Arquivo | xente RSS feed for this section

Axóuxere Editora, un proxecto con alma rianxeira

18 Out

A que de seguro que moitos non coñeciades a existencia dunha editora de libros nacida en Rianxo? Pois si, porque en Xens (na parroquia do Araño) ten a súa sede Axóuxere Editora, un proxecto no que xogan un papel fundamental dous rianxeiros: José Manuel Tubío e Roberto Abuín.

Moitas veces, ao falarmos de libros e de literatura pensamos nos escritores, pero non nos lembramos dunha parte fundamental: dos editores. Eles buscan textos interesantes, danlle a oportunidade a creadores novos, axudan a difundir o pensamento, contribúen á normalización da nosa lingua… Sen editores os Castelao, Manoel Antonio e Rafael Dieste tampouco serían quen hoxe son. Así que é moi de loar o traballo e o esforzo que están a realizar estes dous mozos emprendedores rianxeiros, e máis nestes momentos de incerteza.

De esquerda a dereita, José Manuel Tubío e Roberto Abuín

“Que acontece pasa, que en tempos de crise non imos facer nada? Imos quedar na casa agardando? Nós decidimos tirar para adiante coa idea”, confesa José Manuel Tubío. Pola súa banda, Roberto Abuín comenta que “esta crise non é económica, senón de valores, unha crise ética que afecta á conciencia humana, á socioloxía. Estamos a perder o solo ético e humano; Axóuxere non ansía só gañar cartos, senón tamén dar que pensar, mover as conciencias”. Ao tempo, confesa que “oxalá isto vaia para adiante porque temos moitas gañas”.

Nacemento

Axóuxere Editora, como idea, naceu xa hai varios anos vencellada á Universidade Autónoma do Atlántico (Uniat). Buscaban crear un espazo universitario de aprendizaxe centrado nas humanidades. Non chegou a callar porque desapareceu a Uniat pero a idea continuaba intacta. Así que unha vez que Roberto Abuín volveu de México, onde traballaba nunha editora, atopáronse de novo todas as persoas que estaban a darlle voltas á cabeza para editar libros de pensamento e de ensaio en galego. E seguiron e seguiron ata que en xuño deste ano se constituíron como unha pequena editora independente “a nivel de mercado e de subvencións”, como salienta Roberto.

José Manuel comenta que “estamos a ser o que faltaba en Galicia”, xa que os seus “libros de pensamento libre” non eran doados de atopar na nosa comunidade. E precisamente chegan nun momento de especial necesidade destes textos, no que a crise económica, a clase política e os problemas sociais fan que escritos como o Indignádevos de Stéphane Hessel sexan unha referencia para moitos lectores. Cos seus textos, dende Axóuxere “mesmo nos adiantamos a outras editoras”, explica Roberto.

De momento só editan en galego, aínda que non pechan as portas a outras linguas. Como sinala o propio Roberto, “aspiramos a ir do particular ao universal. Algúns dos libros que editamos non están nin en castelán”, así que aspiran a chegar a máis públicos.

Títulos

Tendo en conta que hai poucos meses que botaron a andar, de momento os libros que podemos atopar en Axóuxere Editora non son moitos, aínda que irán aumentando pouco a pouco (de feito, de aquí ao Nadal xa están a traballar en catro obras novas). Un dos que máis destaca é TAZ. Zona Temporalmente Autónoma, escrito polo norteamericano Hakim Bey (seudónimo de Peter Lamborn Wilson). O que para moitos é pai ideolóxico dos hackers, escribe nesta obra “un dos manifestos ou textos-fonte de moitos dos movementos sociais contemporáneos”.

José Manuel Tubío coa obra TAZ. Zona Temporalmente Autónoma

Hai poucos días presentaron tamén Inmanencia viral, e para tal ocasión contaron co seu autor, o mexicano Fausto Altazi. Dende Axóuxere definen esta obra como “unha lúcida análise crítica do devir contemporáneo, facendo unha inmersión profunda nos tópicos da cultura pop, a industria do porno, o punk, a realidade virtual e outros submundos a través dos cales zumega a orde epistemolóxica imperante, o relato do poder e as súas tramas de control subxacentes”.

