Festa do Mexillón 2011

16 Ago

A pasada fin de semana celebrouse a Festa do Mexillón de Rianxo. O certo é que esta festa cambiou moito nos últimos anos e, mentres antes se facía pola tarde e estaba pensado para os turistas, agora colleu unha maior dimensión e dura toda a fin de semana, conta con moitas actividades e mesmo actuacións musicais. De todos os xeitos, foi unha lástima o tempo, porque o domingo debeu ser dos peores días do verán.

Eu paseime por alí o sábado ás 11 da noite e este era o ambiente.

A festa dos Milagros do Araño 2011

8 Ago

Como cada primeiro domingo de agosto, na parroquia rianxeira do Araño celébrase a festividade da Nosa Señora dos Milagros. Hai misas cada hora, dende as 8 da mañá, pero sen dúbida, a que ten maior afluencia é a da 1 do mediodía, na que se realiza unha pequena procesión que remata coa imaxe da Virxe na igrexa parroquial. Velaquí as imaxes deste ano.

Remato a serie de imaxes, coma sempre, co posto das sandías 🙂

Como nota curiosa, comentar que pola tarde, o meu pai e máis eu quixemos ir en bicicleta polo monte (aínda que tivemos que volver mollados coma pitos). O caso é que baixando do Vilar (cando faltaba un quilómetro para o campo de fútbol), atopámonos co camión da orquestra Passarela, que nos preguntou se había máis arriba algún sitio para dar medio volta ao tráiler. O que non sei é como non deron volta directamente no campo das festas ¿?

Fotos de Sobrido, en Leiro

6 Ago



A antiga casa rectoral de Leiro

6 Ago

Esta entrada vai para o meu amigo Mario, que foi o que me levou a descubrir a antiga casa rectoral de Leiro. Como podedes ver, está totalmente abandonada e feita un cristo (nunca mellor dito). Dentro estaba o antigo cinema da parroquia, como o demostra o carteliño de “Prohibido Fumar”. E nos arredores pode atoparse unha antiga cociña, os cortellos e un enorme hórreo (supoño que se enchía no seu día grazas á inestimable axuda dos veciños) que está a ser devorado polas hedras.











O Festival Antrospinos 2011

3 Ago

Antes de nada teño que dicir que este foi o primeiro ano que fun ao Festival Antrospinos (e iso que ía polo cuarto capítulo) e teño que dicir que estou moi impresionado. Sinceramente non me esperaba que tiveramos aquí ao lado, en Taragoña, un festival deste nivel: moitos grupos de todas as partes do mundo (ademais de músicos galegos pasaron polo festival artistas de Portugal, Arxentina, Barcelona ou Andalucía).

Pero sobre todo, o que me sorprendeu foi a organización. Había unha zona de acampada bastante amplia e con moitas tendas (o meu pai comentoume que o venres o pararan catro mozas portuguesas para preguntarlle por onde se ía ao festival).

O escenario era enorme, o cartel do máis variado e o lugar dos concertos estaba valado. A entrada era totalmente gratuíta pero non se permitía facer botellón, así que había un par de gardas de seguridade controlando que a xente non trouxera alcol. Entendo que era un xeito de poder afrontar os gastos do festival, porque no recinto a organización tiña as súas propias barras con bebida. Pero certamente quedoume a dúbida de se cos patrocinadores que teñen no cartel (a construtora Fuentes Esperante, a de pozos Tarrío&Suárez, a de polvo Fesba e a de autobuses Muíños) e co que puideron gañar entre bebidas e unha pequena tenda con artigos do Festival Antrospinos puideron cubrir todo.

Sinceramente, a miña felicitación aos organizadores, agardo que cada vez se coñeza máis o Festival Antrospinos e que dende o Concello se apoie a súa continuidade.

No perfil do facebook do Festival Antrospinos tedes un feixe de fotografías do evento, e recoméndovos que vos deades unha volta por alí, porque están moi ben. E eu tamén vos deixo algunhas que saquei do sábado. Estes son os andaluces Canijos Sin Fronteras, que cantaban a todas as Maris habidas e por haber: Maricarmen, Mariconchi… 🙂


E estoutros son os lisboetas Gilbert’s Feed Band, un grupo que intentaba irradiar alegaría e bo rollo no seu espectáculo:

Matraquillada 2011 no Festival Antrospinos

3 Ago

O pasado sábado día 30 de xullo partía de Campo Maneiro unha nutrida delegación de matraquillos e tractores para percorrer a parroquia de Taragoña. Aínda que a calor era sufocante, alí reuníronse uns 30 vehículos agrícolas para dar lugar á 3ª Matraquillada dentro do programa do Festival Antrospinos. Partiron a iso das 4 da tarde, e velaquí podedes ver algunhas imaxes deste singular “desfile” no que reinaba un moi bo ambiente.

Se alguén quere algunha das fotos pero en grande, que non dubide en escribirme a oscar.reboiras@gmail.com 😉


A igrexa parroquial de Santa María de Leiro

1 Ago

Velaquí varias fotos do exterior da igrexa da parroquia de Leiro.

Rianxo, o paraíso existe

15 Xul

Non sei se vos lembrades dalguén lema que estaba nas pegatinas de moitos coches rianxeiros que era “Rianxo, o paraíso existe”. Credes que igual sería bo intentar recuperalo ou de paraíso ten máis ben pouco?

Eu fixen unha imaxe con esa lema, para que non se diga 🙂

Un día menos de Guadalupe

13 Xul

Segundo confirman dende a páxina de facebook da Comisión de Festas da Guadalupe de Rianxo, este ano nas festas haberá un día menos 😦

Comentaran hai tempo que ían intentar que continuasen os mesmos días, pero vese que finalmente os cartos non deron para tanto e supoño que o último venres dirá adeus. Isto é o que comentan eles:

“…finalmente non puido ser, xa que os gastos increméntanse e os cartos non dan para máis. En breve emitiremos un comunicado explicando a decisión. Pero que iso non vos afecte: a menos días, diversión máis concentrada!”.

 

Canto cobra o alcalde de Rianxo?

11 Xul

Creo que unha das curiosidades que temos todos os veciños é saber canto gaña o alcalde do noso Concello. Pois ben, segundo vexo nunha información publicada en El Correo Gallego, Adolfo Muíños cobrará 41.000 euros brutos. Pola súa banda, o tenente de alcalde, Carlos Gey, gañará 36.900 euros brutos ao ano.

O certo é que non sei cando gañaba antes Pedro Piñeiro, polo que non sei se é o mesmo soldo, se o baixou ou se o subíu. Non obstante, na mesma nova de El Correo Gallego aparecen os soldos dos outros alcaldes do Barbanza:

  • Ribeira: Manuel Ruiz cobrará 56.000 euros brutos
  • Boiro: Juan José Dieste cobrará 55.876 euros brutos
  • A Pobra do Caramiñal: Isaac Maceiras cobrará 48.143 euros brutos
Que che parecen estes soldos? Tes idea de canto cobraba antes Pedro Piñeiro?