En Leiro, e máis en concreto no lugar de Rañó, podemos atopar este fermoso lavadoiro e unha fonte que foi reconstruída polos veciños no ano 1949.
Axóuxere Editora, un proxecto con alma rianxeira
18 OutA que de seguro que moitos non coñeciades a existencia dunha editora de libros nacida en Rianxo? Pois si, porque en Xens (na parroquia do Araño) ten a súa sede Axóuxere Editora, un proxecto no que xogan un papel fundamental dous rianxeiros: José Manuel Tubío e Roberto Abuín.
Moitas veces, ao falarmos de libros e de literatura pensamos nos escritores, pero non nos lembramos dunha parte fundamental: dos editores. Eles buscan textos interesantes, danlle a oportunidade a creadores novos, axudan a difundir o pensamento, contribúen á normalización da nosa lingua… Sen editores os Castelao, Manoel Antonio e Rafael Dieste tampouco serían quen hoxe son. Así que é moi de loar o traballo e o esforzo que están a realizar estes dous mozos emprendedores rianxeiros, e máis nestes momentos de incerteza.
“Que acontece pasa, que en tempos de crise non imos facer nada? Imos quedar na casa agardando? Nós decidimos tirar para adiante coa idea”, confesa José Manuel Tubío. Pola súa banda, Roberto Abuín comenta que “esta crise non é económica, senón de valores, unha crise ética que afecta á conciencia humana, á socioloxía. Estamos a perder o solo ético e humano; Axóuxere non ansía só gañar cartos, senón tamén dar que pensar, mover as conciencias”. Ao tempo, confesa que “oxalá isto vaia para adiante porque temos moitas gañas”.
Nacemento
Axóuxere Editora, como idea, naceu xa hai varios anos vencellada á Universidade Autónoma do Atlántico (Uniat). Buscaban crear un espazo universitario de aprendizaxe centrado nas humanidades. Non chegou a callar porque desapareceu a Uniat pero a idea continuaba intacta. Así que unha vez que Roberto Abuín volveu de México, onde traballaba nunha editora, atopáronse de novo todas as persoas que estaban a darlle voltas á cabeza para editar libros de pensamento e de ensaio en galego. E seguiron e seguiron ata que en xuño deste ano se constituíron como unha pequena editora independente “a nivel de mercado e de subvencións”, como salienta Roberto.
José Manuel comenta que “estamos a ser o que faltaba en Galicia”, xa que os seus “libros de pensamento libre” non eran doados de atopar na nosa comunidade. E precisamente chegan nun momento de especial necesidade destes textos, no que a crise económica, a clase política e os problemas sociais fan que escritos como o Indignádevos de Stéphane Hessel sexan unha referencia para moitos lectores. Cos seus textos, dende Axóuxere “mesmo nos adiantamos a outras editoras”, explica Roberto.
De momento só editan en galego, aínda que non pechan as portas a outras linguas. Como sinala o propio Roberto, “aspiramos a ir do particular ao universal. Algúns dos libros que editamos non están nin en castelán”, así que aspiran a chegar a máis públicos.
Títulos
Tendo en conta que hai poucos meses que botaron a andar, de momento os libros que podemos atopar en Axóuxere Editora non son moitos, aínda que irán aumentando pouco a pouco (de feito, de aquí ao Nadal xa están a traballar en catro obras novas). Un dos que máis destaca é TAZ. Zona Temporalmente Autónoma, escrito polo norteamericano Hakim Bey (seudónimo de Peter Lamborn Wilson). O que para moitos é pai ideolóxico dos hackers, escribe nesta obra “un dos manifestos ou textos-fonte de moitos dos movementos sociais contemporáneos”.
Hai poucos días presentaron tamén Inmanencia viral, e para tal ocasión contaron co seu autor, o mexicano Fausto Altazi. Dende Axóuxere definen esta obra como “unha lúcida análise crítica do devir contemporáneo, facendo unha inmersión profunda nos tópicos da cultura pop, a industria do porno, o punk, a realidade virtual e outros submundos a través dos cales zumega a orde epistemolóxica imperante, o relato do poder e as súas tramas de control subxacentes”.
Outra das obras que ofrecen é Chamamento, un texto anónimo distribuído en Francia no 2003, no que os seus autores buscan “crebar as formas en que o imperio nos conformou nunha sensibilidade estéril, vaga e conformista”.
Fóra desta liña de pensamento e crítica teñen a obra Carabranca, de Iván Sende. Trátase dun libro que mestura texto e ilustracións e está enfocado a un público máis infantil.