Outra das obras que ofrecen é Chamamento, un texto anónimo distribuído en Francia no 2003, no que os seus autores buscan “crebar as formas en que o imperio nos conformou nunha sensibilidade estéril, vaga e conformista”.

Fóra desta liña de pensamento e crítica teñen a obra Carabranca, de Iván Sende. Trátase dun libro que mestura texto e ilustracións e está enfocado a un público máis infantil.

Musas gregas

Cada colección de libros dentro de Axóuxere Editora ten o nome dunha musa porque a asocian a un valor. É o caso de Clío, vencellada coa historia e o pensamento, e coa que eles buscan contextualizar e dar unha visión a certas cuestións do pensamento e do futuro.

Calíope, a musa da fermosa voz, acollerá textos de carácter narrativa de experiencias de desenvolvemento persoal. De momento non teñen ningún libro, pero xa apuntan a autores como Tiziano Terzani con Un adiviño díxome ou Cartas contra a guerra. Ou ben a Sara Maitland con Unha viaxe ao silencio.

Por último, en Polimnia estarán os “textos de combate”.

Roberto Abuín co último dos libros distribuídos por Axóuxere, Inmanencia viral

Distribución

Os libros de Axóuxere Editora pódense comprar a través da súa web, ou ben nunha serie de librarías de toda Galicia. Nun primeiro momento a súa idea era falar eles directamente cunhas 15 seleccionadas previamente, pero xurdiulles a oportunidade de traballar coa distribuidora Prama (que está formada por catro editoras independentes), o que lles dá a oportunidade de chegar a máis de 40 librerías, de centrarse exclusivamente no traballo de editores e de ter unha mellor retribución (o normal é que o 33% dos cartos do libro vaia para a editora, outro 33% para a distribuidora e o 33% restante para a libraría; neste caso a distribuidora leva o 20%, polo que os editores poden quedar cun 50%).

Futuro

Aínda que a ideal inicial é seren unha editora, “algo está quecéndose” dentro de Axóuxere e todo fai indicar que nun futuro se convertan nunha “produtora cultura”, como eles confesan, mesturando a escrita coas novas tecnoloxías e o audiovisual.

Ao tempo, tamén están a perfilar, xunto coa Universidade de Santiago, como crear un espazo dixital para a produción e innovación literaria empregando aplicacións multimedia. É o que chaman o proxecto Telémaco.

Dentro de poucoas semanas tamén presentarán un proxecto de escrita colaborativa coa xente chamado Zoopolitik, e feito coa Universidade Invisíbel. A idea é presentar na súa web durante un texto os textos que van ir incluídos nun futuro libro para que todo o mundo os poida mellorar, reformular, dar ideas…

Queda claro que non estamos ante unha editora máis, senón ante unha que nace nun tempo adverso, que o fai con ideas moi claras e novidosas e que de seguro que dará que falar nos próximos anos.

Esther F. Carrodeguas, unha creadora que busca rachar linguaxes

13 Out

Se algo podemos dicir de Esther Fernández Carrodeguas é que non para. O encontro con ela é no Centro Sociocultural Simón Varela, en Asados. É o día despois da estrea en Rianxo da obra “Ata que a morte nos separe!” do grupo de teatro Airiños. Ao día seguinte toca outra función, así que quere revisar certos detalles coa iluminadora. Que non se diga que non é profesional esta moza rianxeira, que ademais de gran amante do teatro é tamén unha gran narradora.

