Entrevista a Vanessa Martínez, candidata á alcaldía de Rianxo polo PP

11 Mai

19.30 horas do domigo. Aparco o coche a 10 metros do Pontella. Na beirarrúa hai ducias de persoas charlando, seguramente comentando o mitin que o PP ofreceu hora e media antes e no que estivo Alfonso Rueda, o secretario xeral do PPdeG. Vexo a Vanessa de lonxe e decido achegarme. Está falando con alguén e, ao verme, xíranse. Decido presentarme (xa acordaramos a entrevista por correo) e imos a un reservado do restaurante. De fondo xoga Nadal con Djokovic polo que, mentres acendo a gravadora, sinto un deja vú. Velaquí case a práctica totalidade da entrevista.

-Podería explicarme a súa formación e a ocupación actual?

– Comecei Dereito e, no primeiro ano, chamáronme para traballar no 061 de operadora de emerxencias porque tiña feito un curso. Actualmente, estou no Hospital Clínico de Santiago, na Unidade de Investigación de Hipertensión, traballando nun proxecto de investigación clínica relativo á monitorización e á análise da presión arterial.

-É prioritario no seu programa sacar adiante o PXOM do Concello?

-Xunto con sanear as contas do Concello é a nosa prioridade. Queremos facer un PXOM adaptado aos veciños, ao casco urbano, ás parroquias e ao polígono industrial.

-Por que non está resolto a día de hoxe o problema do PXOM?

-Porque ao alcalde non lle interesaba. De feito, tivemos un PXOM na man, meteuno no caixón, houbo una denuncia e o concello tivo que indemnizar ao redactor do PXOM con 255.000 euros. É dicir, tiñamos un PXOM que despois non se quixo poñer en vigor, pero estaba feito, polo que se non o temos o culpable é o alcalde. Os culpables non son nin os veciños nin a oposición. Estiveron traballando un montón de tempo nel e ao final non lles serviu para nada.

-Canto cre que tardaría en estar resolta esta cuestión?

-Falamos coa Xunta e, se gañamos, consideramos que podemos ter o PXOM nos dous primeiros anos, listo para aprobar. Ao iniciar a segunda parte da lexislatura ten que estar o PXOM aprobado.

-Deixariades espazo na web do Concello para que o resto de forzas políticas?

-Non pensara niso, pero non teño por que negarme. Pódese poñer un apartado no que cada un poña as súas cousas. Agora, hai que saber o que se pon e non facer política. Todo o que sexan cousas positivas, axudar ou colaborar, por suposto que si. Non obstante, se son críticas destrutivas non. Pero todo o que sexa polo ben dos veciños, por suposto que si.

-Non se permitiría no caso de buscar un enfrontamento entre os grupos, non?

-É que se vai empregar máis que para facer cousas polos veciños, para queimar o equipo de goberno. De feito, se a min o alcalde mo permitise posiblemente non poría nada.

– Que modificacións incluiría na política de servizos ao cidadán (servizos sociais, cultura deportes..:) e que papel lle outorgaría aos axentes implicados?

-Penso que as asociacións están bastante abandonadas en Rianxo. Aí temos o caso do Club de Remo, que acaba de gañar o Campionato de España e non foi ningún representante do Concello. E hai que felicitalos, así como ao Unión, que acaba de subir a Preferente. Penso que hai que estar co deporte e coa xuventude e, por suposto, cos grupos culturais. Iso si, tampouco o hai que levar ao extremo de dicir “todo para o deporte e para a cultura, e nada para o resto de ámbitos”. Pero non podemos esquecernos deles porque son a base da nosa xuventude.

-Cales serían as liñas mestras do programa do PP?

-O saneamento das contas públicas; a creación de emprego; o PXOM; a construción dun Centro de Día; un plan real de dinamización do polígono industrial; o saneamento integral das parroquias; formación profesional; eliminar postos de libre designación; ocio infantil, xuvenil e senior; fomento das actividades turísticas; construción da estación de autobuses e mellora da rede viaria. Son os 12 puntos nos que baseamos a nosa proposta e que desenvolvemos, por esa orde, no noso programa.

-Cre que fai falta un cambio político en Rianxo?

