Tag Archives: fotos de Rianxo

A antiga casa rectoral de Leiro

6 Ago

Esta entrada vai para o meu amigo Mario, que foi o que me levou a descubrir a antiga casa rectoral de Leiro. Como podedes ver, está totalmente abandonada e feita un cristo (nunca mellor dito). Dentro estaba o antigo cinema da parroquia, como o demostra o carteliño de “Prohibido Fumar”. E nos arredores pode atoparse unha antiga cociña, os cortellos e un enorme hórreo (supoño que se enchía no seu día grazas á inestimable axuda dos veciños) que está a ser devorado polas hedras.











Rianxo, o paraíso existe

15 Xul

Non sei se vos lembrades dalguén lema que estaba nas pegatinas de moitos coches rianxeiros que era “Rianxo, o paraíso existe”. Credes que igual sería bo intentar recuperalo ou de paraíso ten máis ben pouco?

Eu fixen unha imaxe con esa lema, para que non se diga 🙂

Un día menos de Guadalupe

13 Xul

Segundo confirman dende a páxina de facebook da Comisión de Festas da Guadalupe de Rianxo, este ano nas festas haberá un día menos 😦

Comentaran hai tempo que ían intentar que continuasen os mesmos días, pero vese que finalmente os cartos non deron para tanto e supoño que o último venres dirá adeus. Isto é o que comentan eles:

“…finalmente non puido ser, xa que os gastos increméntanse e os cartos non dan para máis. En breve emitiremos un comunicado explicando a decisión. Pero que iso non vos afecte: a menos días, diversión máis concentrada!”.

 

Canto cobra o alcalde de Rianxo?

11 Xul

Creo que unha das curiosidades que temos todos os veciños é saber canto gaña o alcalde do noso Concello. Pois ben, segundo vexo nunha información publicada en El Correo Gallego, Adolfo Muíños cobrará 41.000 euros brutos. Pola súa banda, o tenente de alcalde, Carlos Gey, gañará 36.900 euros brutos ao ano.

O certo é que non sei cando gañaba antes Pedro Piñeiro, polo que non sei se é o mesmo soldo, se o baixou ou se o subíu. Non obstante, na mesma nova de El Correo Gallego aparecen os soldos dos outros alcaldes do Barbanza:

  • Ribeira: Manuel Ruiz cobrará 56.000 euros brutos
  • Boiro: Juan José Dieste cobrará 55.876 euros brutos
  • A Pobra do Caramiñal: Isaac Maceiras cobrará 48.143 euros brutos
Que che parecen estes soldos? Tes idea de canto cobraba antes Pedro Piñeiro?

 

Eu no De Luns a Venres

22 Xuñ

Como vos comentei noutra ocasión, unha moi boa amiga miña é coordinadora no xornal gratuíto en galego De Luns a Venres. Pois o caso é que se ve que non tiña a ninguén a man que me liou para facerme unha mini entrevista. Vamos, que lle debía servir calquera, jeje

Aquí vos deixo o resultado e así tamén me vedes todo guapo 😉

Fotos antigas: a Festa da Empanada de Rianxo

15 Xuñ

Estas fotos están no perfil no facebook da Asociación de Veciños do Araño, que tan boa labor está a facer na parroquia. Polo que se ve nas instantáneas, estamos a falar do ano 1988. Daquela anunciábase que estabamos ante a empanada máis grande do mundo (facíana os veciños cun forno eléctrico que crearon na panadería de Panmillo, e que despois levaron de festa en festa):

Vanessa Martínez, a voceira do PP en Rianxo, coméntanos as súas impresións sobre a situación política en Rianxo

11 Xuñ

Hoxe houbo cambio de goberno en Rianxo, recaendo o bastón da Alcaldía no BNG tras un acordo co PSOE. Dende este blog contactamos con Vanessa Martínez, voceira do PP en Rianxo (a lista máis votada nas eleccións), para que valorase os resultados das eleccións e tamén a nova situación política en Rianxo.

– Como valoras o resultado das eleccións en Rianxo? Sorprendeuvos o resultado do PP?
O pobo por fin, perdeu o medo. Despois de estar gobernando o mesmo partido durante toda a democracia e tantos anos o mesmo alcalde, estas eleccións marcarán un antes e un despois en Rianxo. O Partido Popular recolleu novos votos polo castigo que recibiu o PSOE e que os rianxeiros decidiron darnos como premio a 4 anos de traballo, dunha oposición seria e rigorosa e dunha fiscalización minuciosa ao equipo de goberno.

– Que cres que aconteceu en Rianxo para que o PSOE pasase de ter maioría absoluta a ser a forza menos votada?
Unha deixadez total por parte do alcalde e do candidato que levaban, que era unha continuación del. Polo tanto, o descontento que había, foi reflectido polo pobo nas urnas.

