Archive by Author

Fotos na lonxa de Rianxo

15 Mar

lonxa1

Hai uns meses, cando estabamos a traballar na exposición de Ruando Rianxo, fomos ata a lonxa sacar algunhas imaxes. Velaquí tedes algunhas delas:

Seguir lendo

Falan os nosos maiores: o galego

14 Mar

RianxoFala na voz dos nosos maiores. Varias persoas do taller de memoria de Rianxo comparten coas alumnas do IES Félix Muriel as súas reflexións sobre o uso do galego nas últimas décadas.

Cando se usan imaxes alleas e che din “ocúpate do teu”

13 Mar

historiarianxo2

Hai poucos días, neste mesmo blog, démoslle a benvida a unha nova páxina no facebook que recompilaba imaxes de Rianxo para amosar a súa historia. É algo que nos gusta moito, que haxa iniciativas que difunda tanto o patrominio cultural, como humano e histórico do noso Concello. O que xa non nos gusta tanto é que cando se difunden imaxes recoñecibles sen indicar a súa autoría ou sen pedir permiso e se comenta algo, a resposta que se teña non sexa a máis adecuada.

É o que aconteceu este mañá cunha imaxe de Xoán Antón Castro, que tamén publica neste blog, e que amosou a súa imaxe do Campo de Arriba nestas mesmas páxinas hai uns meses. O caso é que esta mañá se sorprendeu e moito ao ver a súa fotografía difundida sen recoñecerlle a autoría. Por iso simplemente indicou que lle debería poñer que a fixera el.

Moitos dos contidos que hai aquí publicados, que comparto tanto eu como Xoán Antón son Creative Commons. É dicir, que son contidos que están precisamente para difundirse e compartirse. Iso si, indicando claramente quen está detrás, quen é o seu autor, porque está feo iso de coller cousas dos demais e non dicir de onde se sacan ou dar a impresión de que son dun cando non é así. Ademais, un erro pódeo ter calquera e podes non saber quen a sacou ou quen está detrás. Todos somos humanos, claro está.

O caso é que Xoán Antón, estrañado, en canto que seguidor desa páxina no facebook, indicou precisamente isto, que debería indicar a autoría. A resposta lóxica sería: “Claro, como non. Desculpa, que xa llo poño agora, porque non sabía que era túa”. Pero para a súa sorpresa, a publicación desapareceu sen que se lle deran máis explicacións. Así que preguntou por privado e a resposta non puido ser máis desafortunada: “Para entendido xa che temos  a ti. Ocúpate do teu que eu xa me ocupo do meu. Ti tamén tes algunha foto que xa colgara eu antes”.

O normal sería arranxar con educación e con boas formas o acontecido, porque non deixa de ser seguramente un malentendido nunha cuestión que non debería ir máis para alá. En lugar dis, ao meu entender, a resposta foi desafortunada e con formas que deixan bastante que desexar. Por iso ao final decidimos publicar aquí o que acontecera. Realmente somos seguidores desa páxina, por iso a nosa sorpresa foi aínda maior.

Por outra banda, neste blog temos difundido cousas moi interesantes de Rabunho Rexeita, material que nos pasou Rafael de Disteva, Nuco, Carlos Coto, de Miguel Somoza e Suso Santos… E sempre intentamos recoñecerlles o mérito polo seu traballo. Internet está para difundir, coñecer e aprender. Agora, nunca está de máis ser respectuosos coas persoas que difunden, crean, dan a coñecer e nos permiten aprender. E se non se sabe quen está detrás, non pasa nada que, como dicimos, é imposible sabelo todo, pero falando todo o mundo se debería entender.

Ten Rianxo unha lagoa?

7 Mar

lagoa1

De seguro que vos preguntades de onde saquei esta imaxe, xa que en Rianxo non hai lagoa. Pois ben, non a hai, pero case case. A instantánea é real, iso si, e cada sacada dende un camiño no medio do monte.