-Totalmente. Penso que estamos cunha política que non é nada acertada e de aí os cinco millóns de débeda que temos. A estas alturas, estar rexéndonos por unha normas subsidiarias do ano 1985 cando todos os concellos teñen PXOM, e non ter o polígono industrial ocupado é porque algo está pasando en Rianxo, é porque algo están facendo mal e a economía vai para baixo, non para arriba. Houbo que pedir un crédito de catro millóns de euros que, sacalo adiante e pagar os intereses, nos está a custar un ril. Vamos, que a política do PSOE non é a correcta para Rianxo.

-Cales serían as luces e as sombras de Rianxo nestes últimos anos?

-Luces, nestes últimos anos vexo poucas, máis ben vinas na primeira e na segunda lexislatura (de Pedro Piñeiro), vin un interese do alcalde polos veciños e polas parroquias. E agora, máis que nada, vemos sombras, camiños desfeitos, sen arranxar. Os veciños teñen que dar as grazas a que veñan as eleccións e vaian tapar un pouquiño e arranxar as fochancas. Estes anos, nin limparon as cunetas e non sei se o van facer nestes cinco días de campaña. Polas aldeas é moi difícil transitar; aínda fomos o outro día por Isorna e estaban os arrós sen desbrozar e as estradas sen amañar ou sen continuidade (chegan ata un punto e cesan). As aldeas están mal e o casco urbano morre. Antes, aquí en Rianxo, coa crise, a moita xente custáballe chegar a fin de mes e hoxe xa nin empeza. Se vas polo casco urbano non fas máis que ver “se alquila”, “se vende” e todos locais comerciais.

-Cal é a meta do PP nestas eleccións?

-Nós presentámonos sempre co obxectivo de ter unha maioría absoluta porque sabemos que doutra forma non imos a gobernar, porque os outros dous partidos van a pactar. Sabemos que non é fácil, pero estamos aí e non teríamos problema en gobernar con minoría simple. O que non vamos é a ceder a pactos.

-Teñen no seu partido medo a un pacto PSOE-BNG?

-Si. De feito, sabemos que pactarían, nunca o negaron cando se lle preguntou por el.

-Hoxe estivo aquí Alfonso Rueda e o outro día, na súa presentación como candidata, fíxoo Feijóo. Iso quere dicir que o seu partido o está a dar todo con vostede?

-O apoio do PP de Galicia estámolo notando nestes catro anos. Dende que son voceira do partido aquí en Rianxo e dende que entrou o PP na Xunta, vin un gran apoio cara a Rianxo. Hai un gran cariño por Rianxo ata o punto de que Feijóo vén moitas veces ata aquí sen ser en actos políticos. De feito, o outro día estivo aquí (no Pontella) á unha menos cuarto da mañá e, casualmente, só estaba o alcalde de Rianxo na barra. Veu falar co grupo municipal porque está moi involucrado e lle gusta Rianxo. Hoxe, por exemplo, tamén veu o secretario provincial, que á vez é o superdelegado provincial da Xunta, e non é que o chamemos, é que se ofreceu a vir. Hoxe deberían de estar nas grandes cidades porque levantan maior interese, pero aquí están eles. Tampouco estaba previsto que viñese esta tarde o presidente de Portos e aquí estivo, como tamén o xerente provincial do partido, que veu a título persoal.

-Por que cre que historicamente sempre gañou o PSOE en Rianxo?

-Esa mesma pregunta sempre ma fixen eu moitas veces. Chegan as eleccións autonómicas e vemos que aquí gañou o Partido Popular. Ata estas eleccións municipais vemos que o PP leva sendo a opción máis votada nas últimas tres eleccións (nacionais, autonómicas e europeas) polo que cremos que se lle vota á persoa. O carisma do alcalde nestes últimos anos foi o que lle fixo gañar as eleccións, pero hai que ter en conta que tivo 13 concelleiros e ten nove actualmente, a moi poucos votos de perder a maioría absoluta. Polo tanto, está en decadencia e por iso supoñemos que tamén fixo un cambio de candidato, porque é moi probable que agora non fose a gañar.

-Cre que estas eleccións están máis abertas en canto que se presenta un candidato novo por cada partido?

-Somos tres candidatos novos, que nunca antes nos presentaramos como cabeza de lista e o alcalde, que era a persoa á que votaba o pobo, xa non está aí, polo que está todo moito máis aberto. Vai haber un antes e un despois destas eleccións en Rianxo.

