Arquivo | Rianxo RSS feed for this section

Ofertas culturais en Rianxo para a fin de semana.

4 Abr

 

  • Venres 5 e sábado 6 de abril – Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo
    • OBRADOIRO DE ESCRITA CREATIVA: Da realidade ao papel (sobre a creación de personaxes) impartido por Elisa Iglesias Gil dentro do programa de residencias da Editorial Axouxere coa colaboración do Concello de Rianxo. O prazo de inscrición remata o venres 4 de abril   Máis información
    • http://www.concelloderianxo.es/documents/11480/0/Cartaz+Elisa+Iglesias+Gil+WEB+GRANDE.jpg/18304f96-0cb8-46bb-8926-c07a45e3c83d?t=1363890470763
  • Sábado 6 de abril  – 12.00 horas – Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo 
    • PROXECCIÓN AUDIOVISUAL E INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN Un mar de Mulleres organizada polo Grupo de Acción Costeira 7 (Vigo-A Garda) e a Asociación Mulleres en Acción. A exposición poderá visitarse dende o 6 ata o 20 de abril e dende o 22 abril ata o 5 de maio nos centros culturais de parroquias (lugar e horarios anunciaranse con antelación) Máis información
  • Sábado 6 de abril  – 18.00 horas – Auditorio de Rianxo 
    • CONCERTO ORQUESTRAS XUVENÍS cargo do alumnado mozo de  Estudio, Escola de música (Santiago de Compostela) e da Escola de música Juan Francés de Iribarren-Sangüesa (Navarra) coa colaboración do Coro de Nenos de Estudio, escola de música, Combo tributo a John Scofield de Estudio, escola de música, Combos da Escola Juan Francés de Iribarren, Alumnado e combos da Escola de Música de Rianxo e o Alumnado do Seminario de Jazz e Música Moderna de Burela Máis información
  • Domingo 7 de abril  – 20.00 horas – Auditorio de Rianxo 
    • TEATRO  O Tempo do Pájaro Pinto, estrea da obra póstuma de Andrés Martínez “Pancho” a cargo do Cadro Artístico de Teatro, Música e Danza de Rianxo baixo a dirección de Xaquín Lorenzo. Aforo limitado, as entradas (máximo 2 por persoa) poden retirarse unha hora antes do comezo da representación Máis información
Imaxe

Estampas rianxeiras: mirando pola fiestra

31 Mar

09032013-fotos 029

Ángel Baltar Cortés, fillo predilecto de Rianxo

30 Mar

Cando alguén de Rianxo fala de Baltar, a todos se nos vai directamente a cabeza ao pazo que hai xunto á praia de Tanxil. Pero o de seguro que non sabedes é que na fachada do concello hai unha placa conmemorativa en agradecemento á súa persoa e que se lle puxo en vida. Vamos, que foi un home moi importante para Rianxo.

baltar1 baltar2

Na placa, en castelán, pódese ler: “Rianjo, a don Ángel Baltar Cortés, sabio cirujano, honra de Galicia y gloria de España. En testimonio de gratitud por su constante cariño a esta villa. Año de 1929”. Despois explicaremos o motivo exacto desta placa, porque antes queremos falar de Ángel Baltar.

Foi o penúltimo fillo dunha familia acomodada (o pai era farmacéutico e mesmo foi alcalde de Padrón) de oito irmáns e naceu en Padrón, o día 12 de marzo de 1868. Estuda Medicina en Santiago, carreira que acaba en catro anos. Durante un curto período de tempo exerce a docencia, xa que gaña unha praza como profesor axudante de Fisioloxía, aínda que despois é médico rural en Rois, ata que pasa a ser médido no Hospital Real de Santiago de Compostela, onde foi director durante varios anos.

En 1908 inaugura o primeiro sanatorio quirúrxico de Galicia e chega a converterse no “máis prestixioso cirurxián de Galicia da súa época”. Mesmo foi inventor de aparellos médicos como, entre outros, unha pinza de fixación do globo ocular para a operación de cataratas, un aparato dispensador de agua estéril para que os cirurxiáns puidesen lavar as mans ou un gancho para extracción de moedas e doutros corpos estraños.

angelbaltar

Era tamén amigo dos Castelao e dos Dieste. Como aficionado da poesía, publicou poemas adicados á Virxe da Guadalupe, ás xentes da ría de Arousa e mesmo a Castelao. Morre en 1934, mentres realiza unha operación, ao sufrir un derrame cerebral.