Pero como diría Jack o Destripador, vaiamos por partes. Se falamos da súa faceta literaria cabe destacar que en abril deste ano publicou o seu primeiro libro en solitario, Collage (Ed. Barbantesa). A obra xa hai tempo que estaba rematada, posto que a escribiu cando estivo en Italia de Erasmus, no 2003. “Sempre vin este libro como algo moi persoal”, confesa Esther, pero ocorréuselle que sería interesante facer teatro con el e por iso pensou en editalo. Así que ao final atopou “aos de Barbantesa, que son moi boa xente e ademais fan este tipo de edicións diferentes”, porque Collage non é un libro ao uso, senón un xogo de 45 tarxetas nas que non hai un principio e un final. O lector decide que ler en cada momento, se as le todas ou só algunhas.

Xogar cos límites

“Escribín Collage despois de ler Rayuela, de Cortázar, e estaba moi influenciada por isto, pola orde. Por que a creatividade non é máis libre? Por que o principio ten que estar ao principio? Á hora de enfrontarme á creatividade literaria pregúntome todas estas cousas. Pero despois, claro está, ten que haber unha estrutura”, segundo explica a propia autora. Porque o libro, aínda que de boas a primeiras semelle un quebracabezas, non é tal; está roto pero ten unha unidade, aínda que a Esther lle gusta “xogar cos límites” e coa metaliteratura.

É tal este xogo que Collage ten tres personaxes: Alberto e Alicia, que son parella, e a propia Esther no papel de escritora. Trátase de dous personaxes imaxinarios e da relación que manteñen co real, con Esther, á hora de pedirlle cousas. Ese divertimento literario inténtao levar un pouco máis alá e por iso fai presentacións dramatizadas do mesmo. Leva xa un feixe delas: Padrón, Ribeira, Santiago, A Coruña, Madrid, Lugo, Rianxo (por suposto)… e as que lle quedan, xa que vai ir ao Culturgal a Pontevedra e está tratando de facelas tamén en institutos. Ao seu carón sempre están Alicia (interpretada por Raquel Nogueira ata o de agora) e Alberto (que foi adaptado por grandes actores como Quico Cadaval, Antonio Mourelos ou Marcos Correa).

Por outra banda, cabe sinalar que esta non é a primeira obra de Esther, posto que no 2006 foi galardoada co Premio Pedrón de Ouro polo conto Subir o telón (curioso que atopemos tamén aquí referencias ao teatro). Foi publicado Edicións do Castro xunto co resto de gañadores do premio.

Diferentes enerxías

Ademais da literatura, como xa dixemos, outra das paixóns de Esther é o teatro. “Leva moito tempo e esixe moita enerxía. É unha guerra constante, unha loita a través do corpo, mentres que a literatura implica reflexionar, estar comigo mesma. Son dúas enerxías distintas”, como ela mesma di. Non obstante, todo está en certo sentido unido porque agora está “intentando escribir algo de teatro”. Pero ademais de escribir, tamén sabe dirixir moi ben, como demostra en Airiños, o grupo de teatro máis antigo de Galicia e que emprende unha nova etapa da súa man.

O teatro permítelle poñer en práctica os seus coñecementos. Hai que ter en conta que estudou Imaxe na Coruña (e posteriormente Xornalismo en Santiago) e traballou en series como “Rías Baixas” ou “Maridos e mulleres”. E aínda que non é ata o 2006 cando comeza a ver esta arte escénica con ollos de namorada (fai teatro por primeira vez durante o seu Erasmus e máis adiante realiza un curso en Dublín, pero pensando máis en aprender inglés), dende aquela tocou todos os paus posibles: foi iluminadora nun grupo e agora, en Teatro da Falúa é actriz, foi directora (levou un premio á mellor dirección na X Mostra de Teatro Universitario da USC en 2009), realizou labores de produción, de deseño de vestiario… Vamos, que non hai nada que se lle escape. Ademais, xunto con tres compañeiro da escola de teatro Espazo Aberto está a comezar un proxecto novo, un grupo chamado “arrastrachelocupolaspallas”, do cal xa iniciaron os ensaios.