Seguir lendo

Juadalupinos Fest

4 Mar

O 8 de marzo, no Campo de Arriba de Rianxo, dende as 14.00 horas. Hai un almorzo popular, por 15€ e pódese reservar por privado no facebook das Juadalupeñas, no de Antrospinos ou na cafetería Toffe, no bar Xuntanza ou no bar A Lareira.

juadalupinos

Fotos e crónica da II Marcha BTT de Rianxo

26 Feb

saida1

Fotografías

Por fin chegou o que estabades agardando, as ansiadas fotos da II Marcha BTT Concello de Rianxo. Temos máis de 5.000 imaxes e como son demasiadas para poñer neste blog, fixemos varios álbumes para que as poidades ver con calma en distintos álbumes segundo a ruta que fixestes:

Durante os próximos días enviaremos as imaxes en alta resolución aos que contrataron as fotos no momento da inscrición. Iso si, fáltanos o correo dos dorsais 66, 129, 173, 175, 247, 264, 326, 356 e 435.

O correo do dorsal 28 (Gustavo Riveiro) tamén nos dan erro. Por favor, contacta con nós no en fotosderianxo@gmail.com para que saibamos a onde envialas.

Se non contrataches o servizo de fotografías e desexas agora as imaxes nas que saes (en rede, nos álbumes arriba indicados, témolas colgadas con moi baixa resolución), o custo é de 3€. Escríbenos a fotosderianxo@gmail.com se estás interesado.

Crónica

O domingo 23 de febreiro tivo lugar a II Marcha BTT Concello de Rianxo, na que participaron máis de 520 corredores de toda Galicia. A proba, organizada pola Peña Cicloturista Castro Barbudo de Taragoña, tiña tres niveis distintos 27, 40 e 60 kilómetros. Así que podían participar dende os Chuck Norris da mountain bike ata aqueles que están comezando. Iso si, incluso na ruta máis pequena había tramos complicados e había que darlle duro ás pernas.

O rexistro de participantes abriuse ás 8 da mañá. Dende ese momento, Rianxo comezou a ser invadido. Non, non eran os vikingos. Eran btteiros con ganas de marcha.

vikingo

Ademais, a diferenza do ano pasado, o tempo foi espectacular. Foi un deses días marabillosos para practicar a bicicleta de montaña, xa que non choveu nada de nada e a temperatura era agradable. Facía fresco a primeira hora da mañá, iso si, pero a medida que os corredores ían facendo quilómetros, tamén se sacaban as chaquetas de enriba porque non as necesitaban.

Por outra banda, cada vez son máis os que veñen ata Rianxo a desfrutar desta proba. A pesar do segundo ano desta marcha, estase a converter nunha referencia para moitos deportistas de nivel, xa que participaron o subcampión galego da categoría Elite, Manuel Para; o campión galego da categoría Master 30, Alex Trasbach; o campión galego Master 30, Gómez Bestilleiro, ademais de moitos dos mellores corredores do campionato galego.

saidameta

Eran as 9.30 da mañá e xa moitos corredores estaban preparados para a saída. Ao tempo, algún que outro despistado aínda estaba chegando a Rianxo, polo que tiña que preparar a bici, inscribirse e demais. Está claro que os sábados tamén pasan factura e os domingos custa madrugar en ocasións.

A saída tiña lugar ás 9.35, uns minutiños por riba do previsto. Poñíase entón en marcha un espectacular grupo de deportistas amantes das dúas rodas, dispostos a coñecer como eran os montes de Rianxo.

carballeira

O ano pasado os primeiros quilómetros foron bastante problemáticos, xunto ao mar, en canto que había certos tramos moi moi estreitos nos que só se podía pasar de un en un. Así que este ano se decidiu corrixir este tema e a primeira parte foi polo monte. Non houbo, pois, ocasión de ir pegados á costa rianxeira, pero si se puideron apreciar zonas fermosas como a carballeira que hai arriba destas liñas ou paraxes misteriosas como a Aldea Maldita de Abuín.

