Arquivo | política RSS feed for this section

Como non usar as redes sociais

10 Feb

Hai tempo publiquei un post sobre como usan os políticos rianxeiros as redes sociais. Salvo cousas mellorables creo que en xeral se avanzou (agás no caso do PSOE de Rianxo, que non fai nada).

Pero ben, hoxe tócame comentar un exemplo do que (ao meu entender, porque todo é subxectivo) non é adecuado. Creo que os políticos deberan actuar sempre con respecto e que as redes sociais se deben usar para para fomentar a participación da cidadanía, para que nos conten o que pasa nos plenos de Rianxo, para que se fiscalice tamén o que acontece no Concello, para que se reciban as ideas e as queixas dos veciños, etc., pero non para isto 😦

O blog en datos durante o 2011

2 Xan

Por se lle queredes botar un ollo ás estatísticas deste blog durante o ano pasado 🙂

https://fotosderianxo.com/2011/annual-report

Como usan os políticos rianxeiros as redes sociais?

24 Dec

Dende hai uns meses levaba con ganas de facer un post especial para fin de ano, así que hoxe, como teño tempo, decidinme a falar de como usan os políticos rianxeiros as redes sociais.

BNG: En primeiro lugar teño que falar do partido que ten a alcaldía, do BNG, que era tamén o que máis se movía nisto das redes sociais, xa que teñen un blog (http://bngrianxo.blogaliza.org) e durante a campaña electoral colgaron moitos vídeos en Youtube.

Ben, ía darlles un tirón de orellas aos do BNG porque dende as eleccións tiñan o seu blog abandonado, e mesmo preguntas sen responder no post no que se agradecía aos veciños a confianza ante os resultados electorais. Hoxe, para a miña sorpresa, descubro que de novo a súa bitácora volve estar activa. En concreto dende o 10 de decembro volve haber entradas, pero pasaron máis de seis meses. Un erro no que adoitan caer moitos políticos é en usar as redes sociais para a campaña e, unha vez rematada esta ou conseguido o poder, deixar de lado ferramentas que antes usaban moito, como neste caso o blog.

Se dende o BNG non queren mesturar o blog do partido co que sería o de Adolfo Muíños, o noso consello é que tomen exemplo doutros alcaldes da zona, como Rafael García, o de Noia, que ten un blog propio no que fala dos asuntos do seu concello. Moitos non seguimos día a día as cousas de Rianxo polos medios de comunicación, así que estaría ben ter un lugar onde ver esa información e ter distintos puntos de vista. Por exemplo, xa se está a traballar no PXOM e eu non vin nas redes sociais do BNG ningunha información deste tipo. Tamén sei que están participando cada vez máis persoas nos plenos do concello, pero esas noticias non quero velas só en La Voz de Galicia, senón que me gustaría que proactivamente se difundise e se informase aos veciños de cando é un pleno, das cuestións que se van tratar, etc. e para están tamén os blogs, o Facebook ou o Twitter.

Noutra orde de cousas, a nivel de estilo, diríalles que non usasen as maiúsculas porque en internet iso é como berrar e non está ben visto.

Por outra banda, en canto ao Facebook, o BNG de Rianxo ten un perfil creado (con máis de 400 amigos) e Adolfo Muíños tamén ten o seu (con máis de 600 amigos). Nos dous casos o perfil está aberto, é público e pódese ver o que se escribe sen necesidade de ser amigos, o cal é de agradecer. Iso si, o partidos políticos, organizacións, institucións e demais non deben crear un perfil de tipo persoal, senón que deben crear unha páxina. Do contrario corren o risco de que Facebook lles elimine o perfil.

De novo boto en falta información de cara aos cidadáns de Rianxo que poidan ser interesantes. É certo que se difunden moitas actividades culturais, pero pouco máis. Igual non o vin eu, pero de novo nada do PXOM nin doutras cousas prioritarias para o Concello.

Por último, sinalar que Adolfo Muíños ten conta no Twitter (uns 100 seguidores):

Salta xa á vista que o seu perfil non está actualizado, xa que indica que é candidato á alcaldía cando realmente é o alcalde. De novo vexo información sobre actos institucionais e actos culturais do Concello, pero poucas cousas centradas noutros temas. Por exemplo, o 12 de maio falaba de que había que recuperar o servizo de ambulancias para Rianxo. Ese é o tipo de temas que boto en falta, que se fale das xestións dende a alcaldía ou dende as concellerías que propician melloras para Rianxo.

