Archive by Author

Fotos e crónica da XIV Subida ao Castro Barbudo

5 Mai

O 4 de maio tivo lugar a XIV Subida ao Castro Barbudo. Neste blog colgamos unhas poucas imaxes, pero tedes en breve teredes un feixe delas na nosa páxina do facebook. Velaquí o Álbum I e o Álbum II.

De novo queremos darlle as grazas aos da peña ciclista por levarnos durante o percorrido e aguantarnos toda a tarde 🙂 Puidemos ver dende o seu lado como se organiza unha proba deste tipo e, de novo, é sorprendente o ben que fan as cousas e todo o traballo que require. Había 115 inscritos e, desta volta, o tempo si acompañou, nunha xornada con arredor de 22 graos.

A saída atraouse un chisco, un cuarto de hora, así que ás 16.15 horas saíron os corredores dende Campo de Pazos.

saida

O primeiro quilómetro e medio foi pola estrada, pero dende aí xa se tirou a preto do río Té, ata Carballal:

carballal

Segiuse polo Batán, de aí ata o Carballo, e cruzouse de novo pola estrada á altura de Contrés:

contres

O grupo seguía moi unido, aínda que a proba a penas acababa de comezar. Xa quedaba pouco para o monte e para tirar para arriba:

monte

Con tanta costa arriba e tanta calor, comezaron a producirse pequenas diferenzas entre os participantes, pero as forzas aínda se estaban a gardar para o tramo final.

Mesmo había algún que ata presumía arriba das subidas duras:

Caballito

Pero en xeral a xente ía tranquila, e desfrutando das baixadas e das zonas onde a pista tiña menos pedra e se podía rodar máis rápido:

castro1

castro2

O que si, todo o mundo agradeceu a parada para o avituallamento, que estaba situada en Lousame, ao final de Escabia. A xente aproveitou para comer froita, refrescos e doces. Aínda faltaba camiño por diante e o tramo libre. Non obstante, o pelotón agrupouse no avituallamento e ata que as motos arrincaron, de alí non se movía nin unha herba:

avituallamento1

avituallamento2

Xa coas pilas cargadas, a xente estaba pletórica e quería darlle guerra á montura:

avituallamento3

A xente saíu aos poucos, formando unha longa serpe rodante:

fila

A hora prevista para a saída do tramo libre eran as 19.00 horas, pero a cousa atrasouse tamén un pouco. Aí é onde se ía ver o que tiña cada un nas pernas e, quen demostrou estar forte coma un buxo, foi un de Sanxenxo. Xa antes de chegar á estrada de Ourille lle sacaba máis de 50 metros ao segundo, e de aí non o baixou ninguén:

primeiro

Primeiro foi Ringo Deza Sáez e segundo Carlos Muñiz Nieto, ambos os dous do Clube Ciclista Corbelo de Portonovo. O terceiro posto foi para Víctor Manuel Domínguez González, do Caeiro-Cambre.

ganhadorpodium

Para rematar, houbo festuca con comida e bebida a rachar para repoñer calorías 🙂

Quen será, será?

3 Mai

A persoa que se esconde detrás do paraugas aparecerá na exposición fotográfica de Ruando Rianxo. Sabes quen é?

paraugas

En maio, flores de xestas

2 Mai

Ti tamén celebras a chegada de maio poñendo flores de xestas na porta da casa, no coche ou nalgún outro sitio? Pásanos as túas fotos a fotosderianxo@gmail.com

CAM00135

CAM00137

Malestar entre os veciños do Araño pola mala planificación de varias prazas de discapacitados

29 Abr

Onte, domingo, houbo unha reunión de urxencia na Asociación de Veciños do Araño ante as queixas de moitos habitantes da parroquia por como se está a desenvolver a obra de varias prazas de aparcamento para discapacitados xunto á igrexa parroquial. Ademais, van presentar un escrito formal ante o concello recompilando todos os problemas que observaron, aínda que xa estableceron contacto por teléfono.

A primeira queixa foi non saber para que era en concreto a obra que se estaba a realizar xunto ao edificio relixioso, xa que non tiña ningún tipo de información nin do promotor nin o sobre o obxecto:

obra1

Ante isto, varios veciños puxéronse en contacto coa AAVV da parroquia para preguntar. Dende a Asociación falaron co departamento de Obras do Concello, que dixo non saber de que se trataba. Non obstante, contactaron tamén co alcalde, quen informou que se trataba dunha obra para habilitar varias prazas de aparcamento para discapacitados finaciada por Arousa Norte.

