Exposición fotográfica en Rianxo

7 Mai

Se tedes ocasión, recoméndovos que pasedes polo Auditorio de Rianxo, porque ata o día 23 de maio acollerá unha exposición fotográfica na que eu tamén participo con tres instantáneas. Na mostra tamén hai outros fotógrafos afincados en Rianxo, como Xoán Castro e moitos outros artistas do Barbanza, do Salnés, do Morrazo, etc.

Quero aproveitar para darlle as grazas ao Concello, por todas as facilidades que nos deron. Realmente quen o organizou todo foi Xoán pero, polo que me comentou, a predisposición foi a mellor dende o primeiro momento. Á inauguración, o pasado venres, tamén acudiu o alcalde, Adolfo Muíños, e a concelleira de Educación e Cultura, Hadriana Ordóñez. Mesmo saíu unha pequena referencia ao acontecemento en La Voz de Galicia de onte (é a foto de abaixo, a 4):

Eu, lamentablemente, non puiden acudir o venres, pero si que me pasei o sábado polo Auditorio e gustoume como quedou a cousa. Ademais, entereime de que era a primeira exposición de fotografía artísticas que acollía o recinto, así que a cousa fai ilusión. Aínda que o que máis gusta é ver como a xente se para nas fotos, curiosea e comenta.

Velaquí me tedes a min coas miñas fotos (fun con Xoán, e aproveitou para inmortalizarme, jeje):

O dito, se vos cadra, non deixedes de pasarvos polo Auditorio porque hai fotos realmente fermosas.

Foto antiga da Ermida de San Bartolomeu

27 Abr

Grazas a internet, ás veces podemos atopar pequenas xoias como esta, unha imaxe antiga da Ermida de San Bartolomeu, na que aparece practicamente abandonada, sen tellado e en condicións moi lamentables. Por sorte, foi restaurada e a súa imaxe, hoxe en día, é moi distinta da que podemos ver aquí:

Foto de A. Barbeito

Darlle as grazas a Xoán Antón Castro por pasarme a referencia.

Xogo 2: onde está esta casa?

25 Abr

Outra casa curiosa que podemos ver en Rianxo. A alguén lle soa?

Encontro Internacional da Zanfona en Rianxo

23 Abr

Esta pasada fin de semana, en Rianxo tivo lugar o VIII Encontro Internacional para zanfonistas en Galicia, chamado Zona da Zanfona 2012. Ademais de talleres, tamén houbo un concerto gratuíto no auditorio de Rianxo, interpretado por dous dos mellores zanfonistas do mundo, Gilles Chabenat e Patrick Bouffard. Velaquí dúas fotos do evento sacadas por Xoán Antón Castro.

Zoa da zanfona 2012

Estaba tamén previsto que as zanfonas saísen ás rúas pero, por mor da chuvia, esta actividade tívose que levar a dentro da biblioteca. Non obstante, o sábado pola noite no camping de Rianxo viviuse unha foliada intensa entre os zanfonistas, aos que se lle uniron todo tipo de instrumentos e músicos do concello. Diso non temos imaxes, pero si dos talleres que se ofreceron:

Fonte: aCentral Folque

Fonte: Ariel Ninas

Colgo tamén un par de vídeos Youtube con Gilles Chabenat e Patrick Bouffard de hai anos, para que vos fagades unha idea de como soa este instrumento e do que puideron sentir os privilexiados que estiveron no auditorio:

Novidades do Festival Antrospinos

20 Abr

Certamente en Rianxo temos un festival de música espectacular e impagable que realiza xente de aquí con moito traballo. Xa están movéndose de cara a este ano (27 e 28 de xullo), adiantando algúns grupos que van participar e promovendo todo que ten este evento único en Galicia e parte do universo 🙂

Pero ademais, xa convocaron tamén o concurso Teloneiros 2012. Nel poden participar os grupos de música ou cantautores galegos que queiran, enviando un correo a festivalantrospinos@gmail.com co nome completo, cos datos do grupo, o estilo musical que se toca e un vídeo para que poidan ver como dominas o escenario. Haberá dous gañadores, que poderán actuar no festival e aos que tamén lles pagarán os desprazamentos. O prazo para enviar solicitudes remata o 5 de xuño.

Por outra banda, teñen en marcha outro concurso, o do cartel do festival. Tamén se participa enviando un correo a festivalantrospinos@gmail.com e remitindo a proposta en PDF xunto cos datos do autor (nome e teléfono de contacto). Neste caso o último día para enviar deseños é o 10 de xuño ás 00.00 h. O requisito que poñen é que o cartel conteña o seguinte texto: “Festival Antrospinos 2012. Capítulo 5. 27 e 28 de xullo. Taragoña, Rianxo”. Iso si, a orde é o de menos. O gañador recibirá un agasallo de recoñecemento na tarde do sábado, durante o festival.

Máis información en www.festivalantrospinos.es

Pico Muralla

19 Abr

Velaquí unha imaxe do Pico Muralla, un mirador que está a uns 650 metros de altitude sobre o nivel do mar, dende o cal se controlan as queimas incontroladas, se pode ver parte da Rianxo de Arousa e mesmo din algúns que en días moi despexados se pode ver Santiago.

Páxina no facebook con información sobre a alcaldía de Adolfo Muíños

17 Abr

Onte informabamos de que o PP de Rianxo renovara a súa web e tamén creara nova páxina no facebook. Pois ben, hoxe toca falar de que na coñecida rede social creouse un espazo no que se recollerán “as novidades referidas ás concellarías coordinadas por Adolfo Muíños”.

O PP de Rianxo renova a súa web e crea nova páxina no facebook

16 Abr

Sei que me entero un mes despois, pero máis vale tarde ca nunca, jeje. Pois o dito, que o PP do noso concello ten nova páxina no facebook para podermos interactuar con eles:

E tamén renovaron a súa páxina web, onde podemos atopar información sobre os plenos ordinarios e tamén as notas de prensa remitidas aos medios.

Educación pública

16 Abr

Velaquí unha pancarta que colgaron no colexio Castelao de Rianxo en contra dos recortes e por unha educación pública e de calidade.

Cruceiro da praza de Manuel Antonio

1 Abr