Todos estes datos son do doutor Fernando Ponte Hernando (fonte orixinal), quen ademais escribiu o libro Dr. Angel Baltar Cortés (1868-1934) Maestro de cirujanos. Colección Scripta. Ediciones Inéditor, da Coruña.

Non obstante, aínda queda chegar ao motivo polo que foi nomeado fillo predilecto de Rianxo. Ángel Baltar, ademais de ser un gran cirurxián, tamén era un home moi xeneroso, ao que os historiadores locais Xesús Santos e Xosé Comoxo cualifican de “anxo da garda da vila rianxeira” no seu libro Biografía de Arcos Moldes (Rianxo: apuntes dunha vila mariñeira). 1865-1944

Nesta obra podemos ver como Baltar constrúe o seu pazo en Rianxo (si, ese que está ao lado de Tanxil) en 1913 e como axuda economicamente unha e outra vez ao Concello. Así, pon cartos para “a instalación dun novo alumeado público na vila: o eléctrico”. Pero tamén ten un gran comportamento como médico cos veciños na gripe de 1918 e mesmo vai co alcalde a visitar o Gobernador Civil e o Presidente da Deputación para solicitar axudas para distintas actuacións e obras da localidade.

Por todo iso será nomeado fillo adoptivo (1925) e tamén fillo predilecto (1927) de Rianxo. Prestará de novo cartos do seu peto para que se repare parte do camiño a Tanxil, desfeito polas chuvias do inverno de 1927. Finalmente, o Concello decide encargarlle ao escultor Francisco Asorey “una placa de mármore con aplicacións de bronce, que perpetuase o agradecemento do pobo por ese constante labor en favor da vila”. Colócase en 1929 nun acto multitudinario.

Nuco e o Museo de Nós Nuco

24 Mar

Como sabedes, estamos a preparar unha exposición titulada Ruando Rianxo, patrocinada polo Concello, na que buscamos descubrir a nosa localidade a través das súas xentes. E unhas das persoas que terá o seu pequeno oco, é Nuco.

Cando naceu, puxéronlle Robustiano, pero de aí a cousa pasou a Rubustianuco e, finalmente, a Nuco, como o coñece todo o mundo. E para quen non o coñeza, velaquí a súa ficha de presentación: Nuco Losada Romero, nacido en 1945, “un rapaz de Rianxiño, fillo de Antonio e de Flora, que non é de Uruguai nin de Nova York”, pero que non deixa de ser un artista autodidacta cunha gran obra.

nuco2

Para descubrires o seu potencial artístico, só tedes que pasarvos polo seu museo de Rianxiño onde nin tan sequera cobra entrada. Tedes as indicacións postas na entrada de Rianxo (xunto á rotonda do pavo real), aínda que sorprende saber que as tivo que pagar el do seu peto. Porque Nuco quere amosar ao mundo que o que fai tamén é digno, ten calidade e paga a pena. “Teño moita forza e non vou parar“, comenta mentres nos ensina o seu museo. “A min ninguén me axudou nunca”, pero iso non quita que no 2012 entraran a ver as súas esculturas “unhas 900 persoas, de Calanda, de Negreira, de Vilagarcía, de Canarias, ingleses, franceses… que tamén consumiron no concello, así que tampouco custaba nada sinalizar o museo”. Pero non, saíron do seu peto.

O museo de Nós Nuco está feito no baixo da súa casa. Son uns 150 metros cadrados, o que supuxo moitos anos de loita, “recibindo moitos parabéns e alegrías, pero tamén levando moitos paus, sobre todo ao principio”. Trátase dun museo “feito por un home só, que non deixa de ser unha punta de lanza convidando a outros artistas a crearmos unha rede de museos, que podemos”. Nuco mesmo indica que “sería moi bonito que Rianxo fora a terra dos museos“.

nuco3 nuco4

Porque Nuco ten corazón de artista, pero mans de currante. Foi case toda a vida carpinteiro de ribeira e para poder crear tiña que durmir moi pouco. “Téñome deitado ás 3 da mañá e levantado ás 7 para ir ao traballo. Aquí hai moito sacrificio”, confesa. Ao tempo, explica que ese esforzo era visto por moitos como un compartamente pouco habitual, porque “no seu día chamábanme O Loco da Colina. Hoxe en día ninguén o fai, porque o Loco do Colina sabía o que quería”.

