Se ides pola rúa de Abaixo, teredes ocasión de ver a casa na que vivía Castelao.
Os autores da Rianxeira
21 XanSe por algo se nos coñece en Rianxo, aparte de polos grandes escritores e debuxantes que naceron aquí, é por unha canción coñecida en Galicia enteira: a Rianxeira. Como se pode ler na Galipedia, non foi escrita en Galicia, senón na Arxentina por dous rianxeiros emigrados.
Na Galipedia podemos ler que “foi composta nun principio en Bos Aires en 1947 a proposta de Anxo Romero Loxo, quen compuxo a musica, nunha reunión no Centro Rianxo na que se atopaba a directiva e mais Xesús Freiro Dourado “Pinciñas”, compositor da letra. Foi estreada un ano despois polo Coro Castelao na cidade de Bos Aires, a pesar de que a súa estrea oficial data do ano 1950, co gallo da recepción de Castelao no porto de Bos Aires”.
Escultura na honra de Manoel Antonio
11 XulOutro dos grandes literatos foi Manoel Antonio, o chamado poeta do mar. Nacido en Rianxo, o certo é que a súa obra non foi moi prolífica, porque morreu de noviño na parroquia rianxeira de Asados, con 29 anos, a causa dunha enfermidade. Unha das súas obras máis famosas foi De catro a catro, con eses grandes versos por todos coñecidos “Fomos ficando sós, o mar, o barco e mais nós”.

Busto de Manoel Antonio, o poeta do mar, en Rianxo
A casa de Rafael Dieste
11 XulVelaquí a casa dun dos máis ilustres personaxes de Rianxo, Rafael Dieste. Como ben recolle a Galipedia, naceu en Rianxo en 1899 e finou en Santiago de Compostela en 1981. Hoxe en día é ben coñecido por ser un escritor galego que pertenceu á chamada Xeración do 22. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra Valdeira e Dos arquivos do Trasno, tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. A el atribúese en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego.