Arquivo | Taragoña RSS feed for this section

Presentanción do libro “Herdeiros pola forza”

9 Feb

O dia 08 de febreiro ás 20:00 hrs. presentábase no colexio Brea Segade de Taragoña (Rianxo), o libro Herdeiros pola forza, da Editora 2.0.

O libro, e segundo os propios autores, revisa a conflictividade que existe entre a sociedade, o poder e o patrimonio cultural en Galicia.

Na biblioteca do colexio, ateigada de persoeiros tanto da bisbarra como vidos dende outros lugares, e durante duas horas, os autores  debullaron e explicaron o contido do libro e como foron facéndose coas historias que nel narran.

Manolo Gago, xornalista e coautor do libro.

Image

Xurxo Ayán, arqueólogo e coautor do libro.

Image

Image

Image

Image

Image

O mestre Jose Luís Dopico, (organizador do evento), deu por rematada a presentacion cunha chamada a outro dos nosos patrimonios, o noso idioma, a lingua que nos une como ben patrimonial. Logo convidou a tódol@s asistentes a uns pinchos de empanada nunha sala anexa á biblioteca do centro escolar.

Image

Che Tembra no auditorio de Rianxo

28 Xan

O venres 25 de xaneiro inaugurouse no auditorio de Rianxo  a exposición de escultura en ferro de Che Tembra, a cal se manterá aberta ó público até o 23 de febreiro.

A exposición está dentro da programación dos ACTOS CASTELAO 2013 organizados pola Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüistica do Concello de Rianxo.

ImageImageImage

A estela galaicorromana descuberta en Taragoña, tamén chamada pedra de Rufino

24 Xan

Hai pouco dei cunh interesante artigo no blog de Percorrendo Arousa Norte. Comentábase como en 2007 se descubrira en Taragoña, na zona da Igrexa, unha estela galaicorromana. Realmente descubriuna a familia Fungueiriño, mentres realizaban uns traballos na adega da casa. Despois, contactaron coa xente que traballa no Centro Arqueolóxico de Neixón. O arqueólogo Xurxo Ayán (do CSIC) e Pedro López Barja confirmaron a descuberta.

No propio blog de Neixón comentan como foi todo, como un día de agosto de 2007 ata os castros de Neixón foi Miguel Fungueiriño e preguntou como non quere a cousa “E atopades pedras con letras?”.

O caso é que moitos anos antes, “o seu pai, escañando para alicerzar a adega da casa, no lugar da Igrexa, en Taragoña, deu cun pedrolo ben feitiño de pedra de gra. Vendo a disposición do bloque granítico, o vello da casa tiña a intención de deitar a pedra no patio. Sen embargo, a muller da casa paralizou o empedrado proxectado cun argumento de peso: a pedra ten letras, hom! E este gusto pola grafoloxía fixo que a pedra acabase de banco ao carón do galiñeiro”.

Ao día seguinte, quedaron con el e atoparon a pedra no patio da casa. E alí estaba, “unha abraiante estela galaicorromana, nun estado de conservación bastante bo, malia ter crebado o remate do campo epigráfico. En latín, con gueada das Rías Baixas dos séculos II-III d. C., pódese ler o que segue:

D(is) M(anibus) • Pos(uit)
Ursus
ingenu-
o suo • Ru-
fino • Pin-
[ta?]ni (filio?)

Que en romance vén sendo algo así como: “Aos deuses Manes. Púxo (o) Urso, para o seu (¿amigo?) Rufino, (fillo?) de Pin [ta?]no, de nacemento libre”.

Como sinalan en Patrimoniogalego.net,  “o tramo conservado mide 56 cm. de ancho por 156 cm. de altura e por un máximo de grosor de 26 cm., posiblemente o remate fora de forma semicircular. Pódense distinguir tres campos separados por molduras. O superior está decorado por unha roda radiada dextroxira e dous discos cun punto no centro. No central presenta unha lúa coas puntas cara arriba, catro discos cun punto no centro e tres arcos. O inferior ten un texto gravado na pedra, e que continuaría no anaco que lle falta, pois nese lugar aínda se lle poden apreciar restos de dúas letras.”

