Archive by Author

Nuco e o Museo de Nós Nuco

24 Mar

Como sabedes, estamos a preparar unha exposición titulada Ruando Rianxo, patrocinada polo Concello, na que buscamos descubrir a nosa localidade a través das súas xentes. E unhas das persoas que terá o seu pequeno oco, é Nuco.

Cando naceu, puxéronlle Robustiano, pero de aí a cousa pasou a Rubustianuco e, finalmente, a Nuco, como o coñece todo o mundo. E para quen non o coñeza, velaquí a súa ficha de presentación: Nuco Losada Romero, nacido en 1945, “un rapaz de Rianxiño, fillo de Antonio e de Flora, que non é de Uruguai nin de Nova York”, pero que non deixa de ser un artista autodidacta cunha gran obra.

nuco2

Para descubrires o seu potencial artístico, só tedes que pasarvos polo seu museo de Rianxiño onde nin tan sequera cobra entrada. Tedes as indicacións postas na entrada de Rianxo (xunto á rotonda do pavo real), aínda que sorprende saber que as tivo que pagar el do seu peto. Porque Nuco quere amosar ao mundo que o que fai tamén é digno, ten calidade e paga a pena. “Teño moita forza e non vou parar“, comenta mentres nos ensina o seu museo. “A min ninguén me axudou nunca”, pero iso non quita que no 2012 entraran a ver as súas esculturas “unhas 900 persoas, de Calanda, de Negreira, de Vilagarcía, de Canarias, ingleses, franceses… que tamén consumiron no concello, así que tampouco custaba nada sinalizar o museo”. Pero non, saíron do seu peto.

O museo de Nós Nuco está feito no baixo da súa casa. Son uns 150 metros cadrados, o que supuxo moitos anos de loita, “recibindo moitos parabéns e alegrías, pero tamén levando moitos paus, sobre todo ao principio”. Trátase dun museo “feito por un home só, que non deixa de ser unha punta de lanza convidando a outros artistas a crearmos unha rede de museos, que podemos”. Nuco mesmo indica que “sería moi bonito que Rianxo fora a terra dos museos“.

nuco3 nuco4

Porque Nuco ten corazón de artista, pero mans de currante. Foi case toda a vida carpinteiro de ribeira e para poder crear tiña que durmir moi pouco. “Téñome deitado ás 3 da mañá e levantado ás 7 para ir ao traballo. Aquí hai moito sacrificio”, confesa. Ao tempo, explica que ese esforzo era visto por moitos como un compartamente pouco habitual, porque “no seu día chamábanme O Loco da Colina. Hoxe en día ninguén o fai, porque o Loco do Colina sabía o que quería”.

De feito, é un home de verbo fluído e de ideas claras. As dúas horas que estamos con el pasan rapidamente. É un pracer poder escoitar as explicacións de cada una das obras que saíron da súa imaxinacións e do seu traballo. Así por exemplo, cando nos amosa unha peza sobre a emigración dinos que el a viviu en persoa, “así que sei o que se sente. É unha dor moi profunda, que che afecta a todo”.

nuco1

E no momento de ver unha escultura sobre a lingua, coméntanos que en ocasións van escolares ao seu museo e lles transmite a idea de que a lingua “está nunha cárcere, porque pensamos en galego pero non o falamos. Cada un é libre de falar a lingua que queira, pero que non pensen que por falar castelán un vai ser máis intelixente, porque a intelixencia é patrimonio de quen a ten“.

Déixovos aquí unha entrevista que lle fixemos a Nuco, para que poidades afondar mellor na súa personalidade e na súa obra. Aínda que o mellor é que vos pasedes directamente polo seu museo, o coñezades en persoa e poidades desfrutar das súas creacións 😉

– A súa primeira escultura foi un deus maorí no Pacífico. Por que esta obra? Como naceu esa idea?
– Nesas datas estaba eu navegando a bordo dun container holandés, eran tempos nos que aínda usaba a pintura como canle de expresión artística. Lembro que quedara sen material para pintar nunha vila moi pequena de nome Maunganui e como me atopaba predisposto a facer algo, ocorréuseme esculpir nun pequeno tronco de madeira de teca un deus Maorí: Marakihao, mítico ser mariño de rostro humano e lingua bífida, coas mans abertas sobre o ventre. Estiven un ano en diferentes vilas e cidades de Nova Zelandia, a palabra “maorí” significa “ común, normal”. A escultura éncheme porque a partir dun debuxo é necesaria unha grande loita contra a materia para chegar a un fin que se poida considerar artístico.