Contactei coa AAVV do Araño e comentáronme que están encantados de que se invista na parroquia e se fagan cousas, pero dun xeito práctico, con sentido e pensando nos intereses de todos. En primeiro lugar, sorprendeu o tipo de obra, xa que os veciños consideran que sería moito máis práctico e barato pintar e habilitar zonas exclusivas para discapacitados, sen ter que furar:

obra2

Pola información que temos, a previsión é crear dúas prazas de aparcadoiro preto da igrexa e outras dúas máis arriba, preto do hórreo. Pero as dúas primeiras están moi afastadas da igrexa, a uns 100 metros da cancela de entrada, o cal non é moi práctico á hora de acceder ao recinto relioxoso:

obra3

Ademais, como se pode ver na imaxe, están situadas no medio dunha costa, polo cal unha persoa con cadeira de rodas non estaría na mellor zona para ir ata a igrexa, xa que hai unha pendente descendente. Así mesmo, á hora de volver ao coche, ademais de estar moi lonxe da entrada, podería ter dificultades pola costa arriba.

obra4

Por outra banda, as prazas habilitaríanse xusto na zona na que os autobuses (que ofrecen servizo por exemplo nos enterros) dan media volta.

Estes son algúns dos motivos que esgrimen os veciños que, como dicimos, solicitan que se fale con eles para pensar mellor a obra e sexa máis práctica e menos molesta. Estamos á espera do punto de vista do Concello por este tema.

ACTUALIZACIÓN: dende a asociación de veciños coméntannos que hoxe falaron co alcalde e van ter unha reunión (xunta directiva da AAVV + concello) mañá ás 20:30 horas xunto á igrexa.

Falece o accionista maioritario da Conservera de Rianxo

28 Abr

Xusto esta semana tivemos ocasión de poder ir ata a Conservera de Rianxo (coñecida por case todo como a de Cortizo) a sacar fotos dentro da empresa para a exposición de Ruando Rianxo. O caso é que hoxe coñecemos que finou o accionista con máis participacións da conserveira, Manuel Jesús Gago Engix, coñecido por moitos como Suso. Mañá será enterrado na parroquia de Palmeira (Ribeira).

Moitos en Rianxo coñecían a Suso porque o seu pai, Manuel Gago Pérez, era o dono da conserveira cando estaba na zona do Castelo, máis adiante de onde está agora o auditorio.

varias 084

Daquela era a Conservera de Rianjo. Máis adiante mercou a empresa Cortizo, pero o seu fillo seguiu traballando na empresa e, cando Cortizo decidiu deixar o negocio, Suso tivo a maior participación. Faleceu a a raíz dun ictus e tiña menos de 60 anos.

Festival Miúdo, o 20 de abril, en Rianxo

13 Abr
O sábado 20 de abril, dende as 22.00 horas no Campo de Arriba (Rianxo), terá lugar o Festival Antrospinos Miúdo organizado pola Asociación Cultural Festival Antrospinos. Actuarán os grupos Os 3 Trebóns, Os Ulträqäns, Familia Caamagno e pechará  Bigote Mix.

FAP Inverno

Concerto solidario polo Sahara e proxección de “Hijos de las nubes”

13 Abr

A ONG Solidariedade galega co pobo saharauí e as familias acolledoras do programa “Vacacións en paz” organizan varios actos solidarios que está previsto desenvolver neste mes de abril no Auditorio de Rianxo.

– Sábado 20, ás 20:30 h. Concerto a cargo de María Manuela, Barahunda (Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro), e Bea Porrúa e Alfredo Susavila, presentado por Ernesto Chao. Prezo: 5 euros

– Sábado 27, ás 20:30 h. Proxección “Hijos de las nubes. La última colonia”, premio á mellor película documental nos Goya 2013. Prezo: 3 euros

Piñeiros cortadas xunto á praia de Cunchas

2 Abr

Esta fin de semana dei unha pequena volta pola praia de Cunchas e vin que un dos seus maiores atractivos, o pequeno bosque de piñeiros que está ao seu comezo, sufriu a tala de varias árbores. Polo que vin, algunhas árbores estaban arrincadas de raíz, polo que igual puideron caer por unha tormenta. Pero outras foron cortadas directamente, non sei se porque presentaban algún risco ou non. Algún de vós sabe que pasou?

