Velaquí unhas cantas imaxes da igrexa do Araño.
Festa do Mexillón 2011
16 AgoA pasada fin de semana celebrouse a Festa do Mexillón de Rianxo. O certo é que esta festa cambiou moito nos últimos anos e, mentres antes se facía pola tarde e estaba pensado para os turistas, agora colleu unha maior dimensión e dura toda a fin de semana, conta con moitas actividades e mesmo actuacións musicais. De todos os xeitos, foi unha lástima o tempo, porque o domingo debeu ser dos peores días do verán.
Eu paseime por alí o sábado ás 11 da noite e este era o ambiente.
A festa dos Milagros do Araño 2011
8 AgoComo cada primeiro domingo de agosto, na parroquia rianxeira do Araño celébrase a festividade da Nosa Señora dos Milagros. Hai misas cada hora, dende as 8 da mañá, pero sen dúbida, a que ten maior afluencia é a da 1 do mediodía, na que se realiza unha pequena procesión que remata coa imaxe da Virxe na igrexa parroquial. Velaquí as imaxes deste ano.
Remato a serie de imaxes, coma sempre, co posto das sandías 🙂
Como nota curiosa, comentar que pola tarde, o meu pai e máis eu quixemos ir en bicicleta polo monte (aínda que tivemos que volver mollados coma pitos). O caso é que baixando do Vilar (cando faltaba un quilómetro para o campo de fútbol), atopámonos co camión da orquestra Passarela, que nos preguntou se había máis arriba algún sitio para dar medio volta ao tráiler. O que non sei é como non deron volta directamente no campo das festas ¿?
A antiga casa rectoral de Leiro
6 AgoEsta entrada vai para o meu amigo Mario, que foi o que me levou a descubrir a antiga casa rectoral de Leiro. Como podedes ver, está totalmente abandonada e feita un cristo (nunca mellor dito). Dentro estaba o antigo cinema da parroquia, como o demostra o carteliño de “Prohibido Fumar”. E nos arredores pode atoparse unha antiga cociña, os cortellos e un enorme hórreo (supoño que se enchía no seu día grazas á inestimable axuda dos veciños) que está a ser devorado polas hedras.
O Festival Antrospinos 2011
3 AgoAntes de nada teño que dicir que este foi o primeiro ano que fun ao Festival Antrospinos (e iso que ía polo cuarto capítulo) e teño que dicir que estou moi impresionado. Sinceramente non me esperaba que tiveramos aquí ao lado, en Taragoña, un festival deste nivel: moitos grupos de todas as partes do mundo (ademais de músicos galegos pasaron polo festival artistas de Portugal, Arxentina, Barcelona ou Andalucía).
Pero sobre todo, o que me sorprendeu foi a organización. Había unha zona de acampada bastante amplia e con moitas tendas (o meu pai comentoume que o venres o pararan catro mozas portuguesas para preguntarlle por onde se ía ao festival).
O escenario era enorme, o cartel do máis variado e o lugar dos concertos estaba valado. A entrada era totalmente gratuíta pero non se permitía facer botellón, así que había un par de gardas de seguridade controlando que a xente non trouxera alcol. Entendo que era un xeito de poder afrontar os gastos do festival, porque no recinto a organización tiña as súas propias barras con bebida. Pero certamente quedoume a dúbida de se cos patrocinadores que teñen no cartel (a construtora Fuentes Esperante, a de pozos Tarrío&Suárez, a de polvo Fesba e a de autobuses Muíños) e co que puideron gañar entre bebidas e unha pequena tenda con artigos do Festival Antrospinos puideron cubrir todo.
Sinceramente, a miña felicitación aos organizadores, agardo que cada vez se coñeza máis o Festival Antrospinos e que dende o Concello se apoie a súa continuidade.
No perfil do facebook do Festival Antrospinos tedes un feixe de fotografías do evento, e recoméndovos que vos deades unha volta por alí, porque están moi ben. E eu tamén vos deixo algunhas que saquei do sábado. Estes son os andaluces Canijos Sin Fronteras, que cantaban a todas as Maris habidas e por haber: Maricarmen, Mariconchi… 🙂
E estoutros son os lisboetas Gilbert’s Feed Band, un grupo que intentaba irradiar alegaría e bo rollo no seu espectáculo:
Matraquillada 2011 no Festival Antrospinos
3 AgoO pasado sábado día 30 de xullo partía de Campo Maneiro unha nutrida delegación de matraquillos e tractores para percorrer a parroquia de Taragoña. Aínda que a calor era sufocante, alí reuníronse uns 30 vehículos agrícolas para dar lugar á 3ª Matraquillada dentro do programa do Festival Antrospinos. Partiron a iso das 4 da tarde, e velaquí podedes ver algunhas imaxes deste singular “desfile” no que reinaba un moi bo ambiente.
Se alguén quere algunha das fotos pero en grande, que non dubide en escribirme a oscar.reboiras@gmail.com 😉






































































