Esta fin de semana pasada estrearon os de Airiños o seu Cabaré dos 80…Anos de Airiños, cun cheo total no Auditorio os dous días e, como non, tamén no día da preestrea.
Fotos de Rianxo estivo alí ese primeiro íia, o da preestrea, para acadar esas tan ansiadas fotografías do grupo de teatro en activo máis antigo de Galiza. Desfrutamos moitísimo desdes 90 minutos cheos de humor, baile, posta en escea…
Deixamos antes de nada un texto escrito para a ocasión dunha persoa moi especial:
“Fai un ano agromou na miña cabeza a idea deste Cabaré. O grupo estaba a piques de entrar nos seus 80 anos e había que festexalo: que mellor maneira que facelo no teatro?
Traballar coa historia do grupo permitíame varias cousas. En primeiro lugar empaparme dunha historia que eu non vivira. Por outro lado, traballar dunha maneira totalmente diferente: sen lles dar aos actores e actrices un texto o primeiro día. Revalorizaba así (a través do xogo creativo) as horas de ensaio, no canto de dar máxima importancia ao día da función.
Pero a celebración deses 80 anos non puido agardar á estrea, xa que durante os meses de ensaio se nos concederon dous premios (o da Cultura Galega e o Pedrón de Ouro) que fixeron deste 2013 un ano ben importante para a historia do grupo. Un ano que pasou de ser o ano da celebración a ser un ano de grandes emocións… pero tamén de moitas reflexións.
Sexa como o noso Cabaré é o resultado teatral dunha vivencia grupal. Un crebacabezas artellado a partir de improvisacións, xogos teatrais, rexistros actorais novos para o grupo, desexos dos propios actores e actrices que nunca antes puideran cumprir en escena… Mais sobre todo o noso Cabaré é o froito de moitísimas horas compartidas, risas, complicidades, tensións, dúbidas, pernas cada unha para o seu lado, notas desafinadas, noites de inverno achicando auga no Simón Varela, noites de saír pola porta pensando que o cabaré non estaría listo xamais… E tamén moitas cervexas, viños e colacaos na de Sito.
Un ano despois podemos dicir que estamos orgullosos do noso traballo, que fixemos rir a nenos e maiores, que emocionamos tamén a algún que outro, e sobre todo, de gozamos (do proceso de creación e de subirnos de novo ás taboas do Auditorio de Rianxo). E iso é, sen dúbida, o máis importante, porque o teatro, é xogo.”
Esther F. Carrodeguas
Directora do Cadro Artístico
E imos, sen máis demora, coas fotos de rigor que fixemos durante a preestrea no Auditorio de Rianxo:
Agardemos, máis ben cedo que tarde, desfrutar outra vez destes xeniais artistas enriba dun esceario.
E como ben sabedes ,imos desexarlles hoxe e sempre MOITA MERDA!!!
Deixar unha resposta