Musas gregas
Cada colección de libros dentro de Axóuxere Editora ten o nome dunha musa porque a asocian a un valor. É o caso de Clío, vencellada coa historia e o pensamento, e coa que eles buscan contextualizar e dar unha visión a certas cuestións do pensamento e do futuro.
Calíope, a musa da fermosa voz, acollerá textos de carácter narrativa de experiencias de desenvolvemento persoal. De momento non teñen ningún libro, pero xa apuntan a autores como Tiziano Terzani con Un adiviño díxome ou Cartas contra a guerra. Ou ben a Sara Maitland con Unha viaxe ao silencio.
Por último, en Polimnia estarán os “textos de combate”.
Distribución
Os libros de Axóuxere Editora pódense comprar a través da súa web, ou ben nunha serie de librarías de toda Galicia. Nun primeiro momento a súa idea era falar eles directamente cunhas 15 seleccionadas previamente, pero xurdiulles a oportunidade de traballar coa distribuidora Prama (que está formada por catro editoras independentes), o que lles dá a oportunidade de chegar a máis de 40 librerías, de centrarse exclusivamente no traballo de editores e de ter unha mellor retribución (o normal é que o 33% dos cartos do libro vaia para a editora, outro 33% para a distribuidora e o 33% restante para a libraría; neste caso a distribuidora leva o 20%, polo que os editores poden quedar cun 50%).
Futuro
Aínda que a ideal inicial é seren unha editora, “algo está quecéndose” dentro de Axóuxere e todo fai indicar que nun futuro se convertan nunha “produtora cultura”, como eles confesan, mesturando a escrita coas novas tecnoloxías e o audiovisual.
Ao tempo, tamén están a perfilar, xunto coa Universidade de Santiago, como crear un espazo dixital para a produción e innovación literaria empregando aplicacións multimedia. É o que chaman o proxecto Telémaco.
Dentro de poucoas semanas tamén presentarán un proxecto de escrita colaborativa coa xente chamado Zoopolitik, e feito coa Universidade Invisíbel. A idea é presentar na súa web durante un texto os textos que van ir incluídos nun futuro libro para que todo o mundo os poida mellorar, reformular, dar ideas…
Queda claro que non estamos ante unha editora máis, senón ante unha que nace nun tempo adverso, que o fai con ideas moi claras e novidosas e que de seguro que dará que falar nos próximos anos.
Esther F. Carrodeguas, unha creadora que busca rachar linguaxes
13 Out
Se algo podemos dicir de Esther Fernández Carrodeguas é que non para. O encontro con ela é no Centro Sociocultural Simón Varela, en Asados. É o día despois da estrea en Rianxo da obra “Ata que a morte nos separe!” do grupo de teatro Airiños. Ao día seguinte toca outra función, así que quere revisar certos detalles coa iluminadora. Que non se diga que non é profesional esta moza rianxeira, que ademais de gran amante do teatro é tamén unha gran narradora.
Pero como diría Jack o Destripador, vaiamos por partes. Se falamos da súa faceta literaria cabe destacar que en abril deste ano publicou o seu primeiro libro en solitario, Collage (Ed. Barbantesa). A obra xa hai tempo que estaba rematada, posto que a escribiu cando estivo en Italia de Erasmus, no 2003. “Sempre vin este libro como algo moi persoal”, confesa Esther, pero ocorréuselle que sería interesante facer teatro con el e por iso pensou en editalo. Así que ao final atopou “aos de Barbantesa, que son moi boa xente e ademais fan este tipo de edicións diferentes”, porque Collage non é un libro ao uso, senón un xogo de 45 tarxetas nas que non hai un principio e un final. O lector decide que ler en cada momento, se as le todas ou só algunhas.
Xogar cos límites
“Escribín Collage despois de ler Rayuela, de Cortázar, e estaba moi influenciada por isto, pola orde. Por que a creatividade non é máis libre? Por que o principio ten que estar ao principio? Á hora de enfrontarme á creatividade literaria pregúntome todas estas cousas. Pero despois, claro está, ten que haber unha estrutura”, segundo explica a propia autora. Porque o libro, aínda que de boas a primeiras semelle un quebracabezas, non é tal; está roto pero ten unha unidade, aínda que a Esther lle gusta “xogar cos límites” e coa metaliteratura.
