Fotos das Festas da Guadalupe 2011: culturas urbanas

16 Set

Un ano máis celebrouse a xornada da Cultura Urbana coa xente da Vella Escola de Noia. A novidade (para min), máis significativa deste ano foi que houbese unha demostración de parkour polas rúas da vila e dende a praza da Guadalupe. Iso si, esta xente fíxonos correr e moito e deume a sensación de que non tiñan moi claro a onde podían ir e que facer. Para os que andabamos detrás deles foi un pouco caótico e estresante, a verdade. Iso si, é espectacular velos en acción.

Tamén houbo un taller e exhibición de break dance:

E mesmo un obradoiro de disc-jockey (xunto a outro de beatbox ou de skating, que tiveron lugar durante todo o día):

Fotos das Festas da Guadalupe 2011: o día das Juadalupeñas

16 Set

Un dos días nos que máis rimos é o das Juadalupeñas, coas súas probas imposibles e os seus momentos delirantes. Iso si, desta vez non se apuntaron moitas peñas ás probas e cada vez semella que custa máis levantarse a certas horas 🙂

Se saes nalgunha destas fotos e a queres en maior tamaño ou ben prefires que a retire do blog, escríbeme a oscar.reboiras@gmail.com

Velaquí algún dos membros das Comisión de Juadalupeñas mans á obra:

Para comezar a cousa, o primeiro sempre é a xinca ou proba de relevos. Coa súa carreira enriba destas grandes bólas:

E tamén o relevo en carretilla. Aínda que algúns teñen sistemas completamente novidosos:

A xincana remata cun relevo no que os participantes teñen que levar un ovo enriba dunha culler que sosteñen coa boca. As présas ás veces son moi malas…

E que dicir da carreira de contedores?? Mellor ca unha de Fórmula1:

Como se pode ler no contedor, hai que ter moito valor para enfrontarse a esta proba porque un pode acabar mal parado:

Coma estes dous rapaces, que acabaron no chan tras unha freada un tanto no límite:

E este é o momento previo a un forte golpe que sufríu un dos membros da Comisión de Juadalupeñas. De feito tivo que irse polo moito que lle doía:

Outra das probas estrelas é o escachamento de ovos en cachola allea. Se ao veciño lle rebentas un ovo cru segues aínda. Pero se o ovo está cocido quedas eliminado:

E por último, unha serie de fotos da competición da corda, na que se demostraba quen era o máis forte:

A que non sabedes cal foi o obxecto estrela destas festas? Pois si, as gafas con patillas de cores:

A nosa contribución á festa da Guadalupe

16 Set

Como moitos rianxeiros, a miña moza e máis eu tamén contribuímos ás festas. Son moitos días, moitos gastos e como desfrutamos todo o que podemos destes días, tamén nos gusta axudar economicamente. E creo que todos os que sentimos como nosa esta festa deberíamos de contribuír, con máis ou con menos cartos, para que sigan a ser as mellores festas de Galicia. Por certo, que eu non son de Rianxo senón do Araño (e resido na Coruña), así que tampouco é que teña obriga de pagar nada 😉

Fotos das Festas da Guadalupe 2011: a procesión

16 Set

Teño que confesar que o domingo pola mañá, vendo o mal tempo que facía, non pensei que houbera procesión. É máis, a miña moza mesmo me comentaba que seguramente a misa se fixera na igrexa e non na capela, como acontecera anos atrás. Pero non, a misa foi no lugar de sempre e a procesión saíu á hora prevista. Un día despois comentáronme que durante a mesma houbo unha estampida da banda de música de Catoira, que notou dúas gotas e marchou. A verdade é que me parece pouco profesional pola súa parte tendo en conta que se en Rianxo sacan o máis prezado para moitos, a Virxe, eles terían que acompañala tamén.

O caso é que como vedes, en lugar de sol, ese domingo había moitos paraugas.

Iso si, cada vez imos máis modernizados ás procesións e nin faltan as zapatillas de Nike 😀

A diferenza da banda de música de Catoira, os da banda de gaitas Buxaina de Taragoña si que estiveron en todo momento acompañando á Virxe.

Se saes nalgunha destas fotos e che gustaría tela en grande ou ben queres que a retire do blog, escríbeme a oscar.reboiras@gmail.com

Fotos das Festas da Guadalupe 2011: a festa da escuma

15 Set

A diferenza doutros anos, nos que Rianxolandia e a festa da escuma se celebraba coincidindo co último día das celebracións, o venres, desta vez, por mor do recorte dun día, a cousa pasou ao sábado. E aínda que a xornada amenceu gris e con algún que outro chuvasco, ao final animouse un montón de xente.