– Partido Popular: sinceramente, creo que é o partido que máis está aprendendo disto. Así como o BNG era o avanzado da clase e ultimamente estaba frouxo, o PP soubo posicionarse e ir collendo o seu sitio. De feito, en Rianxo hai dous ou tres anos moita xente non sabía nin quen era o líder deste partido e pouco se sabía das súas xestións. A pesar de que Vanessa xa viu que isto das redes sociais non é doado e que a xente moitas veces non fai críticas construtitivas, senón que van a facer dano, continúan facendo cousiñas, pero sen asesoramento.

En primeiro lugar, teñen unha páxina web http://www.ppderianxo.com que nas eleccións non estaba actualizada, pero que agora si que o está.

A imaxe, certamente, na campaña das municipais non era a mellor. Eu creo que xa postos, antes que sacar algo mal é mellor non sacar nada porque a imaxe que se dá de cara á xente é negativa. Se algo teu o sacas tarde, mal e a rastro, que farás noutro sitio, como na alcaldía? Agora a cousa está ben, e mesmo podemos atopar noticias sobre a súa actividade no concello, preguntas e respostas dos plenos. Vamos, que é interesante: http://www.ppderianxo.com/inicio_2879697.html

Iso si, tamén teñen “páxinas en creación” como o programa por parroquias. Xa postos, como realmente non se van crear porque xa pasaron as eleccións, eu recomendaría eliminar esas páxinas: http://www.ppderianxo.com/arano_2897568.html

Tamén recomendaría, que se non teñen canle en Youtube ou en Twitter, que non indiquen nada, porque certamente é algo que queda mal. Mesmo aparecen cousas que se supón que son do informático, con anotacións en castelán: “Vanesa Martínez en Twitter (hacer enlace)”: http://www.ppderianxo.com/siguenos_2890141.html

En canto ao Facebook, o partido ten un perfil público (máis de 600 amigos) e Vanessa Martínez ten un perfil que é privado (polo que non podemos ver que tipo de contidos publica). De novo é un erro ter un perfil para un partido político. O normal é ter unha páxina xa que non se trata de persoas. E as páxinas non teñen amigos, senón seguidores ou fans que saben que ninguén “en abstracto” lles vai cotillear nos seus perfís persoais. O Facebook permite cambiar un perfil persoal nunha páxina dun xeito moi doado, e sería recomendable que o fixesen.

De novo, ao igual que no caso do BNG, abusan das maiúsculas, algo que está mal visto na internet. Simplemente hai que escribir normal, porque poñer todo en maiúsculas interpréstase como berrar. Outra cousa que me chocou é que case todo o poñen en castelán. Realmente se se queren dirixir aos seus votantes de Rianxo, deberían ter claro que case todos falamos en galego e eles tamén participan nos plenos na nosa lingua, así que é un tanto contraditorio.

 

Por outra banda, inclúen moitas novas relacionadas co que pasa no Concello, como a inauguración da depuradora de Leiro e ligan tamén todas aquelas noticias que saen nos medios de comunicación nas que directamente se fale deles ou dalgún tema no que participan. Antes case non saían nos medios pero agora teñen claro que é importante que a súa actividade tamén teña reflexo na prensa como oposición forte. Creo que é algo acertado, como fixo o BNG no seu día. É importante ter unha alcaldía que faga cousas, pero tamén é importante ter unha oposición centrada, que controle o que se fai, que denuncie o malo e que faga poñerse as pilas ao goberno municipal.

Ah, case me esquezo de dicir, que as Novas Xeracións do PP de Rianxo tamén teñen perfil no Facebook, pero tamén privado 😦

PSOE: do Partido Socialista de Rianxo pouco hai que dicir, porque non debeu descubrir que é isto das redes sociais. Actualizou a súa web días antes das eleccións municipais (ata o feito que se podía ver a Pérez Touriño no encabezamento da mesma, cando xa había máis de dous anos que non era Presidente da Xunta) e aí quedou a cousa: http://www.psoe-rianxo.org/

Vamos, que só se preocuparon un pouco de cara ás eleccións e, dende aquela, nada de nada. Non hai información do que fan no Concello, non teñen blog, nin Facebook, nin Twitter (cando menos eu non atopei nada).

Resumindo: tirón de orellas ao BNG por baixar o nivel nos últimos meses e falta de información directa do que se fai no Concello, aprobado para o PP que comeza a informar máis e mellor de todo o relacionado coa súa formación, aínda que con fallos, e suspenso para o PSOE porque non existe no mundo dixital.

Resultados das eleccións xerais en Rianxo

20 Nov

Velaquí tedes o resultado das eleccións xerais unicamente no concello de Rianxo:


Actualización: e aquí tedes a comparativa con respecto ás anteriores xerais, ás do 2008.