– Antes tamén practicara a pintura, pero non o enchía. Que atopou na escultura que non tiña a pintura?
– A escultura é tridimensional pero tes que traballar catro caras, todas distintas. Podemos dicir que nunha escultura coexisten catro cadros desiguais. Fago escultura porque me gusta e se houbera que nacer para algo, estou seguro que eu nacería para ser escultor. Todo o que fixen na miña vida diferente a iso, en certo modo consíderoo tempo perdido. Sinto paixón polas artes, pintei ao óleo pero a pintura non me acaba de encher, un pasa media vida buscando para o que valer, e cando o atopa dedícase a iso con todas as forzas; eu considérome afortunado porque atopei a miña canle de expresión: a escultura.

nuco5

– Cal é a obra da que se sente máis orgulloso?

– Moi difícil dicir de que obra me sinto máis satisfeito, unhas teñen simbolismo, outras forza expresiva, e outras unha execución superior. Non obstante, iso moitas veces non é suficiente para considerar a unha obra a máis querida. Considerando que eu son o pai de todas elas, por exemplo se un pai ten catro fillos, tres sans e un enfermo, posiblemente o seu cariño máis grande o leve o máis débil, o fillo enfermo; iso e o que me pode pasar a min. Aprezo a todas igual, non quero ciumes aquí dentro, en todo caso prefiro que sexa o espectador quen marque as diferenzas.

– Como é o seu proceso creador? Tarda moito en elaborar cada obra?
– O tempo que me leva facer unha escultura, depende case sempre do meu estado anímico, hai días que os paso dando voltas polos camiños da preguiza, sen ganas, e de repente xa na escurecida ao mellor éntrame unha especie de febre e póñome a traballar ata ben entrada a noite sen saber como me atoparei o día seguinte; difícil tarefa poñerlle data de acabado a unha peza miña.

– Traballa coa pedra, co ferro e coa fibra de vidro. Son materiais moi distintos entre si. Como decidiu cambiar duns a outros? É autodidacta á hora de aprender a traballar estes materiais?
– Ao longo de todos estes anos cambiei varias veces de material. Gústame estudar cada un deles, saber que se lle pode conseguir, e tamén demostrarme a min mesmo que podo facer unha escultura no material que se me antolle. Son autodidacta en todo, a miña universidade non ten teito nin paredes, é a escola da vida.

– O logotipo do seu museo ten unha antena, xa que busca captar calquera cousa que o poida inspirar. Que foi ata o de agora o que máis o inspirou: os libros, a personalidade da xente, a tradición…?
– No meu logotipo destaca unha antena que ten dúas facetas ben distintas: emisora é receptora, as ideas para facer as miñas esculturas proveñen dos feitos que se dan nesta grande obra de teatro que é a vida e tamén do que vexo na natureza.

– Boa parte da súa obra ten unha relación moi estreita con Galicia e con Rianxo. Necesitaba plasmar o que o rodeaba?
– Nun principio sentín a necesidade de plasmar nos meus traballos todo aquilo que me era máis próximo e me falaba da miña terra, nado en Rianxo era moi difícil non facer un percorrido polos persoeiros da literatura, os oficios, a tradición. Xa logo, máis adiante, as miñas esculturas fixéronse máis universais, cosmogónicas.

nuco6

– Cre que moitas veces se confunde o talento e a creatividade coa loucura?
– Non creo que a xente corda confunda talento e creatividade coa loucura, pero aínda que así fora, bendita loucura. Algunhas persoas aprovéitanse da extravagancia para disimular a súa mediocridade e a mellor virtude que pode ter un artista e a sinxeleza, a simplicidade… e obra. O hábito non fai o monxe.

