O sábado 4 de maio os amigos da peña cicloturista Castro Barbudo van facer a XIV subida ó Castro Barbudo.
Aquí vos deixamos o link co cartaz anunciador e as bases de participación do evento:
http://www.castrobarbudo.com/drupal/node/277

A Biblioteca Municipal de Rianxo foi premiada polo Ministerio de Educacion, Cultura e Deportes, cun lote de libros na XV Campaña de Animación a la Lectura María Moliner.
Fai clic para acceder a ListaPremiados2012.pdf
Parabéns por un traballo ben feito!
O pasado venres 12 de abril inaugurouse no auditorio de Rianxo a exposición “de minimis”, que estará pendurada até o 27 de abril.
Nesta mostra fotográfica, a sua autora Marga Piñeiro Diaz, unha profesora chantadina que no seu tempo de ocio, non ten outra cousa mais que facer que sacar fotos, e vaia fotos!!!!
Se nos achegamos polo auditorio poderemos ver 45 instantaneas, a maior parte delas en branco e negro, que nos expresan a sua particular maneira de ver as pequenas cousas que nos rodean, ainda que tamén hai lugar para pequenas sutilezas de cor…
Deixámovos tamén a presentación que a autora traía preparada para a inauguración:
Boa tarde a todos e todas.
Moitísimas grazas por estar hoxe aquí.
Quero comezar agradecéndolle ao meu amigo Xoan Antón Castro Barreiro que fixo as xestións oportunas con Fernando Lavandeira, a este mesmo, e ao Concello de Rianxo, ao seu alcalde Adolfo Muíños e a concelleira de cultura Hadriana Ordoñez para a cesión desta fermosa sala onde podervos mostrar hoxe e ata o día 27 do presente mes un traballo que veño desenvolvendo dende fai aproximadamente seis anos.
E a Lúa Louro, xove deseñadora, que me fixo de maneira altruista o deseño do logo que se pode ver no cartel anunciador da exposición.
Estas fotos, e outras máis, conforman a colección “de minimis”. Son de una serie de imaxes, hai quen di que froito da creatividade, eu coido que dunha especie de tolemia que me ven avisando dende hai tempo para que ande na procura dun cauce a traverso do que poda plasmar aquelas ideas que me xurden de súpeto dentro desta cabeza desfeita e que me obrigan a adicarlles bastantes horas do meu día a día, proporcionándome una enorme satifacción e obrigándome así, a ter conmigo sempre un apéndice que se chama cámara e que se dispara irremediablemente todos os días da miña vida.
As protagonistas das imaxes que vedes son sempre cousas pequenas.
Con moita facilidade impresionámonos ante a grandeza do noso entorno e procurámolo máis aló do que nos é habitual. E iso, coido eu, é natural e humán. Pero soemos esquecer, a importancia das cousas cativas que nos fan a vida máis doada e porque non, moito máis bonita.
Son básicamente fotografías en Branco e Negro, por una sinxela razón de gusto persoal e de fidelidade aos meus comezos alá polo ano 90 cando da man de Camilo Lorenzana que é un fotógrafo chantadino, me iniciaba no mundo da fotografía cun cursiño de revelado en carrete e papel nun centro de xuventude.
Saberíame moi ben pagada se hoxe estas fotos transmítenvos algún sentimento, se vos comunican alguna mensaxe e se finalmente, son quen de facer que non pasen desapercibidas e merezan uns minutos da vosa atención.
Grazas por estar aquí e que desfrutedes tanto como eu o fixen no momento de concebir, plasmar e ver colgadas todas e cada unha das fotos que hoxe vos presentamos neste escenario tan especialmente fermoso que é o Auditorio de Rianxo.
Marga Piñeiro Díaz
E unhas cantas fotiños do que alí podemos ollar:
-Pequeno video feito pola propia autora do proceso de montaxe da expo:
Se ainda non vos pasástedes, aconsellamovos que o fagades. É un pracer poder ollar o traballo desta fotógrafa en papel.
Hoxe tivemos a sorte de asistir á preestrea de O tempo de Pájaro Pinto, obra escrita polo xa falecido Andrés Martínez “Pancho”, e posta en escea polo Grupo artístico de teatro, música e danza de Rianxo, coas colaboracións do Concello de Rianxo, Asoc. Cultural Fogo Fatuo e o Cadro Artístico Airiños
-Elenco de actrices e actores que representan a obra:
-Texto do programa de man da autoría do amigo Xesús Santos:
Recente aínda o éxito de “O soño do barbeiro”, comeza Pancho Martínez a escribir un novo texto teatral ocorrido nunha vila mariñeira: “O tempo do pájaro pinto”. Pero o infortunio arrancouno de entre nos nada mais comezar os ensaios; por iso os compoñentes do elenco -que el mesmo elexíra- fixo seu o compromiso de levar a cabo o proxecto inicial, e así renderlle unha homenaxe de gratitude a un home que, dende a triple vertente de actor, autor e director teatral, animou e realzou a escena galega.