De feito, é un home de verbo fluído e de ideas claras. As dúas horas que estamos con el pasan rapidamente. É un pracer poder escoitar as explicacións de cada una das obras que saíron da súa imaxinacións e do seu traballo. Así por exemplo, cando nos amosa unha peza sobre a emigración dinos que el a viviu en persoa, “así que sei o que se sente. É unha dor moi profunda, que che afecta a todo”.

nuco1

E no momento de ver unha escultura sobre a lingua, coméntanos que en ocasións van escolares ao seu museo e lles transmite a idea de que a lingua “está nunha cárcere, porque pensamos en galego pero non o falamos. Cada un é libre de falar a lingua que queira, pero que non pensen que por falar castelán un vai ser máis intelixente, porque a intelixencia é patrimonio de quen a ten“.

Déixovos aquí unha entrevista que lle fixemos a Nuco, para que poidades afondar mellor na súa personalidade e na súa obra. Aínda que o mellor é que vos pasedes directamente polo seu museo, o coñezades en persoa e poidades desfrutar das súas creacións 😉

– A súa primeira escultura foi un deus maorí no Pacífico. Por que esta obra? Como naceu esa idea?
– Nesas datas estaba eu navegando a bordo dun container holandés, eran tempos nos que aínda usaba a pintura como canle de expresión artística. Lembro que quedara sen material para pintar nunha vila moi pequena de nome Maunganui e como me atopaba predisposto a facer algo, ocorréuseme esculpir nun pequeno tronco de madeira de teca un deus Maorí: Marakihao, mítico ser mariño de rostro humano e lingua bífida, coas mans abertas sobre o ventre. Estiven un ano en diferentes vilas e cidades de Nova Zelandia, a palabra “maorí” significa “ común, normal”. A escultura éncheme porque a partir dun debuxo é necesaria unha grande loita contra a materia para chegar a un fin que se poida considerar artístico.

– Antes tamén practicara a pintura, pero non o enchía. Que atopou na escultura que non tiña a pintura?
– A escultura é tridimensional pero tes que traballar catro caras, todas distintas. Podemos dicir que nunha escultura coexisten catro cadros desiguais. Fago escultura porque me gusta e se houbera que nacer para algo, estou seguro que eu nacería para ser escultor. Todo o que fixen na miña vida diferente a iso, en certo modo consíderoo tempo perdido. Sinto paixón polas artes, pintei ao óleo pero a pintura non me acaba de encher, un pasa media vida buscando para o que valer, e cando o atopa dedícase a iso con todas as forzas; eu considérome afortunado porque atopei a miña canle de expresión: a escultura.

nuco5

– Cal é a obra da que se sente máis orgulloso?

– Moi difícil dicir de que obra me sinto máis satisfeito, unhas teñen simbolismo, outras forza expresiva, e outras unha execución superior. Non obstante, iso moitas veces non é suficiente para considerar a unha obra a máis querida. Considerando que eu son o pai de todas elas, por exemplo se un pai ten catro fillos, tres sans e un enfermo, posiblemente o seu cariño máis grande o leve o máis débil, o fillo enfermo; iso e o que me pode pasar a min. Aprezo a todas igual, non quero ciumes aquí dentro, en todo caso prefiro que sexa o espectador quen marque as diferenzas.

– Como é o seu proceso creador? Tarda moito en elaborar cada obra?
– O tempo que me leva facer unha escultura, depende case sempre do meu estado anímico, hai días que os paso dando voltas polos camiños da preguiza, sen ganas, e de repente xa na escurecida ao mellor éntrame unha especie de febre e póñome a traballar ata ben entrada a noite sen saber como me atoparei o día seguinte; difícil tarefa poñerlle data de acabado a unha peza miña.

