Xa sei que é un pouco tarde para lembrarme do entroido, pero como atopei estes interesantes vídeos no Youtube, non puiden resistirme 😉
Xa sei que é un pouco tarde para lembrarme do entroido, pero como atopei estes interesantes vídeos no Youtube, non puiden resistirme 😉
Esta fin de semana tivo lugar unha asamblea na Asociación de Veciños do Araño, na cal presentaros as contas anuais e tamén informaron das xestións e peticións realizadas dende o 2008 (ciclando na imaxe podedes ver o documento en pdf):
A verdade é que só cabe felicitalos polo seu traballo, pola súa transparencia e por levar tan ben as contas. Como vedes, xestionaron 47 peticións a diferentes administracións para mellorar os servizos da parroquia do Araño e pecharon o 2011 cun saldo positivo nas contas de 4.023 euros. Fixeron moitas actividades por pouco diñeiro, economizando e botando man da imaxinación e da axuda dos veciños, así que dende este blog, un merecido aplauso.
Por certo, se sodes veciños e vos queredes facer socios, tedes este mes de marzo para apuntarvos. Son 12 euros anuais (coma quen di 1 euro por mes) e axudades ao desenvolvemento social, cultural e de infraestruturas en Rianxo, xa que son como a voz da parroquia ante o Concello ou a Deputación. Eu xa teño tamén o meu carné de socio. E se vós queredes o voso, estarán na escola de Buhía os domingos deste mes de marzo 😉
Se algo transmiten os integrantes do grupo teatral “Criaturas” é enerxía, positividade e moitas ganas de pasalo ben. O 20 de febreiro están de aniversario. Nin máis nin menos que 12 meses demostrando que en Rianxo hai talento de sobra.
Estes mozos, de entre 13 e 17 anos, prometen espectáculo e moitas risas. Non obstante, abordan obras nada sinxelas, como o demostra o feito de que a peza teatral que realizaron o ano pasado duraba arredor de 1 hora e 45 minutos. Iso si, as 200 persoas que foron ata o Auditorio para ver a súa representación quedaron máis que sorprendidas polo nivel e polo bo facer dos seus actores. Tamén representaron no instituto, “pero fíxonos máis ilusión facelo no Auditorio porque nos sentimos más importantes”, comenta Elisabet. Iso si, recoñecen que no instituto de Rianxo tiveron máis presión “porque había máis amigos e coñecidos”, así que a responsabilidade de facelo ben era maior.
Félix Muriel e Fogo Fatuo
Criaturas naceu froito dunha colaboración entre o Félix Muriel de Rianxo e a asociación Fogo Fatuo. Antes de montar o grupo fíxose no instituto un obradoiro no que traballaron temas como a vocalización, o movemento no escenario, a expresión corporal… Parte dos que fixeron o taller forman parte na actualidade do grupo, pero outros incorporáronse máis tarde. É o caso de Adri, que comezou cubrindo unha baixa. Comenta que a experiencia lle serviu para “perder o medo”, xa que “sempre me custou falar diante da xente”. Unha profesora recomendoulle que co teatro gañaría máis confianza e agora levanta risas facendo de Gertrudis.
Ángela tamén explica que entrou no grupo porque llo recomendaron en canto que ía ser unha boa actividade. “E a verdade é que moi ben”, confesa, “gústame”. Fai de ladroa na obra, pero tamén se puxo na pel dun zombie durante o Samaín. Porque Criaturas colaborou co Concello no Feirón Mariñeiro, animando as rúas; concienciando sobre a violencia de xénero e realizando contacontos co Apalpador este pasado Nadal, etc.
“Descubrimos facetas de nós mesmos que non sabiamos que estaban aí”, sentencia Maite, unha das máis animadas, e que non dubida en dicir que “me expreso que dá gusto”. Nada máis saber da existencia do grupo no instituto correu a apuntarse. A ela uniuse Miriam, que de pequena vira High School Musical e lle fixo ilusión a idea. Non obstante, tamén recoñece o duro do teatro, xa que un monólogo longo de máis fixo que se formulara deixar o grupo, aínda que agora volveu para facer de “pija asquerosa repelente”.
Bo ambiente
Vamos, que neste último ano fixeron un feixe de cousas. Alejandra, que se enterou da existencia do grupo polo instituto, di que se trata de algo “divertido”. O que máis lle gusta é representar comedia e facer rir á xente que os vai ver. Yaiza, que nunca antes fixera teatro, comezou este curso xunto con dúas amigas e sinala que o mellor de Criaturas é “o ambiente”. Da mesma opinión é Adrián, quen incide “no bo rollo” dos integrantes e que durante o último ano se xestou un bo grupo, no que “hai máis confianza”, o que tamén permite “traballar dun xeito máis fluído”.
“somos moi amigos, moito”, sentencia Alba. De feito, os ensaios en ocasións son tamén unha boa escusa para verse e falar dos temas máis variados. Iso si, tamén se dedican a traballar. Comezaron quedando no instituto e agora fano no auditorio unha vez por semana. Hai dous grupos, o dos veteranos e o dos máis novos. Cada un deles prepara a súa propia comedia e cada un deles ten ensaio de forma independente. O seu director, Juan, sinala que hai unha diferenza entre os dous porque “os pequenos comezan dende cero, polo que hai que darlle máis pautas”.
Custa ás veces distinguir ao director do resto de integrantes do grupo, porque todos son moi novos e el semella un máis. De feito, para Iria “o profe é unha das cousas que máis me gusta” dentro de Criaturas. Julia tamén fala da boa harmonía que existe con el ao explicar que lles propón vía correo electrónico as obras a representar e despois, entre todos, “decidimos se se fai ou non”. Ademais, “a personaxe escollémola nós” (agás nalgúns casos, como no de Ángela, que lle foi imposto).