É tal este xogo que Collage ten tres personaxes: Alberto e Alicia, que son parella, e a propia Esther no papel de escritora. Trátase de dous personaxes imaxinarios e da relación que manteñen co real, con Esther, á hora de pedirlle cousas. Ese divertimento literario inténtao levar un pouco máis alá e por iso fai presentacións dramatizadas do mesmo. Leva xa un feixe delas: Padrón, Ribeira, Santiago, A Coruña, Madrid, Lugo, Rianxo (por suposto)… e as que lle quedan, xa que vai ir ao Culturgal a Pontevedra e está tratando de facelas tamén en institutos. Ao seu carón sempre están Alicia (interpretada por Raquel Nogueira ata o de agora) e Alberto (que foi adaptado por grandes actores como Quico Cadaval, Antonio Mourelos ou Marcos Correa).
Por outra banda, cabe sinalar que esta non é a primeira obra de Esther, posto que no 2006 foi galardoada co Premio Pedrón de Ouro polo conto Subir o telón (curioso que atopemos tamén aquí referencias ao teatro). Foi publicado Edicións do Castro xunto co resto de gañadores do premio.
Diferentes enerxías
Ademais da literatura, como xa dixemos, outra das paixóns de Esther é o teatro. “Leva moito tempo e esixe moita enerxía. É unha guerra constante, unha loita a través do corpo, mentres que a literatura implica reflexionar, estar comigo mesma. Son dúas enerxías distintas”, como ela mesma di. Non obstante, todo está en certo sentido unido porque agora está “intentando escribir algo de teatro”. Pero ademais de escribir, tamén sabe dirixir moi ben, como demostra en Airiños, o grupo de teatro máis antigo de Galicia e que emprende unha nova etapa da súa man.
O teatro permítelle poñer en práctica os seus coñecementos. Hai que ter en conta que estudou Imaxe na Coruña (e posteriormente Xornalismo en Santiago) e traballou en series como “Rías Baixas” ou “Maridos e mulleres”. E aínda que non é ata o 2006 cando comeza a ver esta arte escénica con ollos de namorada (fai teatro por primeira vez durante o seu Erasmus e máis adiante realiza un curso en Dublín, pero pensando máis en aprender inglés), dende aquela tocou todos os paus posibles: foi iluminadora nun grupo e agora, en Teatro da Falúa é actriz, foi directora (levou un premio á mellor dirección na X Mostra de Teatro Universitario da USC en 2009), realizou labores de produción, de deseño de vestiario… Vamos, que non hai nada que se lle escape. Ademais, xunto con tres compañeiro da escola de teatro Espazo Aberto está a comezar un proxecto novo, un grupo chamado “arrastrachelocupolaspallas”, do cal xa iniciaron os ensaios.
Airiños
Pero en Rianxo de seguro que coñecemos máis a Esther por Airiños, a onde chega case por casualidade, sen agardalo, pero con moita ilusión e ganas. Durante o 2010, “falando cunha das actrices de Airiños díxenlle medio en broma que tiña que ir eu a darlles unha volta”. O caso é que nese verán a convidaron a facer un taller, dando unha serie de clases e unha posterior “mini-representación”. E cal foi a súa sorpresa cando “un mes despois me preguntaron se me apetecía dirixir, porque me ofrecían o posto. Nunca o pensara e a verdade é que desfruto moito con eles e permíteme reatoparme coa miña vila, porque sempre fixen cousas fóra”.
Acaba de estrear en Rianxo “Ata que a morte nos separe!” e a cousa non puido ser mellor, xa que encheu os dous días de representación e moitos mesmo quedaron ás portas do auditorio sen poder velos. E todo indica que continuarán enchendo, xa que teñen previsto actuar en Porto do Son, Ferrol, Padrón, Imo, Noia, A Pobra, Santa Comba… para rematar de novo en Rianxo. “A xente respondeu moi ben e o certo é que co público os actores se engrandecen”, comenta Esther, para volver insistir en que está “moi orgullosa dos actores”.
Iso si, a cousa non para e, a pesar das representacións que hai pendentes durante os próximos meses, xa adianta que “hai que comezar a mirar outra obra de cara a decembro ou xaneiro”, e incluso vai ver a posibilidade de facer dúas producións ao ano porque o número de actores así o permite. Ademais, o grupo de teatro máis antigo de Galicia semella que irá facéndose máis vello grazas aos máis novos, porque tamén van contar cun grupo de nenos.
Enerxía de seguro que non lle vai faltar para afrontar estes e outros retos, porque Esther vese que é un auténtico “cu inquedo” e que é feliz creando e rachando esquemas, ben sexa aos seus actores ou aos seus lectores.
