Juadalupinos Fest

4 Mar

O 8 de marzo, no Campo de Arriba de Rianxo, dende as 14.00 horas. Hai un almorzo popular, por 15€ e pódese reservar por privado no facebook das Juadalupeñas, no de Antrospinos ou na cafetería Toffe, no bar Xuntanza ou no bar A Lareira.

juadalupinos

Fotos e crónica da II Marcha BTT de Rianxo

26 Feb

saida1

Fotografías

Por fin chegou o que estabades agardando, as ansiadas fotos da II Marcha BTT Concello de Rianxo. Temos máis de 5.000 imaxes e como son demasiadas para poñer neste blog, fixemos varios álbumes para que as poidades ver con calma en distintos álbumes segundo a ruta que fixestes:

Durante os próximos días enviaremos as imaxes en alta resolución aos que contrataron as fotos no momento da inscrición. Iso si, fáltanos o correo dos dorsais 66, 129, 173, 175, 247, 264, 326, 356 e 435.

O correo do dorsal 28 (Gustavo Riveiro) tamén nos dan erro. Por favor, contacta con nós no en fotosderianxo@gmail.com para que saibamos a onde envialas.

Se non contrataches o servizo de fotografías e desexas agora as imaxes nas que saes (en rede, nos álbumes arriba indicados, témolas colgadas con moi baixa resolución), o custo é de 3€. Escríbenos a fotosderianxo@gmail.com se estás interesado.

Crónica

O domingo 23 de febreiro tivo lugar a II Marcha BTT Concello de Rianxo, na que participaron máis de 520 corredores de toda Galicia. A proba, organizada pola Peña Cicloturista Castro Barbudo de Taragoña, tiña tres niveis distintos 27, 40 e 60 kilómetros. Así que podían participar dende os Chuck Norris da mountain bike ata aqueles que están comezando. Iso si, incluso na ruta máis pequena había tramos complicados e había que darlle duro ás pernas.

O rexistro de participantes abriuse ás 8 da mañá. Dende ese momento, Rianxo comezou a ser invadido. Non, non eran os vikingos. Eran btteiros con ganas de marcha.

vikingo

Ademais, a diferenza do ano pasado, o tempo foi espectacular. Foi un deses días marabillosos para practicar a bicicleta de montaña, xa que non choveu nada de nada e a temperatura era agradable. Facía fresco a primeira hora da mañá, iso si, pero a medida que os corredores ían facendo quilómetros, tamén se sacaban as chaquetas de enriba porque non as necesitaban.

Por outra banda, cada vez son máis os que veñen ata Rianxo a desfrutar desta proba. A pesar do segundo ano desta marcha, estase a converter nunha referencia para moitos deportistas de nivel, xa que participaron o subcampión galego da categoría Elite, Manuel Para; o campión galego da categoría Master 30, Alex Trasbach; o campión galego Master 30, Gómez Bestilleiro, ademais de moitos dos mellores corredores do campionato galego.

saidameta

Eran as 9.30 da mañá e xa moitos corredores estaban preparados para a saída. Ao tempo, algún que outro despistado aínda estaba chegando a Rianxo, polo que tiña que preparar a bici, inscribirse e demais. Está claro que os sábados tamén pasan factura e os domingos custa madrugar en ocasións.

A saída tiña lugar ás 9.35, uns minutiños por riba do previsto. Poñíase entón en marcha un espectacular grupo de deportistas amantes das dúas rodas, dispostos a coñecer como eran os montes de Rianxo.

carballeira

O ano pasado os primeiros quilómetros foron bastante problemáticos, xunto ao mar, en canto que había certos tramos moi moi estreitos nos que só se podía pasar de un en un. Así que este ano se decidiu corrixir este tema e a primeira parte foi polo monte. Non houbo, pois, ocasión de ir pegados á costa rianxeira, pero si se puideron apreciar zonas fermosas como a carballeira que hai arriba destas liñas ou paraxes misteriosas como a Aldea Maldita de Abuín.

A partir do quilómetro 8 a cousa xa se comezou a complicar e chegaba o momento de descubrir se as pernas necesitaban aceite ou estaban con forzas. Subíase por Leiro e por Isorna, para despois tirar por debaixo da autovía do Barbanza cara ao monte da Lioira. O día era estupendo, pero a intensa chuvia das últimas semanas notábase nos camiños.

Para os da ruta de 40 e 60 kilómetros había un avituallamento no Alto da Paradegua. Era momento de descansar e coller de novo enerxía. Os que facían a marcha máis longa ben a necesitaban. Aínda que outros, como Brandán Márquez, non a precisaban. Por algo Brandán rima con Supermán. Vaia maneira de correr.

Mirade agora o cortalumes que hai debaixo destas liñas. Brandán chegaba a este punto ás 11.00 da mañá. Unha hora e media despois da saída. Ía acompañado de tres motos de trial e baixou el máis rápido que as motos. Alucinante.

baixada

O segundo corredor pasaban cinco minutos despois de Brandán. O que daba xa unha idea de como podería quedar a carreira. Iso si, aínda quedaba moito por diante e a subida ao Pico Muralla era dura, moi dura.