O nome da obra ven dunha cantiga que se fixo popular os anos corenta e que coincidíu no tempo cun enorme banco de xoubas., Un xoubal que durou dous anos e fixo cambiar por completo a vida económica dos mariñeiros. Pero como o diñeiro se gastou a mans cheas, sen previsións de futuro, a ganancia da xouba foise indo e a vila quedou sumida outra vez nun mar de escasedade, sen outra saida posible máis que a da emigración.
O fio argumental mantense na conversa entre un avó e un neto que busca información para escribir unha novela, deste modo toman vida os sucesos mais relevantes da época. Pola escena pasan ademais do alcalde e o mestre, mariñeiros e pescas, que alternan con outros personaxes curiosos, como son un fracasado inventor brasileiro ou un avispado vendedor andaluz, que tanto lle vende ás señoras xoias e perfumes coma lle monta aos maridos un espectáculo de cabareteiras.
Hoxe imaxinamos ao amigo Pancho polo escenario do ceo cunha claqueta que di: ¡Graciñas, Rianxo!. E nós respondémoslle:
¡¡Graciñas, recordado Pancho!!
A obra e moi entretida e amena de pasar, deixovos unhas cantas fotiños do que foi dando de si a función:
-O alcalde Adolfo Muiños e José Ricardo losada, que se encargaron de darlle entrada á obra, (cabe destacar a emotiva louvanza de Ricardo a Pancho).
-Avó e neto dando pe a cada pase:
-As pandeiras de “Aleivosía” da Asoc. Cultural Fogo Fatuo.
-E diferentes tomas do transcorrer da obra:
Por último cabe tamén destacar que canda a obra íanse proxectando imaxes antigas de Rianxo tiradas do libro “Rianxeiros” O legado de Xosé Pérez -Casa Museo Manuel Antonio.




O Club Xadrez Rianxo organiza o próximo sábado 23 de marzo as 12:00 horas no Auditorio de Rianxo unha conferencia de primeiro nivel, xa que a imparte o xornalista deportivo e especialista en xadrez Leontxo García.
Baixo o título de “Viaje al fascinante mundo del ajedrez”, Leontxo García nunha viaxe imaxinaria de centos de séculos na histora do xadrez, deterase nos momentos máis importantes deste deporte, dende a súa invención na India ata a súa chegada a España cos musulmáns. Tamen contará as súas vivencias persoais cos mellores xogadores dos últimos 35 anos, como Fischer, Karpov, Kasparov, Anand, Carlsen ou as irmás Polgar.
A conferencia, segundo nos indican dende o Club Xadrez de Rianxo, “está pensada para todos os públicos e, sen subida, é un acto que vai sorprender totalmente a todos os asistentes pola capacidade do conferenciante de atraer a atención dos participantes. Un evento moi ameno e cargado de anécdotas”.
Leontxo García é conferenciante, presentador, comentarista e xornalista especializado en xadrez. Ten a Medalla al Mérito Deportivo, outorgada polo Gobierno español en setembro de 2011, posúe o Premio do Comité de Deportes da URSS, concedido en Leningrado 1986, “pola mellor cobertura do Campeonato do Mundo de Xadrez” e os Premios Nacionais Chessy 2007 e 2011 “á persoa que máis difundiu o xadrez en España”. Ademais, é xornalista en El País onde escribe unha columna diaria e colabora semanalmente con RNE.
Velaquí o podedes ver neste vídeo falando sobre a rivalidade entre Karpov e Kasparov:
Esta fin de semana, o concello de Rianxo organizou, promoveu e financiou unha representación teatral a cargo do grupo de teatro Airiños de Asados, con eles presentou nas seis parroquias do concello o espectáculo “Un mar de mulleres”.
O espectáculo veu cargado de explicacións para que os cativos e non tan cativos souberan de primeira man os traballos que acarrea o mar e todo o que da de si.
Aquí vos deixamos unhas fotos da función de hoxe no Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro:
-Mariscando e presentando o espectáculo.
-As mariscadoras tamén vixian que os furtivos non lle rouben o marisco…
Bogando para ir mariscar dende o barco.
-Pescando
-Atando nas redes.
-Na lonxa coa poxa.
-Traballando na conserveira. “shin chan, cuiño cuiño”
-Coa patela indo a vender ás aldeas.
-Aprendéndolle a unha da aldea a levar a patela…
E por último e o mellor de todo, a hora de xantar o arrancado do mar.
Agardemos mais iniciativas coma ista que dende logo serán benvidas polos rianxeiros e rianxeiras.
Parabéns Airiños!!!