– Traballa coa pedra, co ferro e coa fibra de vidro. Son materiais moi distintos entre si. Como decidiu cambiar duns a outros? É autodidacta á hora de aprender a traballar estes materiais?
– Ao longo de todos estes anos cambiei varias veces de material. Gústame estudar cada un deles, saber que se lle pode conseguir, e tamén demostrarme a min mesmo que podo facer unha escultura no material que se me antolle. Son autodidacta en todo, a miña universidade non ten teito nin paredes, é a escola da vida.

– O logotipo do seu museo ten unha antena, xa que busca captar calquera cousa que o poida inspirar. Que foi ata o de agora o que máis o inspirou: os libros, a personalidade da xente, a tradición…?
– No meu logotipo destaca unha antena que ten dúas facetas ben distintas: emisora é receptora, as ideas para facer as miñas esculturas proveñen dos feitos que se dan nesta grande obra de teatro que é a vida e tamén do que vexo na natureza.

– Boa parte da súa obra ten unha relación moi estreita con Galicia e con Rianxo. Necesitaba plasmar o que o rodeaba?
– Nun principio sentín a necesidade de plasmar nos meus traballos todo aquilo que me era máis próximo e me falaba da miña terra, nado en Rianxo era moi difícil non facer un percorrido polos persoeiros da literatura, os oficios, a tradición. Xa logo, máis adiante, as miñas esculturas fixéronse máis universais, cosmogónicas.

nuco6

– Cre que moitas veces se confunde o talento e a creatividade coa loucura?
– Non creo que a xente corda confunda talento e creatividade coa loucura, pero aínda que así fora, bendita loucura. Algunhas persoas aprovéitanse da extravagancia para disimular a súa mediocridade e a mellor virtude que pode ter un artista e a sinxeleza, a simplicidade… e obra. O hábito non fai o monxe.

– Como xorde a idea de crear un museo?
– Comecei a facer esculturas e a contalas, o día que non souben cantas tiña díxenme a min mesmo: chegou a hora de ter un museo, eis o Museo de Nós Nuco.

Podedes visitar gratis o Museo de Nós Nuco de luns a sábado de 18.00 a 21.00 horas, ou ben concertar previsamente visita para outros horarios no teléfono 981.86.02.85 ou no correo riodexeixos@hotmail.com

Conferencia de Leontxo García, xornalista e experto en xadrez

19 Mar

O Club Xadrez Rianxo organiza o próximo sábado 23 de marzo as 12:00 horas no Auditorio de Rianxo unha conferencia de primeiro nivel, xa que a imparte o xornalista deportivo e especialista en xadrez Leontxo García.

Baixo o título de “Viaje al fascinante mundo del ajedrez”, Leontxo García nunha viaxe imaxinaria de centos de séculos na histora do xadrez, deterase nos momentos máis importantes deste deporte, dende a súa invención na India ata a súa chegada a España cos musulmáns. Tamen contará as súas vivencias persoais cos mellores xogadores dos últimos 35 anos, como Fischer, Karpov, Kasparov, Anand, Carlsen ou as irmás Polgar.

leontxo_cartel

A conferencia, segundo nos indican dende o Club Xadrez de Rianxo, “está pensada para todos os públicos e, sen subida, é un acto que vai sorprender totalmente a todos os asistentes pola capacidade do conferenciante de atraer a atención dos participantes. Un evento moi ameno e cargado de anécdotas”.

Leontxo García é conferenciante, presentador, comentarista e xornalista especializado en xadrez. Ten a Medalla al Mérito Deportivo, outorgada polo Gobierno español en setembro de 2011, posúe o Premio do Comité de Deportes da URSS, concedido en Leningrado 1986, “pola mellor cobertura do Campeonato do Mundo de Xadrez” e os Premios Nacionais Chessy 2007 e 2011 “á persoa que máis difundiu o xadrez en España”. Ademais, é xornalista en El País onde escribe unha columna diaria e colabora semanalmente con RNE.

Velaquí o podedes ver neste vídeo falando sobre a rivalidade entre Karpov e Kasparov:

Concerto da ANPA do colexio ADR Castelao

16 Mar

No Auditorio, e a cargo da ANPA “OS GUDIÑOS”, do colexio ADR Castelao de Rianxo, tivemos a oportunidade de ver os cativos cantar, tocar a pandeireta e bailar nun auditorio ateigado de xente.