Fonte: Patrimoniogalego.net

O caso é que aos poucos días saíu a noticia na prensa, sen falar para nada de que o achado fora da familia, a Xunta mandou un inspector ata o lugar, peritárona, metérona nunha camioneta e agora está Centro Arqueolóxico de Barbanza, en Boiro (Cespón).

Fonte: Patrimoniogalego.net

Anexo: documento elaborado por Xurxo Ayán e Pedro López Barja titulado “Una estela funeraria inédita de Taragoña”

O polígono industrial de Té

21 Xan

Se algo lle hai que pedir a este 2013 é traballo e que novas empresas se asenten no polígono industrial de Té. Polo de agora só hai cinco empresas, así que calquera outra nova de seguro que suporá máis emprego para o concello.
poligono1

poligono2

poligono3

poligono4

poligono5

poligono6

O duro traballo das mariscadoras

5 Xan

O día de fin de ano, non sei se o lembrade, pero choveron chuzos de punta, de tal xeito que aquilo parecía un temporal do vento e da auga que caía. O caso é, pasando polo coche á altura do Pazo, me sorprendeu que a pesares dese tempo as mariscadoras estivesen a traballar, xa que me parecían condicións moi malas.

Volvín coa cámara media hora despois, pero só tiven tempo de sacar dúas fotos cando medio recollían. Do vento que fixo, rompeume o paraugas, así que con isto xa volo digo todo.

mariscadoras

mariscadoras

Todo listo para o Festival Antrospinos 2012

20 Xul

Nuns días celebrarase en Rianxo e, máis en concreto, en Campo Maneiro un dos festivais de música máis importantes da comarca e que, pouco a pouco, vai medrando en importancia e en afluencia. Falamos cos seus organizadores para que nos conten como se presenta este ano.

– Este é o quinto festival que organizades, pensabades hai cinco anos que tería esta continuidade e este éxito?

– Non, en absoluto! O certo é que hai cinco anos, máis ca un festival era unha festiña de aldea, apenas se contaban no Campo Maneiro un cento de persoas. Pero comezamos a organizar con moita ilusión, e como non tiñamos grandes pretensións todo nos facía mérito, unha parella que subía pola costa arriba para achegarse ao campo xa nos parecía un suceso!

– Que cousas foron cambiando dende as primeiras edicións?

– Practicamente cambiou todo, chegamos a un punto no que o festival precisaba de máis medios, máis infraestruturas, máis persoal na organización (aínda que iso non o acadamos) e moitas outras cuestións á hora de formularse o xeito de financiar a festa, dado que o festival se autofinancia case na súa totalidade. O Antrospinos deu un xiro radical e estamos orgullosos porque todo foi xurdindo a base de moito esforzo, a costa do noso tempo de lecer e boas doses de optimismo.

– Como xurdiu nos seus comezos a idea de organizar o festival máis importante de música de todo o Barbanza?

– O festival xurdiu da maneira máis anecdótica: nunha voda dunha rapaza taragoñesa, Violeta, un grupo de xente comezamos a falar da posibilidade de montar un pequeno festival de música folk, entre risas e caralladas a cousa finalmente saíu adiante, xuntáronse máis persoas e naceu o I Festival Antrospinos. A clave foi o feito de que desde había dous ou tres anos non se celebraban as festas do verán e a parroquia mostrouse participativa. A organización do encontro foi tan divertida que tiñamos necesariamente que repetir a experiencia en 2009, a II edición. E ata aquí chegamos…

– Cales son as grandes novidades deste ano?

– Por primeira vez cobramos entrada, unha cantidade simbólica pero que para o festival significa a súa permanencia ou, cando menos, seguir no nivel acadado nos dous últimos anos. E a nivel musical chegamos a novos países en busca da mellor música, contamos novamente cos nosos veciños portugueses a través de Kumpania Algazarra, a nivel español Alamedadosoulna ou os premiados Canteca de Macao, autores da banda sonora de Habitación en Roma de Julio Médem; e traemos un grupo húngaro, Bohemian Betyars, entre outros. E como non podía ser doutro xeito, coma cada ano seguimos a apoiar a música do país, con grupos insignia do panorama musical galego como Os Cempés, Quempallou, Dakídarría ou Ataque Escampe. Estas son as principais novidades da V edición do Festival Antrospinos.

