Aínda que moitas veces semella que a traxedia de que os bancos se queden coa túa casa pasa en cidades ou sitios máis afastados, o certo é que hai máis casos dos que pensamos preto de nós. É o caso desta veciña de Rianxo, que ten uns ingresos de 400 euros e non pode nin facer fronte aos gastos máis habituais. Agora, o seu home deixouna tras deixar tras de si unha gran débeda. É de recoñecer a labor do alcalde de Rianxo, que a puxo en contacto con Stop Desahucios para que a asesoren e traten de arranxar o seu problema:
O mercadiño de Rianxo cambia de localización
4 XuñDende agora, os domingos e os mércores, o mercadiño ambulante de Rianxo estará na praza de Castelo e no Campo de Arriba. Deste xeito, segundo se di, evítase ter que pagar 18.000 euros a Portos e tamén se leva a un sitio máis céntrico do concello. Que opinades? Gústavos o cambio?
Valoración do PP deste primeiro ano de goberno municipal en Rianxo
28 Mai
Con motivo de que se cumpre un ano dende que houbo eleccións municipais en Rianxo e un cambio de goberno no noso concello, quixemos preguntarlle á oposición, liderada por Vanessa Martínez Durán, como foron estes doce meses e como valora as actuacións da alcaldía de Adolfo Muíños.
– Como valoras este primeiro ano de goberno en Rianxo de BNG-PSOE?
– Un ano perdido, xa que non se solucionou o maior problema do noso Concello, pois seguen aumentando a débeda, como exemplo teñen que acceder ó Plan de Axuste do Goberno Central por unha contía de 1,2 millóns de Euros, o que os obriga a subir os impostos do IBI no 10% o primeiro ano, o 5% no segundo e o 8% no último ano. Por outra banda, prevese este ano, unha operación de tesourería por valor de 400.000 euros para pagar soldos, que hai que devolver neste ano. Todo isto engadido, á débeda que traen arrastrada dos 4 millóns de euros que se pediron no Plan de Saneamento do 2009, onde o Sr. Carlos Gey era o asesor do Alcalde e polo cal, actualmente estamos a pagar 1,1 millón de euros en intereses.
– Cales cres que son as principais carencias do concello ás que non se atenderon neste tempo?
– Ese é o problema, que neste ano non se lle dou solución a ningunha das carencias do noso Concello. Prometeron cousas tan necesarias como: o Centro de día, o saneamento integral en todas as parroquias, o Centro social,… e non se cumpriu nada do que prometeron
– Foi colaborativa a actitude da alcaldía con vós?
– En ningún momento.
– Como foi o voso traballo na oposición?
– Intentamos dar voz ó pobo transmitindo as súas inquedanzas e demandas non resoltas. A partir de aí, o pobo é quen ten que valoralo.
– Cales son as propostas/cousas que vos comenta a xente que son precisas en Rianxo?
– O que comentei anteriormente, Centro de día, o saneamento integral, un Centro Social, pero do que máis se queixan é da famosa promesa incumprida do BNG de facer unha auditoría externa no Concello.
– Cres que o PP de Rianxo seguiu crecendo neste último ano?
– Si, pois o goteo incesante de novos afiliados e colaboradores, así no lo amosa.
– Sodes o partido que máis importancia lle está dando ás redes sociais e mesmo potenciastes moito a vosa web poñendo información dos plenos. Considerades que son unha canle imprescindible para chegar á xente?
– A páxina web é unha forma de amosar a certos sectores poboacionais o que está pasando nos Plenos do noso Concello e as redes sociais é unha forma de estar en contacto coa xente para recoller inquedanzas. ¿Imprescindibles? Non, pois a maioría da poboación rianxeira non fai un uso cotián delas, ben porque non a usan a cotío ou ben porque en moitos lugares do noso Concello non chega a rede de internet. A pesar disto, nós vamos a seguir empregándoas porque o consideramos positivo.
– Cales serán os seguintes pasos do PP de Rianxo?
– Traballar, traballar e traballar por e para Rianxo.
Rianxo de noite
24 MaiVelaquí unha preciosa imaxe noctura da fachada marítima de Rianxo. A foto é de Xoán Castro:
As pontes sobre o río Té, arranxadas
21 MaiTeño que dicir que xa tiña un post medio crítico co tema das pontes destrozadas no sendeiro do río Té por no inverno de 2011, en canto que en abril pasara un ano dende que o BNG no seu blog (e cando estaba na oposición), pedira que se arranxara.
O caso é que desta vez teño que dicir que cumpriron e deron mostra de coherencia, facendo algo que pediron no seu día. E aínda que cando saquei as fotos, en febreiro deste ano, as pontes non estaban arranxadas, cando menos no mes de abril si que o deixaron todo perfecto para aqueles que queiran desfrutar dunha xornada de sendeirismo a carón do noso río qu e atravesa O Araño, Asados e Taragoña.
Arriba vedes a imaxe da ponte en febreiro, e abaixo, xa arranxada, no mes de abril.
Velaquí as imaxes da outra ponte antes do arranxo:
E velaquí a actuación no lugar, sacando a ponte e habilitando a zona para que se poida pasar:
O dito, parabéns ao Concello por este traballo de cara ao bo tempo e, sobre todo, pola coherencia á hora de facer o que se pide, algo moi raro hoxe en día na política.
Un traballo do Colexio Castelao, premiado nas Letras Galegas
16 MaiUn traballo realizado polos alumnos do CEIP ADR Castelao de Rianxo foi o gañador do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012 de educación primaria, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase dun percorrido polos momentos máis significativos da biografía de Valentín Paz-Andrade e ads múltiples facetas que desenvolveu ao longo da súa vida: dende o seu inicial labor de xurista, as súas inquedanzas políticas e a súa carreira empresarial, sen esquecer a súa destacada vocación pola escrita.
Este traballo está a disposición dos centros de toda Galicia e pode verse na web de Política Lingüística.
Pero ademais, os rapaces da escola de Rianxo, tamén elaboraron un vídeo titulado Valentín Paz-Andrade, galego de corazón:

