– Como xorde a idea de crear un museo?
– Comecei a facer esculturas e a contalas, o día que non souben cantas tiña díxenme a min mesmo: chegou a hora de ter un museo, eis o Museo de Nós Nuco.

Podedes visitar gratis o Museo de Nós Nuco de luns a sábado de 18.00 a 21.00 horas, ou ben concertar previsamente visita para outros horarios no teléfono 981.86.02.85 ou no correo riodexeixos@hotmail.com

Conferencia de Leontxo García, xornalista e experto en xadrez

19 Mar

O Club Xadrez Rianxo organiza o próximo sábado 23 de marzo as 12:00 horas no Auditorio de Rianxo unha conferencia de primeiro nivel, xa que a imparte o xornalista deportivo e especialista en xadrez Leontxo García.

Baixo o título de “Viaje al fascinante mundo del ajedrez”, Leontxo García nunha viaxe imaxinaria de centos de séculos na histora do xadrez, deterase nos momentos máis importantes deste deporte, dende a súa invención na India ata a súa chegada a España cos musulmáns. Tamen contará as súas vivencias persoais cos mellores xogadores dos últimos 35 anos, como Fischer, Karpov, Kasparov, Anand, Carlsen ou as irmás Polgar.

leontxo_cartel

A conferencia, segundo nos indican dende o Club Xadrez de Rianxo, “está pensada para todos os públicos e, sen subida, é un acto que vai sorprender totalmente a todos os asistentes pola capacidade do conferenciante de atraer a atención dos participantes. Un evento moi ameno e cargado de anécdotas”.

Leontxo García é conferenciante, presentador, comentarista e xornalista especializado en xadrez. Ten a Medalla al Mérito Deportivo, outorgada polo Gobierno español en setembro de 2011, posúe o Premio do Comité de Deportes da URSS, concedido en Leningrado 1986, “pola mellor cobertura do Campeonato do Mundo de Xadrez” e os Premios Nacionais Chessy 2007 e 2011 “á persoa que máis difundiu o xadrez en España”. Ademais, é xornalista en El País onde escribe unha columna diaria e colabora semanalmente con RNE.

Velaquí o podedes ver neste vídeo falando sobre a rivalidade entre Karpov e Kasparov:

50.000 grazas

18 Mar

50000_1

50000

Hoxe colgo un par de fotos comigo (que non miñas, porque son do amigo Xoán Antón) para agradecervos unha cifra que non deixa de ser significativa: 50.000 visitas ao blog. A algún de seguro que lle parecen poucas, pero a min parécenme demasiadas para un pequeno proxecto que trataba de recoller en fotografías todo o que ten Rianxo. Era unha forma de descubrir os recunchos de cada unha das nosas parroquias, ao tempo que podiamos coñecer aos nosos veciños ou ben ter información de eventos interesantes.

O blog, ademais, cumpriu o pasado mes de febreiro nin máis nin menos que catro anos. O 16 de febreiro de 2009 abría esta bitócara cunha foto da estatua de Castelao na Ribeira. Así que toca unha dobre celebración.

Facendo números, o que máis se busca no blog son as fotos das festas da Guadalupe. De feito, no mes de setembro e de outubro as visitas dispáranse sempre 🙂 Pero tamén é moi consultada a sección de Rianxeiros, a dos Cruceiros, a dos pazos do Concello (o dos Calotes e o de Baltar), e tamén a entrevista a Vanessa Martínez e a reportaxe a Esther Carrodeguas. Outro dato curioso é que despois de España está Estados Unidos en canto a visitas, e despois veñen Alemaña, Suíza, Uruguai e Francia.