Airiños

Pero en Rianxo de seguro que coñecemos máis a Esther por Airiños, a onde chega case por casualidade, sen agardalo, pero con moita ilusión e ganas. Durante o 2010, “falando cunha das actrices de Airiños díxenlle medio en broma que tiña que ir eu a darlles unha volta”. O caso é que nese verán a convidaron a facer un taller, dando unha serie de clases e unha posterior “mini-representación”. E cal foi a súa sorpresa cando “un mes despois me preguntaron se me apetecía dirixir, porque me ofrecían o posto. Nunca o pensara e a verdade é que desfruto moito con eles e permíteme reatoparme coa miña vila, porque sempre fixen cousas fóra”.

Acaba de estrear en Rianxo “Ata que a morte nos separe!” e a cousa non puido ser mellor, xa que encheu os dous días de representación e moitos mesmo quedaron ás portas do auditorio sen poder velos. E todo indica que continuarán enchendo, xa que teñen previsto actuar en Porto do Son, Ferrol, Padrón, Imo, Noia, A Pobra, Santa Comba… para rematar de novo en Rianxo. “A xente respondeu moi ben e o certo é que co público os actores se engrandecen”, comenta Esther, para volver insistir en que está “moi orgullosa dos actores”.

Iso si, a cousa non para e, a pesar das representacións que hai pendentes durante os próximos meses, xa adianta que “hai que comezar a mirar outra obra de cara a decembro ou xaneiro”, e incluso vai ver a posibilidade de facer dúas producións ao ano porque o número de actores así o permite. Ademais, o grupo de teatro máis antigo de Galicia semella que irá facéndose máis vello grazas aos máis novos, porque tamén van contar cun grupo de nenos.

Enerxía de seguro que non lle vai faltar para afrontar estes e outros retos, porque Esther vese que é un auténtico “cu inquedo” e que é feliz creando e rachando esquemas, ben sexa aos seus actores ou aos seus lectores.

Adolfo Muíños Sánchez, o novo alcalde de Rianxo, coméntanos as súas impresións sobre a nova situación política en Rianxo

26 Xuñ

– Que vos pareceron os resultados das eleccións en Rianxo?
– Os resultados das eleccións foron moi sorpresivos para nós, posto que agardábamos desde o BNG de Rianxo unha suba de votos polo traballo realizado desde a oposición, pero non debuxar un panorama onde o BNG superase ao PSOE en votos e concelleiros. De todos os xeitos, cómpre lembrar que as diferenzas entre todos os grupos non van máis alá de 400 votos, polo que estamos diante dunha moi apertada e equilibrada votación.

– Que cres que pasou para que o PSOE pasase de ter maioría absoluta a ser a forza menos votada?
– Penso en varios factores, non nun só elemento. É evidente un cansazo na xente e o esgotamento da fórmula da maioría absoluta en Rianxo destes 32 anos, que deu nun último mandato anémico. Isto si que se vía chegar. Xunto a isto a retirada dun alcalde emblemático que xuntaba votos non ligados estritamente ao partido e que, desta volta, liberados, marcharon, principalmente ao PP e, en menor medida, ao BNG. En terceiro lugar a onda que se formou no mar do Estado chegou tamén a Rianxo, castigando a Zapatero no lombo do PSOE local. Esas tres situacións negativas para o PSOE concorreron desta volta.

– E para que o PP fose o partido con máis apoios?
– Na última clave dita, o PP beneficiase dunha vaga xeral de apoios a Rajoy e contra o actual goberno do Estado. Sen esquecer, ollo, que o PP viña colleitando nalgunhas autonómicas en Rianxo un apoio similar ao acadado nestas eleccións. O que logrou foi conseguir mobilizalo tamén para as municipais, algo que se lle escapaba e en maio acertou.

