Archive by Author

Fotos das festas de Guadalupe de Rianxo 2010: o último día

8 Nov

E cun pouco de pena chegamos ao remate das festas.  Pero para o ano máis e que non falte ninguen.
Aquí vos quedan as últimas fotos onde podedes ver distintos momentos ao longo da noite: a cantata da Rianxeira coas vengalas, o chocolate con churros,  a festa ata as nove da mañá (aínda que este ano acabou un pouco antes debido a uns “graciosos” que a última hora se dedicaron a cortarlle a luz á orquestra) e moito alcol. Vamos, que de novo as nosas felicitacións para a xente da Comisión de Festas, porque este ano as festas foron de novo as mellores!

Aínda que igual non se poida apreciar moi ben, este home leva un par de globos atados á súa coleta. Para quen non o saiba, a rapaza é Dora la Exploradora, e el estaba explorando as combinacións de distintas bebidas espirituosas.

As festas fan que nos convirtamos en máis amigos:

“Espero que os xelos non nos senten mal, que sempre pasa o mesmo”.

Hai, o que une unha boa botella de viño. O amor, que xorde así, cando menos o espera un:

Ata os confederados viñeron ás festas 😀

O chocolate con churros este ano tomámolo a iso das 5 da mañá no Refugio. Para a nosa pena o Toffe non estaba aberto (o ano pasado estaba riquísimo e saiunos moi barato). Do cholocate do Refugio non hai queixa, pero dos churros si: auténticos ladrillos en tiras. Estaban durísimos, todo o mundo estaba flipando, porque había que ter bos dentes para abordalos e non morrer no intento. De feito, eu saín do local para ir compralos a unha churrería e recibín aplausos por parte dunha mesa.

Velaquí un auténtico festeiro rianxeiro ás 8 da mañá, fresco como unha leituga:

O atuendo destoutro tampouco é menos curioso: o que queda dunha guitarra desas que venden os marroquís e un modelo de gafas que arrasaron estas festas. Creo que moito non vía (a foto está moi pixelada porque a saquei de moi lonxe e tiven que aumentar o detalle).

A que é apetecible? Creo que o que se vía no Banco Pastor ás 9 da mañá estaba rico, rico:

Algúns, con tanta festa, volveron á súa infancia:

E pola mañá podíase ver esta estraña estampa: mentres algúns se erguían e comezaban a ler o xornal, outros aínda non tiñan claro que facer, se tirar para a cama ou seguir.

Está claro que se as igrexas fosen bares, non lle faltarían fieis 😉

Festas da Guadalupe de Rianxo 2010: a festa da escuma

8 Nov

Como non podía ser menos, este ano tamén houbo moitos nenos e grandes (aínda que destes menos ca noutros anos) na festa da escuma que se celebra na praza de Castelao. Iso si, pouca escuma e moita auga por parte dos bombeiros 😀

Fotos das festas de Guadalupe de Rianxo 2010: o feirón mariñeiro

4 Nov

Este ano celebrouse o VII Feirón Mariñeiro, onde ademais de postos de artesanía e gastronomía tamén puidemos desfrutar de obradoiros e animación de rúa. Para os que non o desfrutástedes,  aquí vos deixo unha selección dos mellores momentos. E para o ano que non falte ninguén 😉

Fotos das festas de Guadalupe de Rianxo 2010: os xogos tradicionais

3 Nov

Outra das actividades celebradas é a mostra de xogos tradicionais. Aquí vos deixo unha serie de fotos onde podemos ver como se divirten tanto nenos coma maiores.

Fotos das festas de Guadalupe de Rianxo 2010: culturas urbanas

2 Nov

Como non podía ser doutra forma  nas festas da Guadalupe tamén hai espazo para as culturas urbanas, principalmente break dance. A continuación, déixovos unha mostra.


Fotos das festas de Guadalupe de Rianxo 2010: o día das peñas

26 Out

Seguindo coas festas, velaquí unha serie de fotos que mostran as actividades que se levan a cabo o luns, día das Juadalupeñas. Se alguén precisa dunha destas fotos ou quere que retire algunha imaxe porque sae nela, que me escriba ao correo que está indicado arriba, en “info”.




Fotos das festas da Guadalupe de Rianxo 2010: os fogos artificiais

25 Out

Velaquí unha serie de fotos dos fogos artificiais do domingo á noite.