Futuro
Coa ilusión que desbordan falando do grupo está máis que claro que en Rianxo hai canteira teatral para moito tempo. Maite di que este ano “foi moi bo e estamos máis unidos ca sempre”. Ademais, diante teñen moitos proxectos e ideas, como representar fóra do Concello, realizar un intercambio cos grupos da zona, etc. E tamén colaborar con Airiños, o grupo máis antigo de Galicia, co que hai “bo rollo”, pero tamén un pique san porque “nos obriga a facelo o mellor posible e a subir o listón cada vez máis”.
Non obstante, tamén queda decidir cal vai ser o futuro de Criaturas, porque parte dos seus integrantes rematarán este ano os seus estudos no instituto para incorporarse á universidade, e á maioría gustaríalles seguir co teatro. Atrás deixan un ano de ensaios, 54 semanas meténdose na pel de diferentes personaxes, 12 meses facendo rir e 365 días nos que viviron moitas horas para o teatro, pero por diante de seguro que lles quedan moitos telóns por abrirse e un feixe de aplausos por recibir.
Hoxe quería deixarvos unha pequena entrevista que lle fan no xornal De Luns a Venres a unha rianxeira que traballa en Barcelona de escaparatista, para a firma McGregor. Chámase Sheila Reboiras e é do Araño. Algúns xa a coñeceredes, e outros non. A todo isto, é a miña irmá 🙂
Xa postos, déixovos un extra. Como na prensa escrita, por mor do espazo, nunca pode ir a entrevista completa, velaquí a tedes:
– Un sinónimo de Galicia?
Feiticeira.
– Que quería ser de pequena?
Un pouquiño de todo, perruqueira, xeóloga, profesora, enfermeira, carpinteira, xardiñeira… En fin, a dicir verdade, aínda me gustaría ser de todo iso un pouco.
– Un lema a seguir na vida?
Busca o lado positivo das cousas e SORRÍE sempre ao teu presente.
– A súa comida favorita?
Ummm… Unha pregunta bastante complicada porque me gusta todo. Si teño que elixir quédome co marisco e coas verduras da horta da miña nai.
– Unha paixón?
A arte, como disciplina e como forma de vivir, ilusionarse e sentirse presente en cada paso que damos.
– Un lugar especial?
Calquera recunchiño da miña aldea. Podería describir centos de aventuras e historias; ningún lugar me transmite máis alegría e recordos que a miña aldea, o lugar da miña infancia.
– Cales son as claves para ser unha boa escaparatista?
Primeiro debemos coñecer moi ben a marca para a que traballamos para poder comunicar o que esta quere transmitir, e ser consciente de cal é o obxectivo final. E despois baséaase na posesión dunha boa dose de creatividade, gusto, orixinalidade e dimensión espacial. Tamén é moi importante a capacidade de improvisación, de ser resolutivo e mañoso.
Se teño que destacar un escaparatista menciono sen dúbida a Antonio Montouto, escaparatista dunha das tendas máis coñecidas de toda Barcelona. Realiza auténticas obras de arte compoñendo de maneira poética obxectos propios da tenda e convidando á libre interpretación das mesmas.
– Que se leva neste eido?
Cada vez mais os escaparates estanse volvendo mais minimalistas, trabállase unha idea, nun concepto e exhíbese o producto de maneira mais clara, limpa e sutil. Aínda que debemos mencionar que cada vez deséñanse mais tendas abertas, sen escaparates. O interior de tenda, é dicir, todo o visual merchandasing convértese no propio escaparate da mesma. Tamén é importante destacar as tecnoloxías, que están a ser un punto clave na actualidade e que cada vez nos invaden con mais forza.
– Hai algún negocio que sexa un referente polos seus escaparates?
Hai moitos, sen ir máis lonxe temos o caso de Zara, que comezou a coñecerse grazas aos seus escaparates nos que se ofrecía e segue a ofrecer ese carácter de luxo a un prezo asequible. Os meus favoritos son Vinçon, Hermès, Louis Vuitton, Tiffany & Co, o centro comercial Bergdorf-Goodman de NY entre outros.
– Ten saída profesional esta profesión en plena crise?
Sen dubida que si. Máis ca nunca necesítase potenciar as vendas, que a xente se anime e ilusione, e o primeiro vendedor co que nos atopamos pola rúa é o escaparate; éste é o primeiro contacto co interior da tenda. Igual ca nunha relación de parella, se nos gusta e atrae o exterior, xa temos un motivo polo que entrar dentro, temos a necesidade e curiosidade de coñecer o que se esconde no seu interior. Ademais en momentos de crise é cando máis hai que traballar, é o mellor momento para construír e innovar, para crear soños, ilusións e experiencias novas.
Ante a revolta que se está a experimentar dentro da formación do BNG, Adolfo Muíños, o alcalde de Rianxo, dixo que non vai abondonar o partido, como o están a facer outros:
Hai tempo publiquei un post sobre como usan os políticos rianxeiros as redes sociais. Salvo cousas mellorables creo que en xeral se avanzou (agás no caso do PSOE de Rianxo, que non fai nada).
Pero ben, hoxe tócame comentar un exemplo do que (ao meu entender, porque todo é subxectivo) non é adecuado. Creo que os políticos deberan actuar sempre con respecto e que as redes sociais se deben usar para para fomentar a participación da cidadanía, para que nos conten o que pasa nos plenos de Rianxo, para que se fiscalice tamén o que acontece no Concello, para que se reciban as ideas e as queixas dos veciños, etc., pero non para isto 😦