Tag Archives: fotos das festas da guadalupe 2011

Fotos das Festas da Guadalupe 2011: o feirón mariñeiro

17 Set

Hoxe por fin puiden colgar as fotos máis agardadas por todos vós:  as do feirón mariñeiro. Subín un feixe delas e máis que de seguro que puiden ter subido, pero para o ano haberá ocasión de poñer máis 😉

Se estás nalgunhas destas imaxes e queres que che pase a foto en maior calidade ou ben queres que a retire do blog, escríbeme a oscar.reboiras@gmail.com

Nesta serie de fotos imos comezar cos músicos. O feirón mariñeiro é un ir e vir de xente e as rúas están cheas de animación. E boa parte deste mérito é dos rianxeiros que ademais de ir engalanados para a ocasión tamén sacan as súas gaitas, tambores, acordeóns e guitarras para cantar e festexar a xornada. Este ano coido que debemos ser a vila con máis músicos por metro cadrado.

Un dos que non faltou á xornada foi o noso alcalde, Adolfo Muíños, que animou o ambiente das súas tocando. Pero á xornada tampouco faltaron nin Carlos Gey nin Vanesa Martínez.

Este señor paroume pola rúa e pediume que lle sacase unha foto e lle puxese: “Aquí está un rianxeiro”. Así que o prometido é débeda:

Algúns mesmo tocan acompañados da súa mascota:

E tamén nos atopamos con xente que igual non ten habilidades musicais pero se quere unir tamén á festa:

Este ano tampouco faltou á cita Cé Orquestra Pantasma:

O mago rianxeiro máis famoso, Alan Golías, paseu por todas as rúas deixando a todos coa boca aberta:

Unha das grandes cousas do feirón é que podemos descubrir de primeira man oficios que habitualmente non adoitamos ver:

Aquí tedes en acción á miña amiga Natividad palillando nun soporte máis que orixinal:

Pero no feirón a xente tamén aproveita para vender, coma estas mozas que ofrecían castañas e rosquillas:

Podes aproveitar tamén para buscar calzado e mirar se hai algo que che vaia ben:

Iso si, de cando en vez é importante recuperar enerxías taceando un pouco:

E se con esas non vai a cousa, sempre nos podemos sentar uns intres:

Aínda que tamén hai quen ten moita enerxía dentro e a prefire soltar a paus:

Por último, sinalar que ao igual que no entroido aos tíos vese que nos gusta disfrazarnos de mulleres 🙂

Fotos das Festas da Guadalupe 2011: culturas urbanas

16 Set

Un ano máis celebrouse a xornada da Cultura Urbana coa xente da Vella Escola de Noia. A novidade (para min), máis significativa deste ano foi que houbese unha demostración de parkour polas rúas da vila e dende a praza da Guadalupe. Iso si, esta xente fíxonos correr e moito e deume a sensación de que non tiñan moi claro a onde podían ir e que facer. Para os que andabamos detrás deles foi un pouco caótico e estresante, a verdade. Iso si, é espectacular velos en acción.

Tamén houbo un taller e exhibición de break dance:

E mesmo un obradoiro de disc-jockey (xunto a outro de beatbox ou de skating, que tiveron lugar durante todo o día):

Fotos das Festas da Guadalupe 2011: o día das Juadalupeñas

16 Set

Un dos días nos que máis rimos é o das Juadalupeñas, coas súas probas imposibles e os seus momentos delirantes. Iso si, desta vez non se apuntaron moitas peñas ás probas e cada vez semella que custa máis levantarse a certas horas 🙂

Se saes nalgunha destas fotos e a queres en maior tamaño ou ben prefires que a retire do blog, escríbeme a oscar.reboiras@gmail.com

Velaquí algún dos membros das Comisión de Juadalupeñas mans á obra:

Para comezar a cousa, o primeiro sempre é a xinca ou proba de relevos. Coa súa carreira enriba destas grandes bólas:

E tamén o relevo en carretilla. Aínda que algúns teñen sistemas completamente novidosos:

A xincana remata cun relevo no que os participantes teñen que levar un ovo enriba dunha culler que sosteñen coa boca. As présas ás veces son moi malas…

E que dicir da carreira de contedores?? Mellor ca unha de Fórmula1:

Como se pode ler no contedor, hai que ter moito valor para enfrontarse a esta proba porque un pode acabar mal parado:

Coma estes dous rapaces, que acabaron no chan tras unha freada un tanto no límite:

E este é o momento previo a un forte golpe que sufríu un dos membros da Comisión de Juadalupeñas. De feito tivo que irse polo moito que lle doía:

Outra das probas estrelas é o escachamento de ovos en cachola allea. Se ao veciño lle rebentas un ovo cru segues aínda. Pero se o ovo está cocido quedas eliminado:

E por último, unha serie de fotos da competición da corda, na que se demostraba quen era o máis forte:

A que non sabedes cal foi o obxecto estrela destas festas? Pois si, as gafas con patillas de cores:

Fotos das Festas da Guadalupe 2011: a festa da escuma

15 Set

A diferenza doutros anos, nos que Rianxolandia e a festa da escuma se celebraba coincidindo co último día das celebracións, o venres, desta vez, por mor do recorte dun día, a cousa pasou ao sábado. E aínda que a xornada amenceu gris e con algún que outro chuvasco, ao final animouse un montón de xente.

Se por algún casual saquei a túa foto aquí e che gustaría tela en calidade grande ou ben queres que a retire porque non che fai graza que a publique, escríbeme a oscar.reboiras@gmail.com

Isto de meterse coas gafas non sei eu se é moi bo 🙂

Velaquí os bombeiros en acción e un feixe de xente con ganas de auga:

Hai que ter coidado coa escuma porque pica, e senón que llo digan a este rapaz:

Durante a festa detectouse algún submarino co periscopio levantado:

Iso si, houbo quen foi voluntariamente á festa e houbo a quen tiveron que obrigar a desfrutar da escuma 🙂

Iso si, aos rapaces como que lles soubo a pouco e se vían apenados cando os operarios comezaban a limpar:

Da celebración vou destacar algunhas anécdotas. A primeira é que mentres ducias de mozos e non tan mozos se mollaban na escuma, había quen pasaba de refilón por alí para casar:

E tamén había quen quería tomar algo no Guadalupe mentres desfrutaba da sesión vermú e vese que debía levar zapatos novos que intentaban evitar o contacto coa escuma:

Por último, un espontáneo que se subiu durante a sesión vermú ao palco da orquestra Océano e que non tivo máis ocorrencia que… baixar completamente os pantalóns!! E si, eran as dúas e pico do mediodía, non da noite :O