– Durante estes últimos días especulouse moito co acordo entre BNG e PSOE, mesmo que era moi difícil. Realmente se partiu dunha situación complicada para chegar a un entendemento?
– Era difícil pois partíamos dunhas declaracións na noite das eleccións nas que se manifestaba por parte do PSOE a vontade de ir á oposición e deixar gobernar ao Partido Popular. Imaxino que é moi duro perder unha alcaldía como Rianxo despois de tantos anos! Fronte á miña chamada inmediata nos medios ao diálogo para estabelecer unha alternativa local ao PP, o PSOE sinalaba o seu destino na oposición. Até despois dunha semana non se produciu ningún achegamento. Logo si que, con sinceridade, foi máis doado ao descubrirmos máis puntos de encontro na negociación: austeridade e equilibrio financeiro, buscar maior transparencia e racionalidade, formar un equipo único, non unha bicefalia.

– Sorprende que tendo máis edís o BNG haxa un reparto equilibrado de concellarías.
– As diferenzas son mínimas entre os tres grupos tanto en votos como concelleiros/as. O BNG non pretendía gañar na negociación o que xa veu expresado nas eleccións, senón buscar estabilidade dentro dun equipo de goberno coa alcaldía do BNG. Acadar unha maioría suficiente para sacar adiante con solvencia proxectos que Rianxo precisa: ese era o obxectivo da negociación. Ir negociar co desexo de machacar ao contrario, ese non é nin o meu estilo, ni sería positivo para un goberno unido a catro anos, onde a gobernabilidade do Concello era o que se buscaba e estar cómodos e con confianza uns e outros.

– No voso blog unha persoa comenta que se sente decepcionada porque claudicastes ás esixencias do PSOE, que foron os perdedores destas eleccións. Que lles dirías aos que, coma el, cren que se cedeu en exceso ante os socialistas?
– Un goberno en minoría de seis edís contra once era a alternativa? Coa situación actual de asfixia e anemia das arcas municipais e o panorama global nas demais institucións pensamos que o camiño era este: unha maioría para garantir a gobernabilidade e os votos necesarios en cada votación plenaria. Eu non podería permitir tampouco un goberno do PP en Rianxo. Mentras teña forza abondo. Polo tanto, as claudicacións non foron tales, pois conseguimos o que buscábamos: ter un alcalde do BNG nun dos concellos máis emblemáticos do País. Se alguén valora menos este obxectivo que ceder parcelas de poder ou centrarse en que non lle gusta o candidato do PSOE, síntoo, pero buscábamos cousas diferentes. O tempo dirá quen erraba.

– Cales serán os grandes retos do voso goberno nestes catro anos?
– Conseguir unha boa ocupación do polígono empresarial, completar a rede de equipamentos de benestar (centro de día), impulsar o saneamento e abastecemento das parroquias e unha depuradora acorde á poboación actual e futura, poñernos ao día nas ferramentas urbanísticas cun Plan Xeral, mellorar a xestión dos equipamentos que temos, abrir canles para a participación veciñal… Son algúns dos grandes obxectivos e que darían novo pulo ao noso municipio e xerarían outro estado de ilusión e ánimo na xente.

– Partides dunha difícil situación económica na alcaldía. Como pensades paliar esta carencia?
– Sendo austeros nos gastos superfluos e eficaces na xestión dos ingresos. Acabamos xa de reducir os custes globais das dedicacións exclusivas, prescindimos de figuras de gabinete e eventual. Pero son poucas, aínda que moi simbólicas en comparación con mellorar o control dos ingresos, que todo o mundo con obrigas as pague. Na medida en que se ocupe o parque empresarial tamén se ingresará máis en impostos. O PXOM é unha aposta a medio prazo por abrir posibilidades de desenvolvemento urbanístico que redundará tamén en beneficios colectivos.
E a outra medida será a peregrinaxe que iniciarei axiña consellería a consellería, na Deputación da Coruña, nos Ministerios, cos proxectos de Rianxo baixo o brazo para acadar o financiamento preciso. Agora ben, penso que de equipamentos estamos ben (agás rematar varios pendentes incompletos e o mencionado centro de día), o que nos faltan son recursos humanos e económicos para optimizar os que temos.