Para contextualizar estes resultados, en primeiro lugar hai que sinalar que baixou a participación, xa que no 2008 foi do 78,02%, mentres que este ano foi do 71,78%. Así, mentres hai tres anos e pico votaron 7.665 persoas no concello, este ano fixérono 7.077, é dicir, que houbo 588 votos menos.

A abstención neste caso (porque sempre pode variar o censo electoral por morte dalgún veciño, porque cambio de residencia a outro concello ou ben porque se recibe poboación) foi de 2.791 electores, cando no 2008 foron 2.159 as persoas que non exerceron o seu dereito a votar (632 persoas menos que no 2008, o que case coincide cos votos de menos que houbo).

Aumentou nun punto o voto nulo (126 e o 1,78% dos sufraxios emitidos) e en case medio punto o voto en braco (79 papeletas e 1,14% do total).

Pero vaiamos aos grandes datos. O Partido Popular obtivo os seus mellores resultados no concello de Rianxo. A pesar de que baixaron as persoas que votaron, o PP conseguiu 308 votos máis. E tamén aumentou a súa porcentaxe, do 37,51% ao 45,57% (é dicir, a case catro puntos de ter a metade dos votos do concello). Vamos, que os populares arrasaron e seguen na súa liña ascendente a nivel electoral na nosa localidade.

A formación máis votada nas anteriores eleccións, co 40,99% dos votos e 3.117 papeletas, o PSOE, pasou desta vez a ter 2.008 sufraxios (1.109 menos) e o 28,88% de todas as papeletas. Vamos, que o resultado non podía ser peor. Cremos que moitos dos seus simpatizantes desta vez optaron por non ir votar (de aí que baixase a participación), ben tiraron directamente para o PP (o voto de centro que se adoita chamar, e que vai fluctuando, e que explica tamén a subida dos populares no concello, ante o gran descontento pola xestión da crise por parte do PSOE) ou destinaron o seu voto a Esquerda Unida (con 178 votos consegue 112 máis que no 2008) ou UPyD (sube de 13 a 40 votos).

Con respecto ao BNG, os frontistas pódese dicir que levan unha de cal e unha de area. É dicir, perden 48 votos (baixan de 1.449 a 1.401), pero suben un punto a súa porcentaxe de votos con respecto ao 2008 ao pasar do 19,05% ao 20,15% de todos os sufraxios do concello. Realmente non é que sexa algo para botar foguetes tendo en conta que se trata da formación de referencia agora en Rianxo ao ter a alcaldía, pero tampouco son cifras para preocuparse (aínda que está claro que o PP será un duro rival a batir a nivel local, xa que non se sabe onde vai rematar a súa progresión).

En definitiva, o PP gañou con rotundidade (foron 300 votos máis, pero tendo en conta que baixou a participación no concello está moi ben); o PSOE perdeu máis dun milleiro de votos, así que foi unha gran debacle para un concello historicamente socialista (continúa a liña descendente iniciada dende as locais, se agora sen un referente claro, como era Pedro Piñeiro), e o BNG máis ou menos mantense, polo que hai unha certa incertidume do que poida pasar de cara ao futuro (entendemos que todo dependerá das decisións que se tomen dende o Concello, do que se faga en Rianxo e das tensións BNG-PP, ou Adolfo Muíños-Vanessa Martínez).

Canto cobra o alcalde de Rianxo?

11 Xul

Creo que unha das curiosidades que temos todos os veciños é saber canto gaña o alcalde do noso Concello. Pois ben, segundo vexo nunha información publicada en El Correo Gallego, Adolfo Muíños cobrará 41.000 euros brutos. Pola súa banda, o tenente de alcalde, Carlos Gey, gañará 36.900 euros brutos ao ano.

O certo é que non sei cando gañaba antes Pedro Piñeiro, polo que non sei se é o mesmo soldo, se o baixou ou se o subíu. Non obstante, na mesma nova de El Correo Gallego aparecen os soldos dos outros alcaldes do Barbanza:

  • Ribeira: Manuel Ruiz cobrará 56.000 euros brutos
  • Boiro: Juan José Dieste cobrará 55.876 euros brutos
  • A Pobra do Caramiñal: Isaac Maceiras cobrará 48.143 euros brutos
Que che parecen estes soldos? Tes idea de canto cobraba antes Pedro Piñeiro?

