Arquivo | política RSS feed for this section

O actual panorama político en Rianxo

24 Mai

Vou intentar facer unha análise totalmente obxectiva do panorama que se debuxa tras os resultados das eleccións municipais en Rianxo. A día de hoxe só hai dúas cousas claras, que teremos unha alcaldesa do PP ou un alcalde do BNG e que semella que o PSOE non está moi pola labor de pactar co Bloque.

O panorama para o PP en Rianxo:

1. Se logra gobernar terá por diante catro anos en minoría (6 concelleiros fronte a 11 da oposición) bastante duros. O que está claro é que se non se levan adiante proxectos e traballos ao pobo de Rianxo isto non o vai pasar por alto e supoño que sairán perdendo os partidos que boicoteen porque si (simplemente por desestabilizar). A vantaxe que teñen é que o PP está na Xunta, así que supoño que (xa sabemos como van estas cousas) algo tirarían para Rianxo.

2. Se non goberna está claro que teñen en Vanessa Martínez a unha candidata para o futuro. O PP rianxeiro necesita unha certa estabilidade despois de tanto cambio no liderado do partido, e nela teñen unha persoa moza e con ganas.

O panorama para o PSOE en Rianxo:

1. Se non apoia ao BNG creo que unha parte do electorado progresista non llo perdonaría ao PSOE e sairía castigado nas próximas eleccións. Hai que pensar que unha parte dos votos que perderon os socialistas foi para a formación frontista, mentres que outra foi para o PP.

2. Se apoia ao BNG e este o fai bastante ben no goberno, o PSOE podería quedar en segundo plano  gañando máis forza en Rianxo o Bloque.

3. Carlos Gey é para moitos un gran descoñecido, polo que durante os próximos anos debería traballar publicamente (non dende un despacho), dar ideas e tirar para adiante con propostas e iniciativas a prol de Rianxo.

O panorama para o BNG en Rianxo:

1. Se conta co apoio do PSOE para gobernar por diante terá catro anos duros. As arcas municipais, polo visto, están baleiras e non dan para moito. Como vantaxe tería o apoio dos socialistas para sacar adiante proxectos e como desvantaxe que na Xunta non hai un goberno afín (aínda que isto tampouco importou en concellos como Pontevedra, Carballo ou Teo).

2. Se non conta co apoio do PSOE e queda na oposición, o Bloque tamén ten en Adolfo Muíños un candidato de futuro. Demostrou o seu traballo na oposición durante estes anos e manéxase moi ben nas distancias curtas, algo moi importante para os votantes.

Vamos, que o panorama é moi complexo. Quen peor o ten e quen máis ten que demostrar agora en Rianxo é o PSOE, mentres que o PP e o BNG son as forzas emerxentes. Goberne quen goberne, o que nos importa sempre aos cidadáns é que se nos escoite, que vexamos traballo, esforzo e moitas ganas.

E ti, como ves o panorama? Será a próxima alcaldesa Vanessa Martínez? Ou ben Adolfo Muíños?

Resultados das municipais en Rianxo: cambio de tendencia

22 Mai

Estes son os resultados das eleccións municipais en Rianxo co 100% dos votos escrutados:

PP: 2.439 votos (36,11%) e 6 concelleiros
BNG: 2.146 votos (31,77%) e 6 concelleiros
PSOE: 2.030 votos (30,05%) e 5 concelleiros

Como podedes ver, cambiou completamente o escenario no noso Concello, onde sempre gobernou con maioría absoluta o PSOE e desta vez é o partido menos votado. Velaquí os resultados no 2007:

PSOE: 3.540 votos (49,73%) e 9 concelleiros
BNG: 1.737 votos (24,4%) e 4 concelleiros
PP: 1.725 votos (24,23%) e 4 concelleiros

O dito, todo un cambio xa que o partido que gañou tradicionalmente en Rianxo non o fará nos próximos catro anos. Agora cabe preguntarse que vai pasar, porque caben dúas opcións:

1. Que goberne o PP, con Vanessa Martínez á cabeza, en minoría
2. Que goberno o BNG, con Adolfo Muíños á cabeza, a través dun pacto co PSOE

Supoño que para a próxima semana se irá aclarando un pouco o panorama e veremos se hai unha aproximación entre os partidos de esquerda ou se o Partido Popular colle o mando da alcaldía con minoría. Dende aquí agardamos que sexa quen sexa o próximo alcalde pense nos veciños, esqueza os personalismos e traballe porque o Concello vaia para arriba.

Por certo, ¿sorprendéronvos os resultados?

Entrevista a Vanessa Martínez, candidata á alcaldía de Rianxo polo PP

11 Mai

19.30 horas do domigo. Aparco o coche a 10 metros do Pontella. Na beirarrúa hai ducias de persoas charlando, seguramente comentando o mitin que o PP ofreceu hora e media antes e no que estivo Alfonso Rueda, o secretario xeral do PPdeG. Vexo a Vanessa de lonxe e decido achegarme. Está falando con alguén e, ao verme, xíranse. Decido presentarme (xa acordaramos a entrevista por correo) e imos a un reservado do restaurante. De fondo xoga Nadal con Djokovic polo que, mentres acendo a gravadora, sinto un deja vú. Velaquí case a práctica totalidade da entrevista.

Seguir lendo

Entrevista a Adolfo Muíños, candidato á alcaldía de Rianxo polo BNG

8 Mai

16.02 minutos da tarde. Miro dentro do Memphis e Adolfo aínda non chegou. Por primeira vez non me retraso a unha cita. Sesenta segundos máis tarde véxoo aparecer pola rúa, saudámonos por primeira vez e entramos para tomar un café mentres fago a entrevista. Descafeinado de sobre para min e un cortado para el. Pregúntolle pola campaña mentres saco a gravadora e o caderno coas preguntas. De fondo, no bar, escóitase a narración dun partido de tenis. Creo que xoga Nadal. Máis alá, no pazo de Martelo, chegan os sons de gaitas e pandeiretas. Comezamos a entrevista que paso a transcribir na súa práctica totalidade (sei que é longa, pero intento reflectir todo o que se me dixo).

Seguir lendo

Que lle preguntarías aos candidatos á alcaldía de Rianxo?

25 Abr

Dende este blog imos entrevistar a dous dos candidatos á alcadía de Rianxo, á candidata polo PP, Vanessa Martínez, e ao candidado polo BNG, Adolfo Muíños. De momento do PSOE non tivemos resposta.

Se che gustaría facerlle algunha pregunta en concreto aos candidatos, envíame un correo a  oscar.reboiras@gmail.com

Por favor, ante todo respecto e boas formas.