Como moitos xa sabedes, vivo por causa do traballo (e agradecido que estou) na Coruña, aínda que como bo rianxeiro sempre que podo veño ata a terra, así que non sempre podo facer todas as fotos que me gustaría. Dende hai uns meses, non obstante, Xoán Antón Castro tamén escribe e publica neste blog, así que quero darlle as grazas polo seu traballo, porque moitas das visitas son mérito del. Intentaremos afondar a partir de agora nunha etapa máis informativa neste blog, sen perder a referencia fotográfica e a recompilación de imaxes dos lugares interesantes da nosa localidade. E tamén daremos boa mostra do que estamos a facer para a exposición de Ruanxo Rianxo.

Agardo que sigades participando neste blog porque é un pracer a vosa visita 😉

Panorámica do porto de Rianxo

16 Mar

Clica enriba da imaxe para vela máis grande:

panoramicaporto2

Sergio Pazos, no Auditorio de Rianxo o día 15 de marzo

6 Mar

sergio

O próximo día 15 de marzo ás 20.30 horas, o actor e humorista galego Sergio Pazos presenta o seu espectáculo “Sé galego, my friend”. As entradas custarán 6€ e pódense mercar na Cafetería Guadalupe e na Casa do Vilar.

O 7 de abril terá lugar a I Marcha BTT Concello de Rianxo

4 Mar

IMarchaBTTConcellodeRianxo2013

Todos os anos, os amigos da Peña Cicluturista Castro Barbudo de Taragoña organizan unha proba para os amantes das bicicletas de montaña polos nosos montes. Nesta ocasión contan coa colaboración do concello de Rianxo, polo nave unha nova proba, a 1ª edición da Marcha BTT do Concello de Rianxo.

Pretenden que sexa un evento multitudinario, no que participen centos de amantes da mountain bikes, polo que non faltará nin avituallamento, nin lavado de bicicletas nin asistencia técnica. A cota é do máis económico, só 6€, tanto para federados como para non federados. Non faltarán os pinchos nin a entrega de trofeos ao mediodía.

A todo isto, a proba será o domingo 7 de abril. Ademais, contarase con tres percorridos, segundo o nivel físico de cada partipante:

  • Iniciación (verde): 20 km
  • Marcha (azul): 40 km
  • Maratón (vermella): 60 Km

A data límite para apuntarse é o 2 de abril. Podes inscribirte na súa web, pero a inscrición só se fará efectiva cando se realice o pago dos 6€ mediante transferencia bancaria ou ingreso na conta “2080 0344 51 3040004300” da Peña depositada en Novagalicia Banco.

A V Prantación de Antrospinos será este próximo sábado

3 Mar

antrospinos

Como comentan na súa páxina web, a Asociación Festival Antrospinos ten como “tarefa total”, axudar a “contribuír activamente na ecoloxía con propostas coma a popular plantación de árbores autóctonas”.

O caso é que este ano será o día 9 de marzo, dende as 10.30 horas en Campo Maneiro. Ademais, teñen unha comida popular por só 6€. Haberá actuación musical e incluso torneo de chave. Para que non se diga que os que van botar unha man non rindan ao 120%.

Para apuntarse á comida hai que inscribirse no seu facebook, ben no seu twitter, ou ben enviando un sms ou chamando ao 693.778.470.

Rianxo en fotos a través das súas xentes

26 Feb

O ano pasado, xunto aos compañeiros do Foto Club Sálvora, movemos unha exposición fotográfica por distintos concellos, entre os que non podía faltar Rianxo. Nese momento xurdiu a idea de poder facer unha mostra exclusivamente centrada no noso concello. Así que puxemos a traballar dende finais do ano pasado e, despois de darlle voltas, chegamos a unha idea: combinar un proxecto no que mesturar retratros fotográficos coas vivencias persoais dos rianxeiros.

Foi así como naceu Ruando Rianxo, un proxecto no que queremos fotografar e entrevistar a xente de todas as parroquias, coma vós e coma nós. Moitas veces temos pequenas grandes historias ao noso lado, na casa do veciño e pásannos totalmente desapercibidas. Por iso lle queremos poñer rostro aos traballadores do mar, aos artistas, ao agro, á hostalería, á música… que vive e medra en Rianxo.