– Que tal foron estes primeiros días á fronte da alcaldía?
– Duros. Hai moito que aprender en pouco tempo para coller axiña ao temón. Enfrontarse á situación económica e ás carencias laborais e ás necesidades dos teus veciños non é agradábel, ao non estar na túa man inmediata poder resolvelas. Vin xa moitos problemas veciñais enquistados desde hai tempo de difícil encaixe. Mais agora, coa entrada dos concelleiros das áreas e confeccionado o equipo de traballo, agardamos ir dando os pasos precisos para acadar mellor benestar para as nosas xentes, dentro do marco global e da situación que herdamos, que nos obrigará a ser lentos nos avances.

Eu no De Luns a Venres

22 Xuñ

Como vos comentei noutra ocasión, unha moi boa amiga miña é coordinadora no xornal gratuíto en galego De Luns a Venres. Pois o caso é que se ve que non tiña a ninguén a man que me liou para facerme unha mini entrevista. Vamos, que lle debía servir calquera, jeje

Aquí vos deixo o resultado e así tamén me vedes todo guapo 😉

Vanessa Martínez, a voceira do PP en Rianxo, coméntanos as súas impresións sobre a situación política en Rianxo

11 Xuñ

Hoxe houbo cambio de goberno en Rianxo, recaendo o bastón da Alcaldía no BNG tras un acordo co PSOE. Dende este blog contactamos con Vanessa Martínez, voceira do PP en Rianxo (a lista máis votada nas eleccións), para que valorase os resultados das eleccións e tamén a nova situación política en Rianxo.

– Como valoras o resultado das eleccións en Rianxo? Sorprendeuvos o resultado do PP?
O pobo por fin, perdeu o medo. Despois de estar gobernando o mesmo partido durante toda a democracia e tantos anos o mesmo alcalde, estas eleccións marcarán un antes e un despois en Rianxo. O Partido Popular recolleu novos votos polo castigo que recibiu o PSOE e que os rianxeiros decidiron darnos como premio a 4 anos de traballo, dunha oposición seria e rigorosa e dunha fiscalización minuciosa ao equipo de goberno.

– Que cres que aconteceu en Rianxo para que o PSOE pasase de ter maioría absoluta a ser a forza menos votada?
Unha deixadez total por parte do alcalde e do candidato que levaban, que era unha continuación del. Polo tanto, o descontento que había, foi reflectido polo pobo nas urnas.

– Que opinión che merece o pacto de goberno entre o BNG e o PSOE?
O afán do BNG pola alcaldía levouno a facer un pacto, que si é o que se di a prensa, nos deixa como estabamos. É a mesma escoba pero con diferente pau… E dicir, o Sr. Muíños dedicouse a criticar as contas do Concello durante 4 anos e á persoa que as levaba, e agora dálle esa concellalía a el. E por parte do PSOE, que vou dicir… dous días despois do resultado das eleccións din nos medios de comunicación que eles van a estar onde os puxo o pobo, que é na oposición, e agora desdinse a cambio do poder. Xogaron con Rianxo e cos rianxeiros. O BNG fai unha lectura errónea das eleccións dicindo que Rianxo votou a esquerda claramente, iso é relativamente certo pero porque en Rianxo se presentaron dous partidos de esquerdas e un de dereitas. Esa lectura só se pode facer se se presentasen o mesmo número de partidos coa mesma ideoloxía. Está demostrado que en Rianxo van a gobernar os perdedores, porque así o reflectiron as urnas.

– En algúns círculos comentábase que en caso de que o PP gobernase en minoría existía o risco de que sufrise unha moción de censura nun período de dous anos. Chegouvos isto a vós? Este feito era motivo de preocupación?
Era unha preocupación que tiñamos, que en canto trouxésemos proxectos da Xunta de Galicia, que se nos fixese unha moción para rematar eles a lexislatura. Pero tampouco era unha cousa que nos sacase o sono, porque nós o que queremos e que o pobo sexa o gran favorecido, goberne quen goberne.