 

Adolfo Muíños Sánchez, o novo alcalde de Rianxo, coméntanos as súas impresións sobre a nova situación política en Rianxo

26 Xuñ

– Que vos pareceron os resultados das eleccións en Rianxo?
– Os resultados das eleccións foron moi sorpresivos para nós, posto que agardábamos desde o BNG de Rianxo unha suba de votos polo traballo realizado desde a oposición, pero non debuxar un panorama onde o BNG superase ao PSOE en votos e concelleiros. De todos os xeitos, cómpre lembrar que as diferenzas entre todos os grupos non van máis alá de 400 votos, polo que estamos diante dunha moi apertada e equilibrada votación.

– Que cres que pasou para que o PSOE pasase de ter maioría absoluta a ser a forza menos votada?
– Penso en varios factores, non nun só elemento. É evidente un cansazo na xente e o esgotamento da fórmula da maioría absoluta en Rianxo destes 32 anos, que deu nun último mandato anémico. Isto si que se vía chegar. Xunto a isto a retirada dun alcalde emblemático que xuntaba votos non ligados estritamente ao partido e que, desta volta, liberados, marcharon, principalmente ao PP e, en menor medida, ao BNG. En terceiro lugar a onda que se formou no mar do Estado chegou tamén a Rianxo, castigando a Zapatero no lombo do PSOE local. Esas tres situacións negativas para o PSOE concorreron desta volta.

– E para que o PP fose o partido con máis apoios?
– Na última clave dita, o PP beneficiase dunha vaga xeral de apoios a Rajoy e contra o actual goberno do Estado. Sen esquecer, ollo, que o PP viña colleitando nalgunhas autonómicas en Rianxo un apoio similar ao acadado nestas eleccións. O que logrou foi conseguir mobilizalo tamén para as municipais, algo que se lle escapaba e en maio acertou.

– Durante estes últimos días especulouse moito co acordo entre BNG e PSOE, mesmo que era moi difícil. Realmente se partiu dunha situación complicada para chegar a un entendemento?
– Era difícil pois partíamos dunhas declaracións na noite das eleccións nas que se manifestaba por parte do PSOE a vontade de ir á oposición e deixar gobernar ao Partido Popular. Imaxino que é moi duro perder unha alcaldía como Rianxo despois de tantos anos! Fronte á miña chamada inmediata nos medios ao diálogo para estabelecer unha alternativa local ao PP, o PSOE sinalaba o seu destino na oposición. Até despois dunha semana non se produciu ningún achegamento. Logo si que, con sinceridade, foi máis doado ao descubrirmos máis puntos de encontro na negociación: austeridade e equilibrio financeiro, buscar maior transparencia e racionalidade, formar un equipo único, non unha bicefalia.

– Sorprende que tendo máis edís o BNG haxa un reparto equilibrado de concellarías.
– As diferenzas son mínimas entre os tres grupos tanto en votos como concelleiros/as. O BNG non pretendía gañar na negociación o que xa veu expresado nas eleccións, senón buscar estabilidade dentro dun equipo de goberno coa alcaldía do BNG. Acadar unha maioría suficiente para sacar adiante con solvencia proxectos que Rianxo precisa: ese era o obxectivo da negociación. Ir negociar co desexo de machacar ao contrario, ese non é nin o meu estilo, ni sería positivo para un goberno unido a catro anos, onde a gobernabilidade do Concello era o que se buscaba e estar cómodos e con confianza uns e outros.

– No voso blog unha persoa comenta que se sente decepcionada porque claudicastes ás esixencias do PSOE, que foron os perdedores destas eleccións. Que lles dirías aos que, coma el, cren que se cedeu en exceso ante os socialistas?
– Un goberno en minoría de seis edís contra once era a alternativa? Coa situación actual de asfixia e anemia das arcas municipais e o panorama global nas demais institucións pensamos que o camiño era este: unha maioría para garantir a gobernabilidade e os votos necesarios en cada votación plenaria. Eu non podería permitir tampouco un goberno do PP en Rianxo. Mentras teña forza abondo. Polo tanto, as claudicacións non foron tales, pois conseguimos o que buscábamos: ter un alcalde do BNG nun dos concellos máis emblemáticos do País. Se alguén valora menos este obxectivo que ceder parcelas de poder ou centrarse en que non lle gusta o candidato do PSOE, síntoo, pero buscábamos cousas diferentes. O tempo dirá quen erraba.

– Cales serán os grandes retos do voso goberno nestes catro anos?
– Conseguir unha boa ocupación do polígono empresarial, completar a rede de equipamentos de benestar (centro de día), impulsar o saneamento e abastecemento das parroquias e unha depuradora acorde á poboación actual e futura, poñernos ao día nas ferramentas urbanísticas cun Plan Xeral, mellorar a xestión dos equipamentos que temos, abrir canles para a participación veciñal… Son algúns dos grandes obxectivos e que darían novo pulo ao noso municipio e xerarían outro estado de ilusión e ánimo na xente.

