Como podemos ler na web do Concello, “comezan en Rianxo as xornadas dedicadas a Castelao que vai a organizar a Real Academia Galega coa colaboración do Concello de Rianxo e do Museo de Pontevedra”. Inícianse hoxe, xoves 16 de outubro ás 20.00 horas no Auditorio de Rianxo e continúan o 21 e o 30 de outubro.
Rianxo perde nunha década un 10% de persoas que sempre falaban galego
14 Out
O noso segue a ser un concello de galegofalantes. Non obstante, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), nunha década Rianxo perdeu máis dun 10% de habitantes que usan o galego como primeira lingua.
Así, mentres no 2001 había un 96,77% de rianxeiros que dicían falar “sempre en galego”, fronte ao 2,18% que o facían “ás veces” e ao 1,04% que non o facían “nunca”, a cousa mudou. No ano 2011 (non sabemos que é o que pasa a día de hoxe) os que se comunican en galego sempre pasaron ser o 85,73%, fronte ao 14,27 que din falalo “non sempre”. O que non me queda claro é porque non se manteñen as opcións de “ás veces” ou “nunca”.
Se falamos dos municipios que están próximos a nós, onde máis baixou a porcentaxe de galegofalantes foi en Boiro. Aí baixaron un 20,89% (do 88,36 ao 67,47%).
En Lousame baixou un 12,89% (do 97,80 ao 84,91%). En Dodro a porcentaxe baixou en 10,73 puntos (do 97,30 ao 86,57%). Pola súa banda, en Padrón é onde menos se fala galego entre maiores de 5 anos. A porcentaxe entre 2001 e 2011 baixou nun 11,37% (do 70,58 ao 59,21%).
Da outra banda da ría, en Catoira a coua baixou en 14,67 puntos (do 84,36 ao 69,69%). Pero onde case non hai galegofalantes a tempo completo é en Vilagarcía, xa que no 2011 declaraban que só o falaban o 24,05% , fronte ao 36,8% da décad anterior.
Cursos de Vai de Roda para o 2014-15
8 Out
Velaquí os cursos que imparte Vai de Roda. Para máis información, podedes contactar co teléfono 654412094 ou co correo vaiderodarianxo@gmail.com
Cartel das festas de Leiro 2014
5 Out
Os días 10, 12 e 12 de outubro celébranse as festas de Leiro na honra da Virxe do Carme (xa se sabe que esta festividade se celebra ao longo de todo ano). Como gran novidade, destacamos ás 12 da noite do venres 10 o pregón a cargo do adestrador de fútbol Fernando Vázquez. Que visto o visto, máis dun o está a botar de menos no Deportivo a día de hoxe.
Un par de horiñas antes comezará na parroquia de Leiro unha gran churrascada. E xusto despois do pregón terá lugar a actuación da orquestra Atenas. Á 1.30 haberá unha queimada gratuíta e sortearse un porquiño.
O sábado 11 será na honra de Santa Bárbara (agardemos que non trone). Ás 12.00 horas celebrarase Leiro Landia, ás 12.30 haberá misa, ás 13.30 festa da escuma, ás 17.00 horas partida de fútbol sala entre solteiros e casados. Ás 22.00 horas comezara a verbena con Triunfo, Marbella e De la Cruz Show.
O domingo 12, na honra do Carme, comezará un pasarrúas ás 10 da mañá da Banda da Escola de Música de Rianxo, actuarán tamén Aires do Río Vello, ás 12.30 misa cantada e procesión, ás 14.00 horas concerto da banda e, pola noite, ás 22.00 horas, comezarán a tocar as orquestras Filadelfia e Aché.
Actividades de Fogo Fatuo para o curso 2014-15
5 OutA Asociación Sociocultural Fogo Fatuo organiza unha serie de cursos que comezaron este mes de outubro. Así, os que o desexen poden aprender a tocar a gaita ou a pandeireta, a bailar, ou ben mellorar na súa aprendizaxe.
Para apuntarse hai que escribir a fogofatuo@fogofatuo.es ou pasar pola rúa do Hospital, 24.
Actividades 2014 da Asociación de Veciños do Araño
5 Out
As actividades que se están a desenvolver durante este curso a Asociación de Veciños do Araño son as seguintes:
- Informática: martes (20-22 h) e venres (17:30-19:30 h) na escola de Buía.
- Bolillos: xoves (15:45-17:45 h) no centro da Capela.
- Bordado: xoves (19-21 h) no centro da Capela.
Zumba: luns e venres (21:30-22:30 h) no centro da Capela. - Taller de memoria: martes (10:30-12 h) na escola de Buía (organizado polo Concello).
- Ximnasia mantemento para os maiores: luns e mércores (9-10 h) no centro da Capela (organizado polo Concello).
Os interesados en asistir ou ben impartir outras activides poden contactar coa Asociación de Veciños no seu facebook.
Sinalización para localizar o patrimonio arqueolóxico en Rianxo
5 Out
A semana pasada, paseando entre o monte de Rianxo e o de Leiro, descubrín con asombro que ao lado dos camiños puxeron carteis indicativos de que preto hai petróglifos ou mámoas. Ata o de agora, os únicos carteis que podíamos atopar estaban a carón das estradas e, despois, alá te mataras no monte. Dende a Alcaldía, explícannos que foi unha acción de “Arousa Norte coa indicación do Concello”, e que sinalizará un roteiro arqueolóxico.
Camiñata ata o Pazón Bastón do Araño (2014)
4 OutO pasado domingo 28 de setembro, a Asociación de Veciños do Araño (a única que existe en Rianxo), organizou por cuarto ano consecutivo unha camiñata ata o pozo Bastón de Buía. Ao final, xuntáronse preto de 50 persoas, polo que ano a ano vai collendo pulo a iniciativa. Saíuse pasadas as 9.20 da mañá, xunto ao hórreo máis longo do mundo, e chegouse á fervenza a iso das 11.10 horas. Aquí deixamos unhas fotos do que deu de si a mañá, pero tedes moita máis en Rabunho Rexeita, co avituallamento e todo.







