Arquivo | fotodenuncia RSS feed for this section

Vertedura xunto á depuradora

29 Mar

vertedura

Esta tarde, un veciño e seguidor do blog pasounos unhas imaxes dunha vertedura xunto á depuradora de Rianxo. As imaxes, segundo a persoa que nos informou deste suceso, corresponden ás 18.30 horas.

Dende aquí puxémonos en contacto co Concello e explicounos que se trata dun “verquido do que se informa á empresa e se agarda porque a Xunta faga as actuacións previstas que eliminarán en boa medida estas situacións”.

Actualización: dende o Concello acaban de informarnos que a policía local estivo pendente da vertedura e que esta xa cesou.

vertedura-2

Agardamos, pois, que imaxes deste tipo non se repitan, porque sabemos que do mar depende o futuro de boa parte dos nosos veciños. Ademais, moi preto, hai unha praia na que todos os veráns se bañan centos de persoas. vertedura-3

Advertisements

Rexistros eléctricos sen protección no recheo

3 Out

contadores (2)

Hoxe queremos difundir as imaxes que nos pasa un lector do blog sobre uns rexistros eléctricos que hai no recheo de Rianxo. Non sabemos se están conectados á luz ou non, pero non teñen ningún tipo de protección, polo que están expostos ao aire e a que calquera os poida tocar. Actualización: dende o Concello xa nos comunicaron que se van poñer en contacto con Portos, xa que esta zona depende deles.  Seguir lendo

Os nenos e os pais da Vacariza non se renden

11 Set

Esta mañá puidemos ver como as familias da Vacariza (Isorna), seguen a loitar porque os seus nenos estuden nunha escola unitaria que leva décadas aberta. A Consellería e a Delegación Territorial de momento non o permiten, a pesar de que si o fan con outro centro. Hai que ter en conta que este ano habería cinco nenos, pero que para o ano aumentarían a sete. Iso si, cando unha escola rural peche as portas, nunca máis as volve abrir.

vacariza2

Seguir lendo

Vandalismo: queiman a ponte de madeira sobre o río Te

22 Xul

Acabamos de enterarnos dun acto de vandalismo na ponte do Te, a que atravesa o paseo marítimo para unir as dúas beiras do río entre Rianxo e Taragoña.

Cremos que é impresionante a desfachatez, incivismo, falta de cultura/educación e respecto que está detrás dos últimos actos vandálicos que está a sufrir o mobiliario urbano do Concello nas últimas datas, (pintadas nas placas dos autores rianxeiros no paseo marítimo, desfeita dos parques infantís, queima tamén da pasarela da praia de Tanxil…).

A ver cando nos decatamos de que o mobiliario urbano é de todos/as e o seu deterioro ou mal uso repercute no noso peto!!!

Nesta última desfeita, uns/as irresponsables cebáronse coa ponte do paseo marítimo, queimando parte dela, previsiblemente “usando algún tipo de acelerante -gasolina, por exemplo-“, en palabras do arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, aínda que isto terao que determinar a policía xudicial. Tamén resalta o arquitecto que posiblemente a obra lle poida custar ao erario público a escandalosa cantidade de 70.000 euros, que teremos que desembolsar a base de impostos.

Deixamos unhas fotos sacadas do facebook de Carlos H. Fernández e do propio alcalde Adolfo Muíños:

vandalismo 2 coto vandalismo 1 coto vandalismo 3 adolfo

O custo de 70.000 euros é unha estimación que fai o propio Fernández Coto do que suporía repoñer dúas vigas curvas, dúas pequenas da base, a varanda e as táboas de pisar. Hai que ter en conta que son madeiras especiais con curvaturas especiais. Pero o máis complexo é o transporte dende A Coruña, porque ademais non hai paso polo Pazo, polo que habería que levar o material polo mar. A isto hai que sumarlle a montaxe, o guindastre…

Por outra banda, tamén hai que ter en conta que alí está a policía local custodiando a ponte por quendas e que a policía científica da Coruña tivo que vir mirar e retirar mostras, o que tamén implica gastar recursos públicos.

