Arquivo | Taragoña RSS feed for this section

Xogo 2: onde está esta casa?

25 Abr

Outra casa curiosa que podemos ver en Rianxo. A alguén lle soa?

Novidades do Festival Antrospinos

20 Abr

Certamente en Rianxo temos un festival de música espectacular e impagable que realiza xente de aquí con moito traballo. Xa están movéndose de cara a este ano (27 e 28 de xullo), adiantando algúns grupos que van participar e promovendo todo que ten este evento único en Galicia e parte do universo 🙂

Pero ademais, xa convocaron tamén o concurso Teloneiros 2012. Nel poden participar os grupos de música ou cantautores galegos que queiran, enviando un correo a festivalantrospinos@gmail.com co nome completo, cos datos do grupo, o estilo musical que se toca e un vídeo para que poidan ver como dominas o escenario. Haberá dous gañadores, que poderán actuar no festival e aos que tamén lles pagarán os desprazamentos. O prazo para enviar solicitudes remata o 5 de xuño.

Por outra banda, teñen en marcha outro concurso, o do cartel do festival. Tamén se participa enviando un correo a festivalantrospinos@gmail.com e remitindo a proposta en PDF xunto cos datos do autor (nome e teléfono de contacto). Neste caso o último día para enviar deseños é o 10 de xuño ás 00.00 h. O requisito que poñen é que o cartel conteña o seguinte texto: “Festival Antrospinos 2012. Capítulo 5. 27 e 28 de xullo. Taragoña, Rianxo”. Iso si, a orde é o de menos. O gañador recibirá un agasallo de recoñecemento na tarde do sábado, durante o festival.

Máis información en www.festivalantrospinos.es

Navallas

29 Xan

Unha serie de fotos que fixen en Taragoña collendo navallas ou longueiróns (o certo é non sei moi ben cal é a diferenza).

Porto de Taragoña

28 Xan

Unha imaxe do porto de Taragoña ameazando tormenta no ceo.

O Castro Barbudo

21 Dec

O Castro Barbudo é un dos lugares máis famosos de Rianxo. É un monte que conta cun mirador e que está situado no alto da parroquia de Taragoña. Como podedes ver na primeira imaxe, o lugar ten unha altitude de 327 metros, ten unhas vistas privilexiadas ao mar e tamén á montaña, porque detrás hai moito máis monte e máis alto. Na segunda imaxe podedes ver arriba de todo o Pico Muralla e na última foto o estado lamentable do lugar, xa que para ir ata o mirador hai que pasar por un camiño que está cheo de toxos. Como para que vaian turistas!!

O Festival Antrospinos 2011

3 Ago

Antes de nada teño que dicir que este foi o primeiro ano que fun ao Festival Antrospinos (e iso que ía polo cuarto capítulo) e teño que dicir que estou moi impresionado. Sinceramente non me esperaba que tiveramos aquí ao lado, en Taragoña, un festival deste nivel: moitos grupos de todas as partes do mundo (ademais de músicos galegos pasaron polo festival artistas de Portugal, Arxentina, Barcelona ou Andalucía).

Pero sobre todo, o que me sorprendeu foi a organización. Había unha zona de acampada bastante amplia e con moitas tendas (o meu pai comentoume que o venres o pararan catro mozas portuguesas para preguntarlle por onde se ía ao festival).

O escenario era enorme, o cartel do máis variado e o lugar dos concertos estaba valado. A entrada era totalmente gratuíta pero non se permitía facer botellón, así que había un par de gardas de seguridade controlando que a xente non trouxera alcol. Entendo que era un xeito de poder afrontar os gastos do festival, porque no recinto a organización tiña as súas propias barras con bebida. Pero certamente quedoume a dúbida de se cos patrocinadores que teñen no cartel (a construtora Fuentes Esperante, a de pozos Tarrío&Suárez, a de polvo Fesba e a de autobuses Muíños) e co que puideron gañar entre bebidas e unha pequena tenda con artigos do Festival Antrospinos puideron cubrir todo.

Sinceramente, a miña felicitación aos organizadores, agardo que cada vez se coñeza máis o Festival Antrospinos e que dende o Concello se apoie a súa continuidade.

No perfil do facebook do Festival Antrospinos tedes un feixe de fotografías do evento, e recoméndovos que vos deades unha volta por alí, porque están moi ben. E eu tamén vos deixo algunhas que saquei do sábado. Estes son os andaluces Canijos Sin Fronteras, que cantaban a todas as Maris habidas e por haber: Maricarmen, Mariconchi… 🙂


E estoutros son os lisboetas Gilbert’s Feed Band, un grupo que intentaba irradiar alegaría e bo rollo no seu espectáculo:

Matraquillada 2011 no Festival Antrospinos

3 Ago

O pasado sábado día 30 de xullo partía de Campo Maneiro unha nutrida delegación de matraquillos e tractores para percorrer a parroquia de Taragoña. Aínda que a calor era sufocante, alí reuníronse uns 30 vehículos agrícolas para dar lugar á 3ª Matraquillada dentro do programa do Festival Antrospinos. Partiron a iso das 4 da tarde, e velaquí podedes ver algunhas imaxes deste singular “desfile” no que reinaba un moi bo ambiente.