Queremos aproveitar o post para darlle as grazas á área de Cultura do Concello, onde presentamos a idea e foi moi ben acollida. Temos o seu patrocinio, o seu apoio e tamén a reserva do Auditorio para finais de ano. Así que agardamos contar coa vosa visita, que de seguro que vos gustará o que vedes. E se non gusta, pois a turrarnos das orellas 😉

Na exposición é imposible recoller as historias dos máis de 12.000 habitantes que ten o noso municipio, pero do que se trata é de que boa parte das persoas que aparezan en Ruando Rianxo sexan a voz e o sentir de moitos outros rianxeiros. De que cando se realice a mostra no Auditorio saibades que de seguro tedes un veciño, un amigo ou un familiar alí retratado e que descubrades, ao igual que Xoán Antón e máis eu, a outros rianxeiros cos que de seguro vos cruzastes moitas outras veces sen saber a súa historia.

Porque Rianxo é un concello rico en persoas, en historias e en vivencias. E nós queremos plasmar parte desa riqueza. De feito, se coñecedes alguén interesante (e vivo) na vosa parroquia, podedes contactar con calquera de nós para valorar a súa inclusión na exposición:

Xoán Antón Castro: a.rosagz@gmail.com

Eu (Óscar): oscar.reboiras@gmail.com

Coidadiño coa forma na que aparcades en Boiro

22 Feb

Xa sei que este tema non ten nada que ver con Rianxo nin leva ningunha foto. Pero como neste blog tamén informamos e somos moitos os que imos ata Boiro para saír, mercar ou facer calquera outro tipo de xestión, pareceume boa idea avisarvos de que hai que ter moito ollo á hora de aparcar no concello veciño.

O caso é que se aparcades no lado esquerdo da vía vos pode caer unha multa de 100€ (a metade se pagades rápido). É dicir, vós ides por unha vía de dobre sentido, vedes que hai moito sitio para aparcar no outro lado e aparcades no lado esquerdo da calzada, pois podedes arriscarvos a que vos veña a Policía Local de Boiro a deixar unha bonita receita 🙂

Non, aínda que o pensedes, non me pasou a min. Pero si a xente coñecida. Loxicamente é algo que descoñecemos a maioría, incluso que sexa motivo de multa. Polo que vin, isto xa o aplican outros concellos, como o de Pontevedra.

Segundo lin, o artigo 90 do Regulamento Xeral de Condutores indica que “está prohibido estacionar o vehículo na calzada ou na marxe dunha vía de dobre sentido de circulación, sen deixalo no lado dereito, correspondente ao sentido da marcha”. Polo visto isto pode ocasionar manobras perigosas. Eu non o vexo así, xa que podes saír dun garaxe ou dun cruce ben á dereita ou á esquerda. E o lóxico é facelo con  precaución. Agora, a lei está aí, pero é ter coñecemento desta cousas, non vaia ser.

Fotos do festival Bituindetris

12 Feb

A xente da Asociación Antrospinos de Taragoña, organiza todos os ano coincindo co Entroido un festival de imitacións. Nesta ocasión tivo lugar o pasado venres 8 de febreiro no Centro Cultural de Taragoña:

bituindetris

Basicamente do que se trata é de botar unhas risas e de os mellores imitadores repitan no Festival Antrospinos que organizan durante o verán.

Queremos darlle as grazas á Asocación, por cedernos as fotos que colgaron no seu facebook de tan incrible evento. A participación foi enorme, con 18 grupos e alí non collía unha alma máis. Vese que ano a ano o espectáculo chama a máis xente, e iso é algo moi a valorar, a labor de unión e de dinamización que fan este tipo de colectivos no noso concello.

Os gañadores, como podedes ver nas fotos, foron as nadadoras de natación sincronizada 🙂 De segundo quedou Miguel Bosé (vídeo), terceiro foi Bruno Mars, cuarto David Bustamante e Álex e quinta quedou Britney Spears.

bituindetris2 bituindetris3 bituindetris4