– Cales serán os obxectivos do PP en Rianxo nestes próximos catro anos?
Facer unha oposición rigorosa, fiscalizando ao equipo de goberno minuciosamente. Imos estar ao lado dos veciños, dos que nos votaron e dos que non. Os intereses do Partido Popular, son os de todos os rianxeiros, que Rianxo estea no lugar que se merece e non no vagón de cola.

– Antes de facerse público o pacto entre o BNG e o PSOE, criades na posibilidade de que tiñades opcións de gobernar aínda que fose en minoría?
Si e non. Creemos que o que nos merecíamos era gobernar en minoría, como ben dixo o pobo. Pero sabendo das ansias de goberno que tiña o BNG sabiamos que accederían a calquera proposta que lles propuxesen dende o PSOE. A pesar de que nós non tivemos ningún tipo de contacto co PSOE, sabiamos que eles si querían pactar con nós, porque así nolo fixeron saber. Nós mantivémonos na postura que sempre dixemos de non pactar con ninguén, pero no caso de ter algunha toma de contacto co PSOE, isto custaríalle moi caro ao pobo de Rianxo porque o BNG ía acceder ao que fixese falta para pactar co PSOE, con tal de obter a alcaldía. O que si nos gustaría sería gobernar en minoría e con acordos puntuais co BNG, pero a eles non lles interesaba.

Adolfo Muíños é o novo alcalde de Rianxo

11 Xuñ

Alan Golias

16 Mar

Velaquí vos deixo unhas fotos do mago rianxeiro Alan Golias. Un rapaz moi novo, pero cun gran talento e que non deixa de sorprender nos seus espectáculos.

É tempo de podar

11 Feb

Estes días as viñas pasan polo barbeiro e pola afeitadora. Hai que preparalas para a vindeira colleita de viño. Velaquí vos deixo unha foto do meu pai podando.

Elvina: 88 anos de vitalidade

1 Set
Que sería de Galicia sen a súa xente? Que sería da nosa terra sen esas mans fortes, traballadoras, abnegadas e incansables que a traballaron?
Como son de aldea, sei o que é traballar coas mans, o que doen os cadrís cando un se abaixa para sachar, coller as patacas ou apañar a herba. E como sei que non é un traballo recoñecido, velaquí a miña pequena homenaxe a toda esta xente. É a miña veciña Elvina, ten 88 anos e unha vitalidade envexable. Ela simboliza coma ninguén o que é o pobo galego, o seu esforzo e amor pola terra. Nai de tres fillos, avoa de seis netos e bisvoa de dous bisnetos, aí segue co seu sacho, coma o primeiro día.
Esta foto saqueilla un sábado ás 2 da tarde, baixo un sol de xustiza. Collía patacas mentres limpaba a terra de grandes herbas. Non coñece o descanso: limpa a casa, colle herba, muxe as vacas, atende as galiñas… 88 anos, quen o diría. Saqueille as fotos a escondidas, mentres me comentaba, mirando para un lado e outro da viña baixo a que traballaba, que perdera o fouciño. Que non sabía onde o metera e que xa era a segunda vez que se perdía. Tiña claro que ninguén llo roubara: “quen ía querer un fouciño hoxe en día?”, espetoume. “Bueno, xa aparecerá”, acabou concluíndo mentres a chamaban da casa para ir comer. Moveuse pouco a pouco a un lado da viña na busca do seu bastón -“este polo menos non o perdín”- e foi camiño arriba, pequena e forte, dura e temperamental. Porque as mulleres galegas ademais de levar a casa e de administrar os cartos sempre foron as donas do campo galego.
E a aí segue, encorvada polos anos e o traballo, pero querendo dar o máximo posible para os que veñen detrás, para súa filla Esther e as súas netas. Creo que non hai amor máis grande ca ese nin sacrificio maior pola terra.
elvina1
elvina2elvina3