Como sabedes, este verán uns vándalos queimaron parte da ponte de madeira que formaba parte do paseo marítimo e que unía O Pazo coa praia da Torre. Por ese motivo, dende aquela permanece pechada ao tránsito. Non obstante, dende Costas están xa a substituír a vella ponte de madeira por unha nova de aceiro. É dicir, que cambiará completamente a estética á que estabamos acostumados ata o de agora. Imos coñecer cando estará lista a nova ponte, o custo e tamén o aspecto que vai ter.
Segundo nos comenta o responsable da oficina de rehabilitación de Rianxo, Carlos Henrique Fernández Coto, unha vez “inspeccionada a estrutura por parte dos técnicos de Costas, déronse conta que os efectos que o artefacto causara na mesma, combinados co seu mal estado, suporían unha prolongada obra de restauración coa utilización de medios fóra do común e dende o mar”. Por ese motivo, e por consello do enxeñeiro Antonio González Serrano, decidiuse derruír “a maior parte dos tramos da pasarela e substituíla por unha n0va, de aceiro”.
Velaquí unha serie de fotos de hai unha semana, cando case non comezaran as obras:
Levamos anos afeitos á pasarela de madeira, polo que de seguro que nos choca de boas a primeiras unha doutro tipo material. Fernández Coto comenta que “a nivel estético, o máis axeitado talvez sería reconstruíla en madeira, pero o custo podería ser máis do dobre, xa que habería que desmontar peza a peza, arriostrar para que non se veña abaixo, e colocar peza a peza. E todo, dende o mar”.
Ademais, o proceso de montaxe da nova pasarela será máis sinxelo, xa que “cada treito da vella pasarela de madeira pesaba 13 toneladas e cada treito da nova de aceiro pesa 7 toneladas”. Así e todo, este acto vandálico custará a Costas moitos miles de euros. Oxalá que algún día se atopen os culpables e que os obriguen a pagalo do seu peto.
Esta mesma semana, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, agradecía a celeridade coa que Costas levou adiante o proxecto para que a pasarela volvese estar operativa o antes posible. De feito, vemos como as obras avanzan a moi bo ritmo.
O proceso comezou no mes de novembro, cando se comezou a facer a nova pasarela metálica nos talleres de M. Giance, en Boiro. Unha vez rematado o proceso de fabricación, a pasarela foi trasladada en cachos pola autovía ata Taragoña. Debido a que non collía por debaixo dos túneles que hai no camiño, o que se fixo foi parar na autovía o material. Dende alí, baixouse a pasarela con dous guindastres xigantes ata a estrada que vai á Torre. Despois, colocouse nun segundo camión especial, de 30 metros de longo, e transportouse ata a obra.
Velaquí a secuencia de entrada da pasarela xa na praia da Torre, onde se ve o complicado da maniobra para o camión:
“Xa alí, na obra, outras dúas xigantes grúas posicionan a pasarela sobre as pilastras de formigón”, como nos detalla o o responsable da oficina de rehabilitación de Rianxo. Vamos, que o proceso non foi nada sinxelo, como se pode ver nestas imaxes, xa de noite:
De seguro que máis dun se pregunta “Cantos cartos supón cambiar a pasarela peonil sobreo río Te?” Pois arredor de 300.000 euros. Como se reparten? O propio Fernández Coto explica que “só en medios auxiliares, catro guindastres xigantes e 3 camións especiais, o custo é de 70.000 euros (15.000 diarios)”. Ademais disto, hai que sumar o recheo no mar para situar os guindastres, “os honorarios dos técnicos, os xornais de 15 operarios e o custo de fabricación dos tramos da pasarela”. Cada quilo de aceiro custa 5 euros, e un só tramo son 7.000 quilos, así que podemos botar contas.
A execución e pagamento da obra non corre da man do Concello, xa que “a titularidade e responsabilidade da pasarela é de Costas (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) e do Ministerio de Medio Ambiente”, como salienta Fernández Coto. Dese xeito, “non lle repercutirá un só euro da reparación, agás as horas de vixilancia da Policía Local, os valos e pouco máis”, segundo o arquitecto.
Aínda que a obra non está rematada, grazas ás fotos que nos cedeu Fernández Coto podemos ter unha idea de como quedará a nova ponte sobre o río Te:
É importante explicar que a pasarela metálica está tratada con pinturas e protectores especiais antiagresión salina do mar, utilizadas en Navantia para os barcos. Vai requirir o mantemento de calquera outra edificación, pero como é de aceiro tratado, será inferior ao da madeira.
Se vos preguntades cando podederedes camiñar sobre esta nova ponte, temos que indicarvos que aínda quedan unhas semanas. Como observades nas fotos, está rematada a a estrutura. Pero ata o 8 de xaneireo estarán paradas as obras. A partir de aí, en palabras do arquitecto Fernández Coto, “comezarán a colocarlle as varandas laterais (que resisten 150 kg por metro) e o pavimento de madeira”, polo que calcula que en febreiro pode ficar aberta ao público.
Para rematar, agradezémoslle a Carlos Henrique tanto a información como as fotos que nos cedeu. Incluso nos mandou esta onde, de esquerda a dereita, se pode ver ao dono do Lareira, Ricardo, ao propio arquitecto, ao enxeñeiro Antonio González Serrano e á súa dona, despois dun día enteiro comprobando a montaxe da pasarela.
… Alégrome ter colaborado ao desenvolvemento desta nova, nova pola difusión, nova porque vai selo así a pasarela que tanto ben fixo e fará para a comunicación das persoas, das parroquias, e ata para cobater o colesterol malo_