Tag Archives: resultados eleccións Rianxo

Resultados electorais de Rianxo 2015 por parroquias e pequena análise

25 Mai

O día despois das eleccións, xa cos datos na man, queremos analizar un pouco como se comportou o voto. Así que antes de nada, imos ver como se repartiu no ano 2011: Como vedes, o PP gañaba no Araño, Isorna, Leiro e Taragoña. O BNG facía o propio en Asados e Rianxo. Nesta ocasión, houbo cambios significativos: PARROQUIASO prieiro que vemo é que o BNG, ademais de Rianxo e Asados, sumou O Araño (seguramente polo efecto de Tito o Dulceiro). O PP, que era o máis votado en catro parroquias, mantivo unicamente Taragoña (de onde é Vanessa Martínez) como seu principal feudo. Mentres que o PSOE, que nas anteriores non foi a opción máis votada en ningunha parroquia, si o voi nesta ocasión en Isorna (de onde é Mari Carmen Figueira) e en Leiro. resultados2015En canto aos resultados, houbo dúas forzas que perderon votos, que foron PP e PSOE, deixándose un concelleiro cada unha polo camiño.

O voto estivo máis fragmentado, polo que entra no escenario Rianxo en Común, con dous concelleiros e 695 apoios.

Sinalar que o PSOE quedou tan só a 25 votos do PP, co cal a diferenza entre os dous foi mínima, pero PSOE ten un concelleiro menos.

O BNG nestas eleccións sumou 18 votos con respecto ás anteriores, co cal son un resultados positivos, ao ser a única forza que mantén.

Pola súa banda, o PP perde 752 papeletas con respecto aos anteriores comicios. E o PSOE déixase 368 apoios. Entendemos que aquí puido pesar a fragmentación do voto e que a candidata levaba pouco tempo á fronte do partido.

Con respecto a Rianxo en Común, había certa expectación, porque semellaba que podía fragmentar o voto de esquerda e dar máis porcentaxe de votos ao PP. Finalmente semella que non foi así e, esta formación recén creada, faise con dous concelleiros e 695 apoios, polo que as “mareas” non só teñen representación nas grandes cidades, senón tamén en vilas como en Rianxo.

Dito isto, queda saber quen vai estar á fronta da alcaldía. Semella, en conclusión, que vai gobernar de novo Adolfo Muíños, pero haberá que ver se con apoios puntuais ou ben repetindo no goberno co PSOE ao carón. Co PSOE e con Rianxo en Común semella que pode haber boa sintonía, pero o tempo o dirá.

Por certo, que nos faltaba falar de canta xente votou. En total houbo 6.448 persoas que depositaron a súa papeleta, un 66,64% dos electores. Houbo pola contra 3.228 persoas que se abstiveron (33,36%). Ademais, 154 votos foron declarados nulos (2,39%) e 86 papeletas (1,37%) foron en branco.

A participación foi tres puntos inferior ao 2011. Daquel votou o 69,44% dos que podían exercer este dereito (6.873 electores). Hai que ter en conta que a poboación baixou e, por esa razón, tamén os electores. Hai catro anos os votos nulos foron menos que nesta ocasión (118, o que equivalía ao 1,72% dos votos), pero o voto en branco foi moi superior (140 papeletas, é dicir, o 2,07% dos votos).

Algunhas reflexións sobre as eleccións en Rianxo

25 Mai

Vexamos os resultados das eleccións deste 2011:

9.898 veciños podían votar, dos cales o fixeron 6.873 (69,44%) e se abstiveron 3.025 (30,58%).

PP: 2.439 votos (36,11%) e 6 concelleiros
BNG: 2.146 votos (31,77%) e 6 concelleiros
PSOE: 2.030 votos (30,05%) e 5 concelleiros
Votos en branco: 118 (1,72%)
Votos nulos: 140 (2,07%)

Resultados das eleccións no 2007:

11.271 veciños podían votar, dos cales o fixeron 7.185 (63,75%) e se abstiveron 4.086 (36,25%).

PP: 1.725 votos (24,25%) e 4 concelleiros
BNG: 1.737 votos (24,42%) e 4 concelleiros
PSOE: 3.540 votos (49,76%) e 9 concelleiros
Votos en branco: 112 (1,57%)
Votos nulos: 71 (0,99%)

En primeiro lugar o que me chama poderosamente a atención é o moito que baixou de hai catro anos para aquí o censo electoral. En total en 1.373 persoas, o que pode indicar que Rianxo está perdendo bastante poboación, seguramente cara outros concellos onde a vivenda está máis barata (sei de moitos que marcharon para Boiro) ou ben a outros onde poden atopar traballo (un servidor é o exemplo).

Así que aínda que a participación aumentase en 5,69 puntos, esta é relativa porque o número de veciños (as cifras absolutas), son inferiores a hai catro anos, en concreto houbo 312 votos menos. De todo os xeitos, a participación media nacional foi do 66,23%, polo que en Rianxo estamos un pouco por riba.

Outro dato que me choca é que aumentase a porcentaxe e votos branco e nulos (sobre todo estes últimos dobráronse). A porcentaxe total pasou do 2,56% ao 3,79%, o que evidencia que aumentaron os que non están contentos nin se senten identificados con ningunha das formacións que se presentaron.

Vendo os resultados dos partidos a conclusión clara é que suben PP e BNG mentras baixa estrepitosamente o PSOE. En concreto, os socialistas perden 1.510 votos, é dicir, que 4 de cada 10 persoas que no 2007 votou polo PSOE cambiou o seu voto.

Pola súa banda o BNG gaña 409 votos e o PP aumenta en 714 os seus votantes. Estes últimos, os populares, subiron nun 41,39% as súas papeletas mentres que os frontistas fixeron o propio nun 23,54% con respecto ao 2007. Isto demostra que a maior parte dos votos que perdeu o PSOE foron parar ao PP e seguramente terá moito que ver nisto o efecto Zapatero e o desgaste que teñen a nivel nacional os socialistas.

Realmente houbo unha inversión total de papeis (o PP pasou de ser o menos votado ao máis votado e o PSOE de ter maioría absoluta converteuse na formación con menos apoio), pero ningunha formación demostrou inclinar en demasía a balanza dos rianxeiros, porque ao final houbo un reparto de concelleiros bastante igualado: 6, 6 e 5, o que complica as cousas para formar un goberno estable e sen sobresaltos (ben porque o PP leve a alcaldía en minoría ou ben porque BNG e PSOE pacten, porque non está claro que haxa entendemento e un deles sempre sairá desgastado).