Hai varios días que a nosa veciña Esther Carrodeguas presentou o seu último libro, “Na butaca. Fantasía Nº 3 en Dor Maior”. A verdade é que foi un acto íntimo, pero moi emotivo. Os que estivemos alí vivimos un momento máxico cando Esther dediciu lernos varias páxinas da súa obra.
Comezou a presentación Francisco Castro, o director da editorial Galaxia. Explicou que para eles era moi importante traer ao seu catálogo a alguén como Esther. “Quedei namorado do proxecto”, comentounos, e todo fluíu moi rápido. Agradeceu tamén o feito de estarmos na biblioteca de Rianxo, “porque necesitamos bibliotecas”. De feito, a propia Esther indicaba que “sempre é un luxo poder presentar os meus textos” no lugar, “xa que, dalgunha maneira, é onde nacín como lectora, e, polo tanto, como escritora”.
Carrodeguas, á hora de falar de “Na butaca. Fantasía Nº 3 en Dor Maior”, contounos que era tres libros nun. Unha parte fala sobre o esquecemento, outra sobre a crítica a estar na butaca e non facer nada por cambiar as cousas e outra sobre a necesidade de vivir, de aproveitar o día a día a día e ser feliz. E segundo a parte do libro que leas, abordas unha ou outra cuestión.
En relación ao esquecemento, hai partes que abordan a demencia e o alzheimer. De feito, no libro nótase que hai moitas situacións persoais detrás. Foi comezar a ler a súa obra (onde se mestura poesía e teatro), e vivir un momento moi emotivo. As bágoas e os sentimentos acumulados saíron de súpeto:
Teño que confesar que lendo días despois o libro me emocionei tamén. A nivel persoal sentinme identificado con moitas das liñas da súa obra. Son frases aparentemente sinxelas, con moi poucas palabras, pero brutalmente reais. Dende logo a min sorprendeume e gustoume moito. É destes libros que cada vez que les o fas cunha perspectiva diferente e as ideas non deixan de bulir pola cabeza.
Ademais, o libro acaba de ser escollido finalista nos Premios Gala do Libro Galego, polo que lle damos a mellor enerxía para o evento do 19 de maio.
Deixar unha resposta