– Que opinión che merece o pacto de goberno entre o BNG e o PSOE?
O afán do BNG pola alcaldía levouno a facer un pacto, que si é o que se di a prensa, nos deixa como estabamos. É a mesma escoba pero con diferente pau… E dicir, o Sr. Muíños dedicouse a criticar as contas do Concello durante 4 anos e á persoa que as levaba, e agora dálle esa concellalía a el. E por parte do PSOE, que vou dicir… dous días despois do resultado das eleccións din nos medios de comunicación que eles van a estar onde os puxo o pobo, que é na oposición, e agora desdinse a cambio do poder. Xogaron con Rianxo e cos rianxeiros. O BNG fai unha lectura errónea das eleccións dicindo que Rianxo votou a esquerda claramente, iso é relativamente certo pero porque en Rianxo se presentaron dous partidos de esquerdas e un de dereitas. Esa lectura só se pode facer se se presentasen o mesmo número de partidos coa mesma ideoloxía. Está demostrado que en Rianxo van a gobernar os perdedores, porque así o reflectiron as urnas.

– En algúns círculos comentábase que en caso de que o PP gobernase en minoría existía o risco de que sufrise unha moción de censura nun período de dous anos. Chegouvos isto a vós? Este feito era motivo de preocupación?
Era unha preocupación que tiñamos, que en canto trouxésemos proxectos da Xunta de Galicia, que se nos fixese unha moción para rematar eles a lexislatura. Pero tampouco era unha cousa que nos sacase o sono, porque nós o que queremos e que o pobo sexa o gran favorecido, goberne quen goberne.

– Cales serán os obxectivos do PP en Rianxo nestes próximos catro anos?
Facer unha oposición rigorosa, fiscalizando ao equipo de goberno minuciosamente. Imos estar ao lado dos veciños, dos que nos votaron e dos que non. Os intereses do Partido Popular, son os de todos os rianxeiros, que Rianxo estea no lugar que se merece e non no vagón de cola.

– Antes de facerse público o pacto entre o BNG e o PSOE, criades na posibilidade de que tiñades opcións de gobernar aínda que fose en minoría?
Si e non. Creemos que o que nos merecíamos era gobernar en minoría, como ben dixo o pobo. Pero sabendo das ansias de goberno que tiña o BNG sabiamos que accederían a calquera proposta que lles propuxesen dende o PSOE. A pesar de que nós non tivemos ningún tipo de contacto co PSOE, sabiamos que eles si querían pactar con nós, porque así nolo fixeron saber. Nós mantivémonos na postura que sempre dixemos de non pactar con ninguén, pero no caso de ter algunha toma de contacto co PSOE, isto custaríalle moi caro ao pobo de Rianxo porque o BNG ía acceder ao que fixese falta para pactar co PSOE, con tal de obter a alcaldía. O que si nos gustaría sería gobernar en minoría e con acordos puntuais co BNG, pero a eles non lles interesaba.

Alan Golias

16 Mar

Velaquí vos deixo unhas fotos do mago rianxeiro Alan Golias. Un rapaz moi novo, pero cun gran talento e que non deixa de sorprender nos seus espectáculos.

Anegamento do río Te

10 Xan

Con todo o que choveu esta pasada semana, o río Te desbordouse nalgunhas zonas. Eu non vivín directamente o anegamento, porque pola semana estou na Coruña, pero o sábado puiden ver que o río aínda ía ben cheo. Aquí vos deixo unhas imaxes do seu paso polo Batán (O Araño).


Aínda que non o creades, este é un camiño usado para acceder ás leiras que se convertiu nun regueiro:

A tromba da auga era tan forte que mesmo levou unha das pontes de madeira do paseo do río Te. Agora a pregunta é se o arranxarán en breve ou quedará así durante meses:

Velaquí a miña veciña Sara cun sacho intentando que a balsa de auga dunha das súas leiras baixe:

E nesta leira podedes ver por onde foi o río:

A penitencia da Virxe ante a aberración urbanística

29 Dec

Antes de nada teño que dicir que estas imaxes son reais. Non hai nada de fotomontaxe. Está entre Fincheira e As Cortes, en pleno cruce que nos leva á praia de Tanxil de Rianxo.

A min particularmente é que me dá vergoña ver como se fan estas cousas sen que pase nada e como se todo fose perfectamente normal. Temos unha aberración urbanística diante dos nosos ollos, fronte a un cruceiro que seguramentente máis dun século de vida, e dende Urbanismo, dende Patrimonio ou dende o organismo pertinente non se fai nada, é máis, permítese que pasen estas cousas. Se é que máis gañán e paleto non se pode ser. De verdade custaba algo facer as cousas doutro xeito? Pois está visto que a penitencia da Virxe é esta, estar castigada de cara á parede.