Petróglifos Os Mouchos

5 Xul

Hoxe vou colgar distintas fotos dos petróglifos dos Mouchos, que se atopan en Leiro, pretiño da praia das Cunchas.

Iso si, de novo dende este blog imos darlle un tirón de orellas ao Concello porque a sinalización para dar con este petróglifos é simplemente PÉSIMA. Só hai un cartel na estrada xeral que une Rianxo con Catoira, pasando por Leiro e Isorna. Despois, alá atopes os petróglifos, como acontece con outro tipo de restos deste tipo. Vamos, que atopas un veciño do lugar que coñeza ben o sitio ou ben te podes convertir en Indiana Jones na busca do petróglifo perdido.

Mirade que corredoira hai que coller para dar con eles:

E se tes sorte e das con esta corredoira, despois tes que esquivar ou sufrir toxos e alá arriba atoparás os petróglifos.

Está claro?

29 Xuñ

Para que despois non se diga que se tiran os cartos. Acaso era necesario duplicar a sinalización para ir á praia das Cunchas ou á do Porrón cando a que xa había estaba en perfectas condicións?

Unha árbore? Non

21 Xuñ

Parece de lonxe unha árbore, verdade? Pero en realidade trátase do hórreo da casa reitorial de Leiro, que está totalmente abandonado e comido polas hedras.

Vergoñento

8 Xuñ

O pasado sábado fun dar un dos meus habituais percorridos en bici polo monte. E cal foi a miña sorpresa cando vin ao lonxe, no medio dunha das pistas de terra, algo que semellaba ser un can. O caso é que non se movía e cando me acheguei máis cerca vin que estaba equivocado.

Era un cabaliño dun dous meses que estaba realmente moi mal ferido. Da cantidade de cortes que tiña por todo o corpo, o pobre animaliño non se podía nin levantar, a pesar de que realmente estaba asustado comigo.

Presentaba unhas profundas feridas en cada un dos lados do pescozo e tamén nos cadrís. De feito, na pata traseira era tan profunda a ferida que a carne caía desgarrada e as moscas entraban e saían dun burato enorme.

Seguramente as feridas foron producidas polos cans que vagan soltos polo monte. Cans que no seu día foron de caza e que agora andan perdidos ou abandonados. Para que digan que eses cabróns chamados cazadores aman a natureza. Se se preocupasen algo máis de coidar dos cadelos non estarían os montes cheos deles, esfameados como andan, e se producirían estas situacións.

O caso é que, como digo, o cabaliño estaba practicamente agonizando da dor. Unha egua andaba pretiño, entendo que sería a nai, pero pouco podía facer por el dada a gravidade das feridas.

Posto ante esta situación, tiña dúas alternativas: pasar de longo e irme á miña casiña, ou intentar facer algo. E optei polo segundo. Non son unha persoa moi botada para adiante, pero ver así a este animal a verdade é que me removía por dentro. Total, que collín a miña bici de montaña e dei media volta, uns dous kilómetros, ata o posto de vixilancia do Pico Muralla, onde sempre hai alguén. Ademais, xa postos o mellor era avisar a alguén que coñecese a zona porque por teléfono a ver quen explica nada.

Despois do percorrido cheguei ao posto de vixilancia e pregunteille á persoa que alí estaba se era gardamontes. Díxome que si e intentei explicarlle o que vira, que non sabía moi ben como actuar, pero que o cabaliño estaba grave e malferido. Cal foi a reposta? Pois que o sentía moito pero que alí estaban para controlar o tema dos lumes e que en ocasións anteriores que pasara algo semellante e avisaran tanto ao Concello como a Medio Ambiente nunca aparecera ninguén. Vamos, que non se podía facer nada e que o cabaliño, se non aparecía o seu dono, pois alí seguiría.

E digo eu: realmente tan pouco vale a vida dun cabalo ou de calquera outro animal dos nosos montes? Realmente tan ocupados están na Consellería de Medio Ambiente da Xunta ou no Concello de Rianxo para non facerse cargo destas situacións? Entón, quen é o encargado de facerlle fronte a isto? Non hai ninguén aí para intentar socorrer a esta pobre besta? Realmente somos tan cínicos e tan cabróns os seres humanos como para abandonar á súa sorte a estes animais? Eu creo que a resposta é que si, que somos uns auténticos cabróns de merda. Para min é a única resposta posible visto que este cabaliño aí quedaba, á súa sorte. Seguramente non pasou nin desa noite e seguramente alí seguirá aínda, apodrecendo á beira do camiño. Lamentable.

Sinto no poder ter feito máis. Facer fotos a isto, aínda que sexa para denunciar algo nun blog, non é do meu agrado. A sensación de impotencia e de carraxe é grande, moi grande.

Arroás morto

31 Mai

A pasada fin de semana, xusto o domingo, un día no que os areais se encheron de xente querendo desfrutar do bo tempo e do que se presumía un adianto do verán, na praia das Cunchas había un arroás morto. Non sei o tempo que levaba alí nin se se ía analizar, pero boa imaxe non daba.

Pampillos

28 Mai

Grazas ao colorido dos pampillos, cada mes de maio, xusto antes do tempo de sementar, as leiras teñen un amarelo intenso e cheo de vida.

O petróglifo dos Campos

26 Mai


Este é o petróglifo dos Campos, que pertence á parroquia de Leiro, e a onde se pode ir ou ben pola zona de Brión ou ben por Rianxiño, xa que está preto do instituto.

O que si, denunciar a deixadez á que está exposta non só o patrimonio histórico e cultural rianxeiro, senón todo o galego. Para atopar o sitio no que está este petróglifo, un ten que ser pouco máis que adiviño, xa que non hai indicacións. Doutra banda, non hai un mínimo de acondicionamento da zona. O dito, que está como se non estivese.

Xa chegou o maio

5 Mai

Xa estamos no maio, en plena primavera e coas cores das xestas iluminando os nosos montes.

Que facemos ante un maltrato deste tipo?

29 Abr

Se alguén vai ata o Pico Muralla ou se pasea polos montes do Araño, atopará con facilidade a un grupo máis ca numeroso de cabalos preto da estrada, das casas ou no medio dos toxos con estas trancas nas patas coas que se poden desprazar moi dificilmente.

Despois de subir estas fotos ao flickr, alguén recomendoume que denunciase. Fïxeno e chamáronme da Garda Civil de Noia, preguntándome se coñecía aos donos, cousa da que non teño nin idea. Explicáronme que tiñan fichados a moitos destes cabalos, pero deberían de saber quen son os propietarios para proceder.

Doutra banda, o outro día escoitei que colleron a un grupo de cabalos preto de Traba, unha parroquia do Araño. Non estaban identificados polo que os colleron. Sabedes cal vai ser o seu futuro? Polo que me contaron vanos sacrificar.

De que serve denunciar se o futuro que lles espera é o matadoiro? É mellor que os maten ou que anden así? E pensar que os únicos culpables son os donos…

Campelo dende as alturas

12 Abr

Subindo ao Pico Muralla, con Campelo abaixo.