Fotos das festas da Guadalupe de Rianxo 2010: a procesión da Virxe

12 Out

Velaquí fotos do día grande, do domingo, coa procesión da Virxe da Guadalupe.

Fotos da Guadalupe de Rianxo 2010: o chupitaso

4 Out

Como cada ano intentarei poñer aquí un relato exhaustivo do que foron as festas de Rianxo deste ano. E fareino por orde cronolóxica, así que hoxe toca comezar co primeiro día, co venres do chupitaso.

NOTA: se alguén quere o orixinal dunha foto na que saia ou se sinte molesto porque aparece aquí, que me escriba ao correo que teño indicado en Info.

Decepción

18 Set

Como moitos sabedes, para o ano haberá menos días de festa na Guadalupe. Para min particularmente é unha decepción. Unha decepción porque non fago máis que escoitar que a xente de Rianxo vive como ninguén as súas festas. Porque sempre oio como os de aquí presumen con orgullo de teren as mellores festas de Galicia. Pois ao final vai ser que non todo é tan bonito como o pintaban ou que hai moita hipocrisía na rúa.

Ante a perspectiva de que ante os moitos gastos que xeraba a festa ou ben os rianxeiros pagaban algo máis de cota ou ben había que recortar os días, a xente votou por isto último. Polo que dixeron houbo trinta e pico votos nulos, 555 votos a favor de pagar máis cota e 653 a favor de baixar os días. Hai que recoñecer que na comisión de festas son uns señores por darlle a oportunidade á xente da vila de escoller que opción preferían. Pero tamén teño que dicir que eu non o faría, eu directamente subiría a cota. E por que o digo? Pois porque creo que 60 euros por matrimonio non é tanto. Se temos en conta que son sete días de festa (sen contar o primeiro venres), pois cada día ten un custo para cada un dos membros da parella de 4,28 euros. Son moitos cartos? Que pasa, que non podemos pasar algún día sen tomar unha cervexa ou un cubata e destinar ese diñeiro para as festas?

Vamos, creo que a xente se queixa de vicio. Os matrimonios de xubilados pagan (iso creo) 30 euros, que tampouco é excesivo. E despois está a xente nova, que tamén debería de contribuír con algo de cartos. É un pouco triste ver o número de juadalupeñas que hai en Rianxo e que o día do chupitaso poucas foron as que se citaron, porque para facelo todos os membros teñen que poñer 1 euro (que despois se destinan a gastos como o concerto de Rock in Rian ou as actividades do día das Juadalupeñas).

E subiría tamén a cota directamente porque sei de máis dun matrimonio que en lugar de pagar os 60 euros paga 30 ou 40 e tivo tamén dereito a votar. Vamos, que se xa non pagas a cota actual, está claro que non vas querer pagar máis. E, pola contra, eu, que son do Araño e que levo tres anos dando cartos para as festas de Rianxo, porque tamén considero que son miñas e porque as desfruto coma o que máis, pois non tiven dereito a votar. Aproveito tamén para dicir que no Araño se pagan 80 euros para as festas (este ano non, porque non houbo comisión nin festa) por só tres días e con orquestras de terceira.

Para rematar, só dicir que o sinto sobre todo pola xente da Comisión de Festas que fan un gran traballo. O presidente, o Xixí, cando comunicaba a decisión de baixar os días enriba do palco da Marbella, dicía que se sentía triste, porque sempre se esforzaron por facer das nosas unhas festas de sona e de recoñecemento. A iso das 8 da mañá vino polo campo de arriba e feliciteino persoalmente a el e á xente da comisión polo gran traballo que fixeron (e que fan ano a ano). E díxenlle que non estaba de acordo cunha cousa que dixo, xa que pediu perdón por se se equivocaran en algo ou fixeran algo mal. Díxenlle que non tiña porque pedir perdón, porque sempre actúan de corazón e pensando no mellor para a vila e a Guadalupe. As cousas poden saír mellor ou peor, pero detrás hai moitas horas e o labor de todo un ano. Criticar é moi sinxelo, pero xa me gustaría ver a min a todos aqueles que falan mal xestionando as festas e agora tendo que decidir que é o que se recorta para o ano: o día de Padrón?, o día das Juadalupeñas?, o feirón?, Rianxolandia?, os xogos populares?…

Por primeira vez en 13 anos de historia das festas, no 2011 non poderemos cantar iso de “P’ó ano 15 días, p’ó ano 15 días”, pero si que cantaremos “P’ó ano sete días, p’o ano sete días”.