ACTUALIZACIÓN: puxémonos en contacto por correo coa Alcaldía e indicáronnos que a finca na que se cortaron os piñeiros é particular e que o dono obtivo un permiso da Xunta para facer a tela. Por outra banda, é certo que “un tornado levantou varios” piñeiros, pero aproveitando iso procedeuse á “curta doutros”. Dende a Alcaldía tamén comparten connosco en que é unah mágoa que pasara isto, xa que se “estragou unha fermosa paisaxe” que cada ano atrae a moitos rianxeiros e turistas.

cunchas1

cunchas2

Imaxe

Estampas rianxeiras: mirando pola fiestra

31 Mar

09032013-fotos 029

Ángel Baltar Cortés, fillo predilecto de Rianxo

30 Mar

Cando alguén de Rianxo fala de Baltar, a todos se nos vai directamente a cabeza ao pazo que hai xunto á praia de Tanxil. Pero o de seguro que non sabedes é que na fachada do concello hai unha placa conmemorativa en agradecemento á súa persoa e que se lle puxo en vida. Vamos, que foi un home moi importante para Rianxo.

baltar1 baltar2

Na placa, en castelán, pódese ler: “Rianjo, a don Ángel Baltar Cortés, sabio cirujano, honra de Galicia y gloria de España. En testimonio de gratitud por su constante cariño a esta villa. Año de 1929”. Despois explicaremos o motivo exacto desta placa, porque antes queremos falar de Ángel Baltar.

Foi o penúltimo fillo dunha familia acomodada (o pai era farmacéutico e mesmo foi alcalde de Padrón) de oito irmáns e naceu en Padrón, o día 12 de marzo de 1868. Estuda Medicina en Santiago, carreira que acaba en catro anos. Durante un curto período de tempo exerce a docencia, xa que gaña unha praza como profesor axudante de Fisioloxía, aínda que despois é médico rural en Rois, ata que pasa a ser médido no Hospital Real de Santiago de Compostela, onde foi director durante varios anos.

En 1908 inaugura o primeiro sanatorio quirúrxico de Galicia e chega a converterse no “máis prestixioso cirurxián de Galicia da súa época”. Mesmo foi inventor de aparellos médicos como, entre outros, unha pinza de fixación do globo ocular para a operación de cataratas, un aparato dispensador de agua estéril para que os cirurxiáns puidesen lavar as mans ou un gancho para extracción de moedas e doutros corpos estraños.

angelbaltar

Era tamén amigo dos Castelao e dos Dieste. Como aficionado da poesía, publicou poemas adicados á Virxe da Guadalupe, ás xentes da ría de Arousa e mesmo a Castelao. Morre en 1934, mentres realiza unha operación, ao sufrir un derrame cerebral.

Todos estes datos son do doutor Fernando Ponte Hernando (fonte orixinal), quen ademais escribiu o libro Dr. Angel Baltar Cortés (1868-1934) Maestro de cirujanos. Colección Scripta. Ediciones Inéditor, da Coruña.

Non obstante, aínda queda chegar ao motivo polo que foi nomeado fillo predilecto de Rianxo. Ángel Baltar, ademais de ser un gran cirurxián, tamén era un home moi xeneroso, ao que os historiadores locais Xesús Santos e Xosé Comoxo cualifican de “anxo da garda da vila rianxeira” no seu libro Biografía de Arcos Moldes (Rianxo: apuntes dunha vila mariñeira). 1865-1944

Nesta obra podemos ver como Baltar constrúe o seu pazo en Rianxo (si, ese que está ao lado de Tanxil) en 1913 e como axuda economicamente unha e outra vez ao Concello. Así, pon cartos para “a instalación dun novo alumeado público na vila: o eléctrico”. Pero tamén ten un gran comportamento como médico cos veciños na gripe de 1918 e mesmo vai co alcalde a visitar o Gobernador Civil e o Presidente da Deputación para solicitar axudas para distintas actuacións e obras da localidade.

Por todo iso será nomeado fillo adoptivo (1925) e tamén fillo predilecto (1927) de Rianxo. Prestará de novo cartos do seu peto para que se repare parte do camiño a Tanxil, desfeito polas chuvias do inverno de 1927. Finalmente, o Concello decide encargarlle ao escultor Francisco Asorey “una placa de mármore con aplicacións de bronce, que perpetuase o agradecemento do pobo por ese constante labor en favor da vila”. Colócase en 1929 nun acto multitudinario.