Este pasado sábado, 28 de maio, tivo lugar o XI Serán de Rianxo, organizado pola asociación Vai de Roda. Hai que dicir que tiveron un mérito enorme, xa que ao mal tempo lle houbo que sumar que ese día foi a final da Champions. Non era fácil competir contra ese evento deportivo, pero xa vedes que houbo resposta e que a xente foi ata o Campo de Arriba a cantar, bailar e divertirse.
Contra a tronada e a chuvia houbo unha carpa, pola que pasaron un feixe de agrupacións durante horas. Ás 19.00 horas comezaba o Seranciño e ás 22.00 horas facía o propio o Serán, tomándolle o relevo os maiores.
Ben vedes que as novas xeracións chegan pegando forte, polo que a música tradicional ten canteira e moito talento.
E aquí tedes a Sabela Galbán coas súas alumnas, as Ronckeiras, dándoo todo sobre o escenario:
Só queda felicitar un ano máis a Vai de Roda polo estupendo traballo que están a realizar. E, como eles mesmos indican, todo iso foi grazas ao esforzo e á participación de moita xente:
“Grazas ás familias e soci@s de Vai de Roda por estar sempre aí, botando unha man, colaborando e animando. E aos meniñ@s e moz@s de Vai de Roda que bailastes e trouleastes sen descanso. Que gusto vervos disfrutar do Serán! Hai futuro.
E, como non? Grazas aos músicos e bailador@s que armastes festa no Campo de Arriba, enchendo de calor e bo ambiente a carpa, desde as sete da tarde ata… O Serán é voso e ben que nolo coidades!
Un agradecemento moi especial para os Ghorxardentes que animaron Rianxo desde o medio día e seguiron de festa ata o final”.
Deixar unha resposta