– É doado organizar un festival nun momento económico tan complicado? Outros festivais teñen patrocinadores moi importantes (Estrella Galicia…), pero vós entendo que tedes que tirar de moita imaxinación e esforzo, non si?

– En realidade e sendo sinceros o festival nunca foi doado de organizar, aquí traballamos todos a tope, sexa para ir pedir ás empresas, para facer socios, montar cantinas, traballar detrás da barra, contactar con grupos, montar valados, pegar carteis, plantar árbores, montar os decorados ‘cutres’ das nosas festas, enviar notas de prensa, actualizar as redes sociais, contactar con distribuidores… Pero é certo que cos tempos que corren a cousa complícase a nivel económico e hai que dar moitas máis voltas para conseguir o que queremos, debemos intentar ser enxeñosos para atraer público e tamén para atopar as mellores alternativas económicas. Baixou o nivel de colaboracións tanto pola parte de empresas coma de particulares, aínda que temos colaboradores fieis como son os nosos socios, que desde 2011 contribúen decisivamente tanto coa súa cuota anual coma coa súa participación en todos os eventos organizados desde o FAP, e os nosos patrocinadores que por segundo ano consecutivo se comprometeron cunha inestimable colaboración económica.

– Este ano cóbrase entrada, credes que vai respostar a xente ou que se vai notar este feito?

– Temos boas espectativas neste senso dado que a pesares de sermos novos no eido cremos que isto acadou unha gran repercusión desde hai un par de anos para atrás. Estamos convencidos de que moita xente xa sabe da matraquillada e do ambiente de Antrospinos e non se vai botar atrás por unha entrada de 10€ os dous días. Se un se para a pensar, saír unha noite de copas sen ningún espectáculo que ver xa significa gastar bastante máis.

– Vós como asociación non tedes como fin ningún lucro, xa que os cartos gañados van para reforestar os montes de Taragoña. Como organizades isto?

– Primeiramente recadamos cartos non só para a plantación de castiñeiros e carballos, tamén para o propio festival. O resultado final das contas do ano é o que permite facer a inversión para a reforestación. Isto xurdeu hai uns anos con motivo das queimas que arrasaron o monte taragoñés, mais aparte desta motivación, partimos da base de que no século XXI a ecoloxía é clave, e o noso país, poboado masivamente de eucaliptos, o cancro forestal dos últimos trinta anos, e maltratado polos numerosos incendios, precisa dun apoio firme aínda que sexa a través de pequenos xestos coma o noso. Se todos facemos un pouquiño a cousa mellora sempre. Non desbotamos nun futuro poder levar a cabo esta actuación noutros montes do concello rianxeiro. En fin, o medio natural está presente en Antrospinos, non só coa plantación de árbores autóctonas, senón tamén con outras medidas adoptadas nas nosas festas coma o xa famoso FAPvaso.

– Se alguén quere facerse socio da vosa asociación, como o podería facer?

– Tan só ten que enviarnos nome e apelidos, data de nacemento, enderezo-e e un número de tlf a festivalantrospinos@gmail.com ou ben a través do noso facebook. Quen coñeza a calquera dos organizadores pode pórse directamente en contacto. Este ano os socios poden gozar do privilexio da entrada de balde ao festival e recibirán tamén un agasallo. E coma no ano anterior terán unha festa exclusiva ademais de contar con descontos en comercios do concello rianxeiro e outros limítrofes. Hai máis información sobre esta cuestión en www.festivalantrospinos.es

– Un dos maiores atractivos do festival é a matraquillada, na que se volca moita xente de Rianxo. Pensabades que participaría tanta xente?

– A verdade foi espectacular a resposta da xente con esta actividade! Consideramos a día de hoxe que isto xa se converteu nunha tradición na zona. Comezou sendo algo montado con vistas á xuventude e agora ten moita repercusión entre a xente de todas as idades, converténdose xunto co xantar e as actuacións da tarde no palco Carballo, nunha auténtica romaría popular. A diversión e o bo rollo da matraquillada marcan o carácter de Antrospinos. Con ela quixemos imprimir ese carácter das festas populares da aldea e cremos que o conseguimos. O matraquillo, elemento indispensable no rural agrario que hoxe xa non vemos tan de contino coma hai uns anos, convértese no elemento estrela, unha especie de atracción total para a xente de aquí e a de fóra. Ten un atractivo grande ir de carallada polas pistas de Taragoña dirección á praia montado nun chimpín e con música en directo amenizando a singular viaxe.