O Pico Muralla
1 OutO Pico Muralla é o punto máis alto da xeografía rianxeira, pero tamén o lugar no que o concello limita con outros tres veciños. Deste xeito alí hai un monolito no cal se indican os concellos que conflúen nese punto: Dodro, Rois, Lousame e…
pois o cuarto concello en discordia é nin máis nin menos que Rianjo. Parece mentira!! E que mal soa a todo isto.
Aos porcalláns: temos un punto limpo en Rianxo!!
27 SetParéceme incrible que tendo un punto limpo de recollida de residuos en Rianxo (está na Barraca, pegado á autovía e abre de luns a venres e tamén os sábados pola mañá), siga habendo porcalláns que a única idea que teñen para tirar as cousas é o monte. Este mesmo domingo, indo a pasear polo monte detrás de Rianxiño mirade o que se podía ver: maletas, un sofá, colchóns, mantas… Alucinante!
Graciñas pola visita!
19 SetA verdade é que estou moi sorprendido da cantidade de visitas que está a rexistrar o blog estes días. Moitas deles proceden do facebook e do tuenti, así que vexo que nas redes sociais están rulando ligazóns a esta bitácora. A razón non é outra que as fotos da Guadalupe 2011. Dende o venres houbo case 3.100 visitas, polo que semella que medio Rianxo está mirando que deron de si estas festas.
Agardo que vos gusten as imaxes, tomeinas con todo o cariño que lle teño a esta celebración e ao meu concello. E se tedes algunha idea para o blog, non deixedes de facerma chegar. Eu aproveitei estes días para darlle un cambio á imaxe do blog, porque despois de case tres anos xa tocaba ir pintando a casiña, polo que agardo que non vos chocase moito a nova imaxe 😉
Tan só agradecervos de novo a visita e sinalarvos, a xeito de curiosidade, que grazas a vós levamos sendo tres días o blog de wordpress máis lido en galego. Case nada!!
Fotos das Festas da Guadalupe 2011: o feirón mariñeiro
17 SetHoxe por fin puiden colgar as fotos máis agardadas por todos vós: as do feirón mariñeiro. Subín un feixe delas e máis que de seguro que puiden ter subido, pero para o ano haberá ocasión de poñer máis 😉
Se estás nalgunhas destas imaxes e queres que che pase a foto en maior calidade ou ben queres que a retire do blog, escríbeme a oscar.reboiras@gmail.com
Nesta serie de fotos imos comezar cos músicos. O feirón mariñeiro é un ir e vir de xente e as rúas están cheas de animación. E boa parte deste mérito é dos rianxeiros que ademais de ir engalanados para a ocasión tamén sacan as súas gaitas, tambores, acordeóns e guitarras para cantar e festexar a xornada. Este ano coido que debemos ser a vila con máis músicos por metro cadrado.
Un dos que non faltou á xornada foi o noso alcalde, Adolfo Muíños, que animou o ambiente das súas tocando. Pero á xornada tampouco faltaron nin Carlos Gey nin Vanesa Martínez.
Este señor paroume pola rúa e pediume que lle sacase unha foto e lle puxese: “Aquí está un rianxeiro”. Así que o prometido é débeda:
Algúns mesmo tocan acompañados da súa mascota:
E tamén nos atopamos con xente que igual non ten habilidades musicais pero se quere unir tamén á festa:
Este ano tampouco faltou á cita Cé Orquestra Pantasma:
O mago rianxeiro máis famoso, Alan Golías, paseu por todas as rúas deixando a todos coa boca aberta:
Unha das grandes cousas do feirón é que podemos descubrir de primeira man oficios que habitualmente non adoitamos ver:
Aquí tedes en acción á miña amiga Natividad palillando nun soporte máis que orixinal:
Pero no feirón a xente tamén aproveita para vender, coma estas mozas que ofrecían castañas e rosquillas:
Podes aproveitar tamén para buscar calzado e mirar se hai algo que che vaia ben:
Iso si, de cando en vez é importante recuperar enerxías taceando un pouco:
E se con esas non vai a cousa, sempre nos podemos sentar uns intres:
Aínda que tamén hai quen ten moita enerxía dentro e a prefire soltar a paus:
Por último, sinalar que ao igual que no entroido aos tíos vese que nos gusta disfrazarnos de mulleres 🙂




























