A partir do quilómetro 8 a cousa xa se comezou a complicar e chegaba o momento de descubrir se as pernas necesitaban aceite ou estaban con forzas. Subíase por Leiro e por Isorna, para despois tirar por debaixo da autovía do Barbanza cara ao monte da Lioira. O día era estupendo, pero a intensa chuvia das últimas semanas notábase nos camiños.

Para os da ruta de 40 e 60 kilómetros había un avituallamento no Alto da Paradegua. Era momento de descansar e coller de novo enerxía. Os que facían a marcha máis longa ben a necesitaban. Aínda que outros, como Brandán Márquez, non a precisaban. Por algo Brandán rima con Supermán. Vaia maneira de correr.

Mirade agora o cortalumes que hai debaixo destas liñas. Brandán chegaba a este punto ás 11.00 da mañá. Unha hora e media despois da saída. Ía acompañado de tres motos de trial e baixou el máis rápido que as motos. Alucinante.

baixada

O segundo corredor pasaban cinco minutos despois de Brandán. O que daba xa unha idea de como podería quedar a carreira. Iso si, aínda quedaba moito por diante e a subida ao Pico Muralla era dura, moi dura.

Ademais, a lama non fai amigos. Iso si, hai quen pasa por riba dela case voando, levitando, como quen cruza asfalto.

auga

E despois están a maioría, eses que caen atrapados nas lameiras como moscas nas teas de araña e despois se teñen que parar pensando que foi o que pasou.

saida

A marcha non fai amigos. E as pedras do camiño e as costas do monte son duras. Para o cambio, para os freos, para as rodas e para as pernas. Iso si, a organización estivo á altura, con máis de 30 persoas pendentes de que todo o mundo estivese ben atendido e ninguén quedase sen asistencia. Tanto é así, que incluso había servizo de taxi ata a meta 🙂

moto

Os que remataron, puideron desfrutar duns pinchos entre amigos, para comentar a xornada. Sacándose previamente a terra de enriba, iso si, porque medio monte de Rianxo estaba na cara, na roupa e nas rodas das 500 mountain bikes participantes.

Velaquí os premiados:

maior

Bernardino Otero, premio ao máis veterano da marcha. 64 anos

guitiriz

Cova da Serpe de Guitiriz, clube participante máis lonxano. Fixeron máis de 110 kilómetros só en coche

numerosos

Clube participante máis numeroso, Os Esfola Arrós

muller

Gañadora feminina: Silvia Dosil

homes

Gañador masculino: Supermán Brandán Márquez

O campo de concentración de Rianxo

17 Feb

Un interesante documento audiovisual realizado polo ENDL do Félix Muriel sobre o campo de concentración de Rianxo.

Fermosa posta de sol en Rianxo

16 Feb

Un incrible vídeo onde podemos apreciar un momento tan bonito como o paso do atardecer ao anoitecer en Rianxo.

A fonte da Tixola

16 Feb

Grazas a Carlos Bastos e demais membros da organización das festas de San Pedro de Vilas, puidemos descubrir que detrás desta fermosa ermida de Asados hai un pequeno sendeiro que leva ata a coñecida como fonte da Tixola ou fonte da Sartén. O por que do nome, vistas as imaxes, non é moi difícil de deducir 😉

fontetixola

fontetixola2

As obras da gasolineira do porto de Rianxo, a bo ritmo

10 Feb

gasolinerarianxo

Trátase dunha demanda que vén de antigo en Rianxo. Pero, por fin, semella que a gasolineira do porto de Rianxo será realidade nunhas semanas. De feito, xa podemos ver moi avanzada a obra que promove a empresa Neumáticos Soto (que xa ten outra estación de servizo en Taragoña).

Seguir lendo