Se alguén quere algunha das fotos pero en grande, que non dubide en escribirme a oscar.reboiras@gmail.com 😉


XII Subida ao Castro Barbudo

25 Mai

De cando en vez collo a miña bicicleta e vou dar unha volta polos montes de Rianxo. O caso é o que pasado sábado pola tarde, ao chegar á casa, o meu pai me di que hai unha marcha ciclista en Taragoña que organizaba a Peña Cicloturista Castro Barbudo. Así que co sabor da comida aínda na boca funme para Campo de Pazos montado na bici. Alí xa había un bo grupo de xente. Polo visto había que anotarse e velaí a miña sorpresa ao saber que tiña que pagar 27 euros por non ser federado.

Pareceume un pouco caro con respecto aos 5 euros que se cobran na marcha de Lousame. Despois entereime que 12 euros xa eran para un seguro por se me pasaba algo. De todos os xeitos, nos tempos nos que estamos ségueme a parecer algo caro. Teño que recoñecer que a organización estivo moi ben, que a abituallamento foi estupendo (faltoume un punto de auga entre Cerqueiras e o colexio de Taragoña), que houbo charanga, churrasco e pinchos, unha gorra e calcetíns para todos e mesmo un detalle a todos os que fixeron o tramo libre. Eu, sinceramente, prefería menos cousas e pagar algo menos, jeje

Velaquí o comezo da marcha, a iso das 16:35 horas:

O límite de inscritos eran de 150 persoas, e creo que se non se chegou a cifra estivo próxima porque vin xente co dorsal 140 (o meu era o 109):

Os primeiro metros foron pola estrada, ata que de súpeto desvío á dereita e tirar todo para arriba:

Teño que recoñecer que nunca fora por ese tramo, así que me gustou saber destes roteiros e, de seguro, que algún sábado o farei:

Algunhas rampas eran tan duras que os que non estabamos moi en forma tiñamos que botar o pé ao chan, mentres outros tiñan pernas e peito para tirar con forza:

Este foi o primeiro punto de abituallamento de auga:

E este foi o punto de abituallamento en Cerqueiras, cando levabamos 20 kilómetros. Había auga, refrescos, froita, rosquillas, chocolatinas…

Dende Cerqueiras fomos todo pola beira do río do Té. Ás veces o camiño era tan estreito e tan complicado que tiñamos que parar para que a xente puidese baixar da bici e ir poder atravesar un tramo:

E como vedes, non nos faltou nin unha zona pasada por auga:

Durante a marcha non faltaron nin pinchazos, nin saídas de cadeas (a min saíuseme 3 veces) nin mesmo caídas:

O tramo dende a Ferrería ata Taragoña foi bastante suave, a non ser a costa arriba que está xusto antes da escola de Taragoña. Eu cheguei alí ás 19:45 horas. Polo visto o agrupamento era ás 19:30 e aí iniciábase a subida libre ao Castro. Loxicamente quedei xa na escola, e despois entereime que os que subían tiñan un detalle de recordo 😦

Despois de tanto esforzo, as bicis merecían un baño:

E os corredores querían dar boa conta do churrasco e recibir os premios:

Para rematar, simplemente darlle a noraboa á organización, porque todo estivo moi ben. A ruta tiña tramos de bastante dificultade, pero estaba moi chula (estiven con dous rapaces de Porto do Son aos que lle gustou moito o tramo á beira do río). E se se pode baixar o prezo aínda a costa de facer menos cousas, eu agradeceríao 😉

Panorámica de Rianxo

24 Abr

Esta fin de semana retomei o hábito de andar en bici, así que subín ata o Castro Barbudo (Taragoña) e dende alí saquei unha panorámica do concello. Pode verse Taragoña, Rianxo, Asados e O Araño. Pincha na imaxe para vela en grande.

O cruceiro da Laxe Pequena

2 Feb

En Taragoña, no lugar da Laxe, temos este fermoso cruceiro, seguramente o máis bonito e completo de todos os que podemos atopar no concello de Rianxo. Non só destaca a forma da capela, senón tamén os motivos representados nos laterais: Santiago Matamouros, San Francisco e Xesucristo camiño do Monte Calvario. Polo que se comenta, debe ser do século XVI.