-Gustaríame que me dixera un defecto e unha virtude dos outros dos rivais á alcaldía de Rianxo.

-Adolfo (BNG) creo que é un traballador nato. Para min, que o coñezo, traballa moito. Agora, o seu defecto é que di unha cousa e fai outra. Nos plenos, moitas veces, argumenta unha cousa e á hora da verdade vota a contraria: se ti argumentas que non estás nada de acordo co que fai o alcalde, non podes darlle un voto de confianza e dicir que si. Que está aí apoiando a vila? Hai xente que di que si e xente que di que non, pero o que eu vexo é que se interesa.

A Carlos Gey (PSOE) non o coñezo de nada, só dos papeis que vin, do que cobraba e pouco máis. Non podo dicirche nin un defecto nin unha virtude. Non me crucei con el no Concello nin o vexo nos plenos. Supoño que estará na alcaldía co alcalde.

-É o secretario do alcalde?

-Non, pero se me das un momento… (levántase para ir buscar uns documentos). Aquí podes ver o que cobraba antes como asesor, eran 50.006 euros. Actualmente, dende que sabe que vai de alcalde, isto foi aprobado en xaneiro, (amósame uns documentos con data de 2011) baixouse o soldo a 12.801,52 euros. Isto non mo invento eu, está nos orzamentos do Concello. El di que eu mentín o outro día cando dixen que cobraba 50.000. Foi verdade que mentín e recoñezo que mentín porque non vira este último documento no que se ve que dende xaneiro cobra 12.801,52. Acabo de recoñecer publicamente no mitin que me equivoquei, non o mandei á prensa nin nada. El, na súa web, sinala que como podo dicir iso; pois non o digo eu, dino os orzamentos. E como en decembro soubo que ía de alcalde, en xaneiro puxéronlle menos soldo para que despois non fose pedirlle o voto aos veciños, coa crise que hai, moitos ao mellor no paro e el con 50.000 euros. Claro, quedaba máis bonito tendo 12.000 euros de soldo. (Amósame o punto 11 dos orzamentos, que en 2011 indica “persoal eventual” e no 2009 aparece co epígrafe de “persoal eventual de gabinete” e sinálame que o alcalde só tiña unha persoa no seu gabinete).

– Sería un candidato continuista, na liña de Pedro Piñeiro?

-Si, porque se é o seu asesor, non tería lóxica que lle aconselle facer algo a Pedro Piñeiro e agora queira facer outra cousa distinta. Vaise o alcalde e pon ao seu asesor. E debe ter mala conciencia cando se baixa así o soldo, de 50.000 a 12.000 euros. Un ano merece os cartos e este ano non? Curiosamente este ano está traballando máis ca nunca porque o alcalde non vai a unha Comisión de Goberno dende hai dous meses e Carlos Gey está despachando na alcaldía. Son varias as persoas que mo comentaron, que foron alí pedir un permiso e aparece o señor Gey dicindo que o alcalde non está, que vai na Deputación ou noutro compromiso e xa os atende el. Como non pode ir aos plenos porque non é membro da corporación, estase promocionando aí, usurpando xa as labores do alcalde.

-Para rematar, gustaríame preguntarlle polo feito de que o perfil de votante-simpatizante do PP se adoita asociar a unha persoa maior pero, curiosamente, vostede preséntase por este partido con 31 anos?

-Si, creo que do Partido Popular son a candidata máis nova da provincia e unha das máis novas de Galicia. É certo o tópico que ti comentas do perfil de votante maior pero, por outra banda, os resultados das anteriores eleccións desménteno totalmente. Os votos que sacamos nas xerais, nas europeas e nas autonómicas proceden de toda a poboación, non só da xente maior, porque foi unha porcentaxe bastante alta. E agora, máis ca nunca, estamos notando o apoio da xuventude. E para mostra todos os mozos que viñeron hoxe ao noso mitin, moitos máis que hai anos, e que mesmo se ofrecen a colaborar. Realmente existe ese mito, pero non é certo, porque hai moita xuventude apoiándome e un domingo, en lugar de estar vendo a Nadal, están aquí, nun mitin do PP.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: