O Ministerio de Facenda acaba de publicar a débeda bruta e a débeta por habitante de cada concello. A última vez que a analizamos neste blog foi en 2014, cun dato relativo ao ano anterior. Daquela debíanse 3,27 millóns de euros. Baixou, subiu ou está a cousa igual?
A verdade é que o dato non pode ser máis que sorprendente, porque se rebaixou a débeda en tres millóns de euros. É dicir, que debemos 0,25 millóns. Se botáramos o cálculo por rianxeiro, serían 22€ por cabeza, cando antes eran 282€.
Vexamos a evolución interanual que recollemos neste gráfico de foro-ciudad.com:
Como sempre nos gusta saber que é o que pasa nos concellos veciños, imos analizar a débeda nos municipios propios. De novo, o dato correspóndese con finais de 2017:
- Ribeira: 5.912.000 de débeda. 217,68€ de media por habitante.
- Catoira: 4.807.000 de débeda. 1.440,52€ de media por habitante.
- Boiro: 3.410.000 de débeda. 180,57€ de media por habitante.
- A Pobra: 778.000 de débeda. 82,42€ de media por habitante.
- Dodro: 252.000 de débeda. 88,98€ de media por habitante.
- Lousame: 52.000 de débeda. 15,09€ de media por habitante.
Na contorna, vemos que o que máis cartos debe por habitante é Catoira. Dende o 2013 rebaixou en 400.000 euros a súa débeda, pero foi dos que menos esforzos fixo neste sentido. De feito, é o 188º máis endebedado de toda España.
Despois estaría Ribeira que dende no 2013 debía 8,46 millóns e agora debe case dous millóns e medio menos.
Sorprendente é o caso da Pobra, que pasou de 4,9 millóns de débeda a preto de 800.000, é dicir, catro millóns menos de euros.
Boiro rebaixou 3,3 millóns a débeda, dos 6,67 millóns aos 3,4.
Dodro ten a metade da débeda, pasando de medio millón de euros no 2013 a uns 250.000.
Por último, o que menos debe é Lousame, incluso menos de media por habitante que Rianxo. Uns 15€ por habitante, arredor de 50.000 euros, polo que é o máis saneado dos que temos nas proximidades.
Deixar unha resposta