Fotos sacadas do facebook do Festival Antrospinos.

I Trofeo BTT-XC de Rianxo

16 Xul

O día 30 de xuño celebrouse en Rianxo o I Trofeo BTT-XC organizado pola peña Castro Barbudo. Realmente non me enterei ata ver este vídeo de Barbanza TV, pero paréceme unha moi boa iniciativa e vista en vivo tivo que ser espectacular:

Presentación da 5ª edición do Festival Antrospino

15 Xul

Valoración do PP deste primeiro ano de goberno municipal en Rianxo

28 Mai

Con motivo de que se cumpre un ano dende que houbo eleccións municipais en Rianxo e un cambio de goberno no noso concello, quixemos preguntarlle á oposición, liderada por Vanessa Martínez Durán, como foron estes doce meses e como valora as actuacións da alcaldía de Adolfo Muíños.

– Como valoras este primeiro ano de goberno en Rianxo de BNG-PSOE?
– Un ano perdido, xa que non se solucionou o maior problema do noso Concello, pois seguen aumentando a débeda, como exemplo teñen que acceder ó Plan de Axuste do Goberno Central por unha contía de 1,2 millóns de Euros, o que os obriga a subir os impostos do IBI no 10% o primeiro ano, o 5% no segundo e o 8% no último ano. Por outra banda, prevese este ano, unha operación de tesourería por valor de 400.000 euros para pagar soldos, que hai que devolver neste ano. Todo isto engadido, á débeda que traen arrastrada dos 4 millóns de euros que se pediron no Plan de Saneamento do 2009, onde o Sr. Carlos Gey era o asesor do Alcalde e polo cal, actualmente estamos a pagar 1,1 millón de euros en intereses.

– Cales cres que son as principais carencias do concello ás que non se atenderon neste tempo?
– Ese é o problema, que neste ano non se lle dou solución a ningunha das carencias do noso Concello. Prometeron cousas tan necesarias como: o Centro de día, o saneamento integral en todas as parroquias, o Centro social,… e non se cumpriu nada do que prometeron

– Foi colaborativa a actitude da alcaldía con vós?
– En ningún momento.

– Como foi o voso traballo na oposición?
– Intentamos dar voz ó pobo transmitindo as súas inquedanzas e demandas non resoltas. A partir de aí, o pobo é quen ten que valoralo.

– Cales son as propostas/cousas que vos comenta a xente que son precisas en Rianxo?
– O que comentei anteriormente, Centro de día, o saneamento integral, un Centro Social, pero do que máis se queixan é da famosa promesa incumprida do BNG de facer unha auditoría externa no Concello.

– Cres que o PP de Rianxo seguiu crecendo neste último ano?
– Si, pois o goteo incesante de novos afiliados e colaboradores, así no lo amosa.

– Sodes o partido que máis importancia lle está dando ás redes sociais e mesmo potenciastes moito a vosa web poñendo información dos plenos. Considerades que son unha canle imprescindible para chegar á xente?
– A páxina web é unha forma de amosar a certos sectores poboacionais o que está pasando nos Plenos do noso Concello e as redes sociais é unha forma de estar en contacto coa xente para recoller inquedanzas. ¿Imprescindibles? Non, pois a maioría da poboación rianxeira non fai un uso cotián delas, ben porque non a usan a cotío ou ben porque en moitos lugares do noso Concello non chega a rede de internet. A pesar disto, nós vamos a seguir empregándoas porque o consideramos positivo.

– Cales serán os seguintes pasos do PP de Rianxo?
– Traballar, traballar e traballar por e para Rianxo.

Fotos XIII Subida ao Castro Barbudo 2012

16 Mai

A xente de Sportbike Boiro colgou algunhas fotos da XIII Subida ao Castro Barbudo 2012 no seu facebook, así que aproveitamos para ver algúns momentos da saída (non hai fotos do resto de tramos):