Nun primeiro momento vimos ós nenos e nenas de pandeireta capitaneadas pola súaa profesora Marta, e os cales nos deleitaron cunhas pezas moi xeitosas e divertidas.

Logo tocoulles ós nenos e nenas da escola de baile da ANPA, desta vez capitaneados pola academia El Tomasón de Ribeira, os cales bailaron a ritmo de valse, cumbia, bachata, etc…

Aquí vos deixamos unhas fotos do que foi dando de si a tarde:

ImageImageImageImageImageImageImageImageImageImageImageImageImageImageImageImageImage

Panorámica do porto de Rianxo

16 Mar

Clica enriba da imaxe para vela máis grande:

panoramicaporto2

O trial galego ten o seu maior patrocinador en Rianxo

11 Mar

O pasado sábado 09 de marzal levouse a cabo na vila rianxeira a presentación dun dos equipos máis fortes agora mesmo do trial galego.

O Club Motociclista Teo, presentou a súa “armada” de pilotos trialeiros que este ano agardan acadar o máximo de títulos posibles nas categorías nas que participan.

Pois ben, o acontecemento veu recaer en Rianxo porque o máximo patrocinador deste ano é o TOFFE, o cal, rexentado polo emprendedor David Alcalde Costas se encargará de prover os pilotos de todo o “avituallamento” que fai falla nun longo ano de competicións.

Á presentación asistiron moitos dos pilotos que conforman o clube motociclista como Víctor Pérez, José A. Botana, Javier Neo, J. Carlos Waldomar, Manuel Mella, Alberto Fernández, Luís Piñeiro, Pablo Gontán, Álvaro Pérez, Martín García, Brais Mirón, que competirán dentro do Campionato Galego de Trial. Así mesmo, tamén estiveron arroupados polo presidente do Clube, o longamente coñecido no mundo do trial, Casimiro García.

Image

Ó evento tamén acudiu o alcalde de Rianxo Adolfo Muíños, ó cal tanto David Alcalde como Casimiro García lle estiveron comentando a posibilidade de para o ano 2014 desputar unha proba do campionato galego de trial aquí en Rianxo, e co incomparabel fondo da ría de Arousa de fondo da proba, ó cal o alcalde se comprometeu a valorar o tema e poñer á disposición do clube o posibel para que isto ocorra.

Image

Deixamos unhas fotiños de dous dos pilotos deleitando ó público alí presente con diversas cabriolas á lombos das súas motos.

Image

Image

Resaltar que, a primeira proba do campionato se acaba de celebrar o día 24 de febreiro no Entrimo e na cal os pilotos barbanzáns do clube acadaron bos logros como o Segundo posto de J. Carlos Waldomar, e Javier Neo, que acabou cuarto na categoría TR35.  En TR4 quedaron ás beiras do pódium os pilotos Álvaro Perez e Brais Mirón, que acadaron os postos cuarto e quinto respectivamente nesta categoría.

Deixamos tamén unhas fotos cedidas pola organización nunha proba do campionato.

Image

Image

Agardemos que a conversa mantida entre patrocinador, presidente do clube e alcalde de Rianxo cheguen a bo porto e para o ano poidamos desfrutar no noso concello dunha proba do Campionato Galego de Trial.

Letras Galegas 2013

6 Mar

Acabámonos de enterar que o colexio A.D.R. Castelao de Rianxo acaba de ser premiado polo seu traballo Roberto Vidal Bolaño: autor, actor e público do aquí, que concede a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Resaltar que o colexio é o segundo ano consecutivo que acada este premio

O  concurso correspondente á categoría A (centros de educación infantil e primaria), está dotado cun premio de 2.500 Euros.

Fai clic para acceder a Resolucion_concurso_LetrasGalegas_2013.pdf

¡¡¡Moitísimos parabéns ó equipo de profesorado e alumn@s que traballaron neste proxecto!!!

Sergio Pazos, no Auditorio de Rianxo o día 15 de marzo

6 Mar

sergio

O próximo día 15 de marzo ás 20.30 horas, o actor e humorista galego Sergio Pazos presenta o seu espectáculo “Sé galego, my friend”. As entradas custarán 6€ e pódense mercar na Cafetería Guadalupe e na Casa do Vilar.