Dende hai uns meses levaba con ganas de facer un post especial para fin de ano, así que hoxe, como teño tempo, decidinme a falar de como usan os políticos rianxeiros as redes sociais.
– BNG: En primeiro lugar teño que falar do partido que ten a alcaldía, do BNG, que era tamén o que máis se movía nisto das redes sociais, xa que teñen un blog (http://bngrianxo.blogaliza.org) e durante a campaña electoral colgaron moitos vídeos en Youtube.
Ben, ía darlles un tirón de orellas aos do BNG porque dende as eleccións tiñan o seu blog abandonado, e mesmo preguntas sen responder no post no que se agradecía aos veciños a confianza ante os resultados electorais. Hoxe, para a miña sorpresa, descubro que de novo a súa bitácora volve estar activa. En concreto dende o 10 de decembro volve haber entradas, pero pasaron máis de seis meses. Un erro no que adoitan caer moitos políticos é en usar as redes sociais para a campaña e, unha vez rematada esta ou conseguido o poder, deixar de lado ferramentas que antes usaban moito, como neste caso o blog.
Se dende o BNG non queren mesturar o blog do partido co que sería o de Adolfo Muíños, o noso consello é que tomen exemplo doutros alcaldes da zona, como Rafael García, o de Noia, que ten un blog propio no que fala dos asuntos do seu concello. Moitos non seguimos día a día as cousas de Rianxo polos medios de comunicación, así que estaría ben ter un lugar onde ver esa información e ter distintos puntos de vista. Por exemplo, xa se está a traballar no PXOM e eu non vin nas redes sociais do BNG ningunha información deste tipo. Tamén sei que están participando cada vez máis persoas nos plenos do concello, pero esas noticias non quero velas só en La Voz de Galicia, senón que me gustaría que proactivamente se difundise e se informase aos veciños de cando é un pleno, das cuestións que se van tratar, etc. e para están tamén os blogs, o Facebook ou o Twitter.
Noutra orde de cousas, a nivel de estilo, diríalles que non usasen as maiúsculas porque en internet iso é como berrar e non está ben visto.
Por outra banda, en canto ao Facebook, o BNG de Rianxo ten un perfil creado (con máis de 400 amigos) e Adolfo Muíños tamén ten o seu (con máis de 600 amigos). Nos dous casos o perfil está aberto, é público e pódese ver o que se escribe sen necesidade de ser amigos, o cal é de agradecer. Iso si, o partidos políticos, organizacións, institucións e demais non deben crear un perfil de tipo persoal, senón que deben crear unha páxina. Do contrario corren o risco de que Facebook lles elimine o perfil.
De novo boto en falta información de cara aos cidadáns de Rianxo que poidan ser interesantes. É certo que se difunden moitas actividades culturais, pero pouco máis. Igual non o vin eu, pero de novo nada do PXOM nin doutras cousas prioritarias para o Concello.
Por último, sinalar que Adolfo Muíños ten conta no Twitter (uns 100 seguidores):
Salta xa á vista que o seu perfil non está actualizado, xa que indica que é candidato á alcaldía cando realmente é o alcalde. De novo vexo información sobre actos institucionais e actos culturais do Concello, pero poucas cousas centradas noutros temas. Por exemplo, o 12 de maio falaba de que había que recuperar o servizo de ambulancias para Rianxo. Ese é o tipo de temas que boto en falta, que se fale das xestións dende a alcaldía ou dende as concellerías que propician melloras para Rianxo.
– Partido Popular: sinceramente, creo que é o partido que máis está aprendendo disto. Así como o BNG era o avanzado da clase e ultimamente estaba frouxo, o PP soubo posicionarse e ir collendo o seu sitio. De feito, en Rianxo hai dous ou tres anos moita xente non sabía nin quen era o líder deste partido e pouco se sabía das súas xestións. A pesar de que Vanessa xa viu que isto das redes sociais non é doado e que a xente moitas veces non fai críticas construtitivas, senón que van a facer dano, continúan facendo cousiñas, pero sen asesoramento.