Vamos, que se trata dunha previsión, non orzamentada, pero que cos coñecementos que ten Fernández Coto seguramente sexan bastante atinadas. Como el mesmo sinala, “a reparación custará o mesmo que o mantemento de todo o ano da piscina climatizada municipal. Ou, se o preferides, custará o mesmo que a ampliación do Centro Social de Asados, ou case como a compra do antigo Liceo para os nosos Maiores e para a Mocidade”.

Agardemos que as pesquisas da policía, e de ser o caso dalgún/ha testigo destes últimos feitos dean lugar a atopar culpables desta auténtica barbarie do patrimonio de todos/as nos, e, que a administración competente teña a ben arranxar canto antes este acto que desfai pola metade o paseo diario de moitos e moitas rianxeiros e foráneos que se achegan ó noso concello.

Malestar entre os veciños do Araño pola mala planificación de varias prazas de discapacitados

29 Abr

Onte, domingo, houbo unha reunión de urxencia na Asociación de Veciños do Araño ante as queixas de moitos habitantes da parroquia por como se está a desenvolver a obra de varias prazas de aparcamento para discapacitados xunto á igrexa parroquial. Ademais, van presentar un escrito formal ante o concello recompilando todos os problemas que observaron, aínda que xa estableceron contacto por teléfono.

A primeira queixa foi non saber para que era en concreto a obra que se estaba a realizar xunto ao edificio relixioso, xa que non tiña ningún tipo de información nin do promotor nin o sobre o obxecto:

obra1

Ante isto, varios veciños puxéronse en contacto coa AAVV da parroquia para preguntar. Dende a Asociación falaron co departamento de Obras do Concello, que dixo non saber de que se trataba. Non obstante, contactaron tamén co alcalde, quen informou que se trataba dunha obra para habilitar varias prazas de aparcamento para discapacitados finaciada por Arousa Norte.

Contactei coa AAVV do Araño e comentáronme que están encantados de que se invista na parroquia e se fagan cousas, pero dun xeito práctico, con sentido e pensando nos intereses de todos. En primeiro lugar, sorprendeu o tipo de obra, xa que os veciños consideran que sería moito máis práctico e barato pintar e habilitar zonas exclusivas para discapacitados, sen ter que furar:

obra2

Pola información que temos, a previsión é crear dúas prazas de aparcadoiro preto da igrexa e outras dúas máis arriba, preto do hórreo. Pero as dúas primeiras están moi afastadas da igrexa, a uns 100 metros da cancela de entrada, o cal non é moi práctico á hora de acceder ao recinto relioxoso:

obra3

Ademais, como se pode ver na imaxe, están situadas no medio dunha costa, polo cal unha persoa con cadeira de rodas non estaría na mellor zona para ir ata a igrexa, xa que hai unha pendente descendente. Así mesmo, á hora de volver ao coche, ademais de estar moi lonxe da entrada, podería ter dificultades pola costa arriba.

obra4

Por outra banda, as prazas habilitaríanse xusto na zona na que os autobuses (que ofrecen servizo por exemplo nos enterros) dan media volta.

Estes son algúns dos motivos que esgrimen os veciños que, como dicimos, solicitan que se fale con eles para pensar mellor a obra e sexa máis práctica e menos molesta. Estamos á espera do punto de vista do Concello por este tema.

ACTUALIZACIÓN: dende a asociación de veciños coméntannos que hoxe falaron co alcalde e van ter unha reunión (xunta directiva da AAVV + concello) mañá ás 20:30 horas xunto á igrexa.

Cruceiro en Abuín

1 Dec

No lugar de Abuín, na parroquia de Leiro, podemos atopar un cruceiro do que só quedan os restos. Unicamente queda o torso e o mentón do que semellou ser un Cristo crucificado. Unha mágoa que o noso patrimonio sufra así.

Montes descoidados

1 Mai

Eu adoito pasear moito polo monte. Pois ben, aquí vedes o lamentable estado de varios camiños no monte de Isorna. Imaxinade que hai un incendio e ten que ir ata o lugar un retén de bombeiros ou un camión. Podería acceder? Eu véxoo complicado.