Ademais, a lama non fai amigos. Iso si, hai quen pasa por riba dela case voando, levitando, como quen cruza asfalto.

auga

E despois están a maioría, eses que caen atrapados nas lameiras como moscas nas teas de araña e despois se teñen que parar pensando que foi o que pasou.

saida

A marcha non fai amigos. E as pedras do camiño e as costas do monte son duras. Para o cambio, para os freos, para as rodas e para as pernas. Iso si, a organización estivo á altura, con máis de 30 persoas pendentes de que todo o mundo estivese ben atendido e ninguén quedase sen asistencia. Tanto é así, que incluso había servizo de taxi ata a meta 🙂

moto

Os que remataron, puideron desfrutar duns pinchos entre amigos, para comentar a xornada. Sacándose previamente a terra de enriba, iso si, porque medio monte de Rianxo estaba na cara, na roupa e nas rodas das 500 mountain bikes participantes.

Velaquí os premiados:

maior

Bernardino Otero, premio ao máis veterano da marcha. 64 anos

guitiriz

Cova da Serpe de Guitiriz, clube participante máis lonxano. Fixeron máis de 110 kilómetros só en coche

numerosos

Clube participante máis numeroso, Os Esfola Arrós

muller

Gañadora feminina: Silvia Dosil

homes

Gañador masculino: Supermán Brandán Márquez

Candidatura ás eleccións na ARE 2014

21 Feb

candidatura1ok

Onte pola noite, presentouse no restaurante Tanxil unha das candidaturas ás proximas elecións na Asociación de Empresarios de Rianxo (ARE). A candidatura, capitaneada por Alfonso Castro Rodríguez acudiu á presentación co ánimo de mostrarlles @s presentes as liñas de actuación no caso de gañar as elecións que se van celebrar no local da ARE o próximo día 7 de marzo, ás 21:00 horas. Estes son os compoñentes da lista: Presidente: Alfonso Castro, Vicepresidenta: Mirian del Río, Vicepresidente: Rafael Maroñas, Interventor: David Alcalde, Tesoureiro: Vicente Martinez e secretario: Luis Duro

Seguir lendo

Concerto de Sés no auditorio de Rianxo

17 Feb

Image

Este pasado sábado María Xosé Silvar (Sés) presentou o seu último disco Co xenio destrozado no auditorio rianxeiro.

Durante dúas horas, a banda deleitou a un auditorio cheo, con cancións repletas de potencia, feminismo e cargadas de denuncia social, que nos fixeron vibrar e emocionarnos a cada golpe da voz desgarradora e doce desta magnífica artista.

Velaquí vos deixamos unha pequena escolla de fotos que fomos facendo ó longo do concerto.

Seguir lendo

O campo de concentración de Rianxo

17 Feb

Un interesante documento audiovisual realizado polo ENDL do Félix Muriel sobre o campo de concentración de Rianxo.

Fermosa posta de sol en Rianxo

16 Feb

Un incrible vídeo onde podemos apreciar un momento tan bonito como o paso do atardecer ao anoitecer en Rianxo.

A fonte da Tixola

16 Feb

Grazas a Carlos Bastos e demais membros da organización das festas de San Pedro de Vilas, puidemos descubrir que detrás desta fermosa ermida de Asados hai un pequeno sendeiro que leva ata a coñecida como fonte da Tixola ou fonte da Sartén. O por que do nome, vistas as imaxes, non é moi difícil de deducir 😉

fontetixola

fontetixola2

Historia de Rianxo

12 Feb

HISTORIA DE RIANXO, así se chama unha nova páxina que dende o 7 de febreiro está a colgar fotos antigas da vila.

Coma esta do dique, cando aínda tiña auga e a súa Virxe da Guadalupe no alto, e dende onde os rapaces de Rianxo, aínda non hai moitos anos, se atrevían a tirarse dende aló enriba.

Image

Ou estoutra, que amosa a tal cantidade de barcos que había amarrados no paseo da Ribeira, cargadiños de sacos de berberechos!!!

Image

Démolle a benvida a esta páxina e augurémolle moitas, moitas visitas e boas lembranzas para @s rianxeiros e os que non son do Concello tamén.

As obras da gasolineira do porto de Rianxo, a bo ritmo

10 Feb

gasolinerarianxo

Trátase dunha demanda que vén de antigo en Rianxo. Pero, por fin, semella que a gasolineira do porto de Rianxo será realidade nunhas semanas. De feito, xa podemos ver moi avanzada a obra que promove a empresa Neumáticos Soto (que xa ten outra estación de servizo en Taragoña).

Seguir lendo

Os do Clube de Remo non paran

10 Feb

Xa podemos estar todos con frío na casa, sen gañas de saír á rúa, que aí tedes aos do Clube de Remo de Rianxo, un sábado á mañá adestrando, faga o tempo que faga. Uns campións!

remo