En primeiro lugar, teñen unha páxina web http://www.ppderianxo.com que nas eleccións non estaba actualizada, pero que agora si que o está.
A imaxe, certamente, na campaña das municipais non era a mellor. Eu creo que xa postos, antes que sacar algo mal é mellor non sacar nada porque a imaxe que se dá de cara á xente é negativa. Se algo teu o sacas tarde, mal e a rastro, que farás noutro sitio, como na alcaldía? Agora a cousa está ben, e mesmo podemos atopar noticias sobre a súa actividade no concello, preguntas e respostas dos plenos. Vamos, que é interesante: http://www.ppderianxo.com/inicio_2879697.html
Iso si, tamén teñen “páxinas en creación” como o programa por parroquias. Xa postos, como realmente non se van crear porque xa pasaron as eleccións, eu recomendaría eliminar esas páxinas: http://www.ppderianxo.com/arano_2897568.html
Tamén recomendaría, que se non teñen canle en Youtube ou en Twitter, que non indiquen nada, porque certamente é algo que queda mal. Mesmo aparecen cousas que se supón que son do informático, con anotacións en castelán: “Vanesa Martínez en Twitter (hacer enlace)”: http://www.ppderianxo.com/siguenos_2890141.html
En canto ao Facebook, o partido ten un perfil público (máis de 600 amigos) e Vanessa Martínez ten un perfil que é privado (polo que non podemos ver que tipo de contidos publica). De novo é un erro ter un perfil para un partido político. O normal é ter unha páxina xa que non se trata de persoas. E as páxinas non teñen amigos, senón seguidores ou fans que saben que ninguén “en abstracto” lles vai cotillear nos seus perfís persoais. O Facebook permite cambiar un perfil persoal nunha páxina dun xeito moi doado, e sería recomendable que o fixesen.
De novo, ao igual que no caso do BNG, abusan das maiúsculas, algo que está mal visto na internet. Simplemente hai que escribir normal, porque poñer todo en maiúsculas interpréstase como berrar. Outra cousa que me chocou é que case todo o poñen en castelán. Realmente se se queren dirixir aos seus votantes de Rianxo, deberían ter claro que case todos falamos en galego e eles tamén participan nos plenos na nosa lingua, así que é un tanto contraditorio.
Por outra banda, inclúen moitas novas relacionadas co que pasa no Concello, como a inauguración da depuradora de Leiro e ligan tamén todas aquelas noticias que saen nos medios de comunicación nas que directamente se fale deles ou dalgún tema no que participan. Antes case non saían nos medios pero agora teñen claro que é importante que a súa actividade tamén teña reflexo na prensa como oposición forte. Creo que é algo acertado, como fixo o BNG no seu día. É importante ter unha alcaldía que faga cousas, pero tamén é importante ter unha oposición centrada, que controle o que se fai, que denuncie o malo e que faga poñerse as pilas ao goberno municipal.
Ah, case me esquezo de dicir, que as Novas Xeracións do PP de Rianxo tamén teñen perfil no Facebook, pero tamén privado 😦
– PSOE: do Partido Socialista de Rianxo pouco hai que dicir, porque non debeu descubrir que é isto das redes sociais. Actualizou a súa web días antes das eleccións municipais (ata o feito que se podía ver a Pérez Touriño no encabezamento da mesma, cando xa había máis de dous anos que non era Presidente da Xunta) e aí quedou a cousa: http://www.psoe-rianxo.org/
Vamos, que só se preocuparon un pouco de cara ás eleccións e, dende aquela, nada de nada. Non hai información do que fan no Concello, non teñen blog, nin Facebook, nin Twitter (cando menos eu non atopei nada).
Resumindo: tirón de orellas ao BNG por baixar o nivel nos últimos meses e falta de información directa do que se fai no Concello, aprobado para o PP que comeza a informar máis e mellor de todo o relacionado coa súa formación, aínda que con fallos, e suspenso para o PSOE porque non existe no mundo dixital.