográfica ou creación de proxectos fotográficos. Na actualizade participa en diferentes actividades do Fotoforum Compostela, como algunha exposición colectiva, un fotolibro ou actividades mensuais como a fotoliga que organizan.
Raquel tamén nos comenta que a exposición Imaxes con Fondo é unha exposición que naceu dun concurso do Fondo Galego de Cooperación co mesmo nome. O obxectivo deste era sensibilizar e dar paso á reflexión e ao pensamento crítico na nosa sociedade sobre as diferenzas Norte/Sur. Ao ser organizada mediante o propio Fondo de Cooperación, os 15 autores que forman parte dela non se coñecen entre eles. Só as 20 imaxes consideradas máis significativas, forman parte da exposición.
Un pracer ver as obras de Raquel e demais participantes nesta mostra que nos convida a reflexionar. Así que non dubidedes en ir polo Auditorio. Pola parte, desexámoslle o maior éxito a esta nova creadora do noso concello.
Deixar unha resposta