Se por algún casual saquei a túa foto aquí e che gustaría tela en calidade grande ou ben queres que a retire porque non che fai graza que a publique, escríbeme a oscar.reboiras@gmail.com

Isto de meterse coas gafas non sei eu se é moi bo 🙂

Velaquí os bombeiros en acción e un feixe de xente con ganas de auga:

Hai que ter coidado coa escuma porque pica, e senón que llo digan a este rapaz:

Durante a festa detectouse algún submarino co periscopio levantado:

Iso si, houbo quen foi voluntariamente á festa e houbo a quen tiveron que obrigar a desfrutar da escuma 🙂

Iso si, aos rapaces como que lles soubo a pouco e se vían apenados cando os operarios comezaban a limpar:

Da celebración vou destacar algunhas anécdotas. A primeira é que mentres ducias de mozos e non tan mozos se mollaban na escuma, había quen pasaba de refilón por alí para casar:

E tamén había quen quería tomar algo no Guadalupe mentres desfrutaba da sesión vermú e vese que debía levar zapatos novos que intentaban evitar o contacto coa escuma:

Por último, un espontáneo que se subiu durante a sesión vermú ao palco da orquestra Océano e que non tivo máis ocorrencia que… baixar completamente os pantalóns!! E si, eran as dúas e pico do mediodía, non da noite :O

Fotos das Festas da Guadalupe 2011: o chupitaso

11 Set

Uno máis os rianxieros comezamos estas Festas da Guadalupe de Rianxo 2011 con moitas ganas. Infinidade de xente nova na praza de Castelao tiña ganas de despedir o verán como se merece e todo o mundo estaba desexando que soara o chupitaso e comezara a festa. Ao pregón creo que cada vez se lle fai menos caso, aínda que este ano o escritor Anxo Angueiro o traballou moito. Pero os máis novos están para outras cousas e cada vez o chupitaso é máis unha mestura entre a festa da auga e a do viño, e mesmo hai pistolas de auga e todo. Ademais, é raro estar no Campo de Abaixo e non rematar mollados.

Velaquí algúns momentos do chupitaso.

Vendima: como se fai o viño

4 Set

Como cada ano, por estas datas, toca vendimar e facer o viño. Velaquí unha serie de fotografías nas que pretendo recompilar dun xeito breve o traballo que se fai na vendima.

O primeiro, claro está, é coller as uvas na viña unha vez que están maduras.


Hai que sacar as uvas verdes e tamén as podes e meradas. Unha vez escollidas as piñas de uvas boas, vanse almacenando en capachos ou seiras.

Cando xa temos un bo feixe de uvas, hai que pasalas pola esmagadora. Vamos, que se trituran. Antes nós faciámolo cun pau pero isto é máis rápido. E o de esmagalas cos pés si que teño que dicir que nunca o vin.

Aquí podedes ver a parte inferior da esmagadora, por onde pasan as uvas.

As uvas esmagadas van quedar nun barril de viño durante uns días. Cada certas horas, cun pau, hai que remexelas.

Pasados uns tres días, as uvas fermentan ou ferven, como dicimos na miña zona. No barril aparece esta especie de escuma. Cando desaparece é que o viño xa está listo para correrse.

Na parte inferior do barril nos temos un burato polo que deixamos saír o viño xa listo.

Unha vez que deixa de saír o viño, toca coller o bagazo (tamén chamado bagullo), que son os restos da uva . Estes restos aínda teñen moito viño que poderemos extraer mediante a lagareta.

Unha vez que teñamos o bagazo na lagareta, taparemos esta pola parte de arriba cunha serie de madeiras e comezará o prensado.

Segundo queiramos máis ou menos viño haberá que facer máis ou menos forza. Hai que ter en conta que co bagazo, meses despois, se pode facer tamén augardante, así que hai quen o quere máis seco e quen o prefire menos. O dito, unha vez prensado, o viño vai ao barril onde é preciso que arrepouse uns días e xa se pode beber.

Cruceiro en Leiro, fronte á antiga casa reitoral

1 Set

Xusto na entrada do que era a antiga casa reitoral de Leiro, podemos atopar este cruceiro.

 

Igrexa de Santa Baia do Araño

30 Ago

Velaquí unhas cantas imaxes da igrexa do Araño.

A praza de Rafael Dieste

20 Ago

Desta vez tocou xogar un pouco co branco e negro. Velaquí tedes a praza de Rafael Dieste, coa igrexa de Santa Comba ao fondo e o pazo de Martelo no lateral.