– Partides dunha difícil situación económica na alcaldía. Como pensades paliar esta carencia?
– Sendo austeros nos gastos superfluos e eficaces na xestión dos ingresos. Acabamos xa de reducir os custes globais das dedicacións exclusivas, prescindimos de figuras de gabinete e eventual. Pero son poucas, aínda que moi simbólicas en comparación con mellorar o control dos ingresos, que todo o mundo con obrigas as pague. Na medida en que se ocupe o parque empresarial tamén se ingresará máis en impostos. O PXOM é unha aposta a medio prazo por abrir posibilidades de desenvolvemento urbanístico que redundará tamén en beneficios colectivos.
E a outra medida será a peregrinaxe que iniciarei axiña consellería a consellería, na Deputación da Coruña, nos Ministerios, cos proxectos de Rianxo baixo o brazo para acadar o financiamento preciso. Agora ben, penso que de equipamentos estamos ben (agás rematar varios pendentes incompletos e o mencionado centro de día), o que nos faltan son recursos humanos e económicos para optimizar os que temos.

– Que tal foron estes primeiros días á fronte da alcaldía?
– Duros. Hai moito que aprender en pouco tempo para coller axiña ao temón. Enfrontarse á situación económica e ás carencias laborais e ás necesidades dos teus veciños non é agradábel, ao non estar na túa man inmediata poder resolvelas. Vin xa moitos problemas veciñais enquistados desde hai tempo de difícil encaixe. Mais agora, coa entrada dos concelleiros das áreas e confeccionado o equipo de traballo, agardamos ir dando os pasos precisos para acadar mellor benestar para as nosas xentes, dentro do marco global e da situación que herdamos, que nos obrigará a ser lentos nos avances.

Vanessa Martínez, a voceira do PP en Rianxo, coméntanos as súas impresións sobre a situación política en Rianxo

11 Xuñ

Hoxe houbo cambio de goberno en Rianxo, recaendo o bastón da Alcaldía no BNG tras un acordo co PSOE. Dende este blog contactamos con Vanessa Martínez, voceira do PP en Rianxo (a lista máis votada nas eleccións), para que valorase os resultados das eleccións e tamén a nova situación política en Rianxo.

– Como valoras o resultado das eleccións en Rianxo? Sorprendeuvos o resultado do PP?
O pobo por fin, perdeu o medo. Despois de estar gobernando o mesmo partido durante toda a democracia e tantos anos o mesmo alcalde, estas eleccións marcarán un antes e un despois en Rianxo. O Partido Popular recolleu novos votos polo castigo que recibiu o PSOE e que os rianxeiros decidiron darnos como premio a 4 anos de traballo, dunha oposición seria e rigorosa e dunha fiscalización minuciosa ao equipo de goberno.

– Que cres que aconteceu en Rianxo para que o PSOE pasase de ter maioría absoluta a ser a forza menos votada?
Unha deixadez total por parte do alcalde e do candidato que levaban, que era unha continuación del. Polo tanto, o descontento que había, foi reflectido polo pobo nas urnas.

– Que opinión che merece o pacto de goberno entre o BNG e o PSOE?
O afán do BNG pola alcaldía levouno a facer un pacto, que si é o que se di a prensa, nos deixa como estabamos. É a mesma escoba pero con diferente pau… E dicir, o Sr. Muíños dedicouse a criticar as contas do Concello durante 4 anos e á persoa que as levaba, e agora dálle esa concellalía a el. E por parte do PSOE, que vou dicir… dous días despois do resultado das eleccións din nos medios de comunicación que eles van a estar onde os puxo o pobo, que é na oposición, e agora desdinse a cambio do poder. Xogaron con Rianxo e cos rianxeiros. O BNG fai unha lectura errónea das eleccións dicindo que Rianxo votou a esquerda claramente, iso é relativamente certo pero porque en Rianxo se presentaron dous partidos de esquerdas e un de dereitas. Esa lectura só se pode facer se se presentasen o mesmo número de partidos coa mesma ideoloxía. Está demostrado que en Rianxo van a gobernar os perdedores, porque así o reflectiron as urnas.

– En algúns círculos comentábase que en caso de que o PP gobernase en minoría existía o risco de que sufrise unha moción de censura nun período de dous anos. Chegouvos isto a vós? Este feito era motivo de preocupación?
Era unha preocupación que tiñamos, que en canto trouxésemos proxectos da Xunta de Galicia, que se nos fixese unha moción para rematar eles a lexislatura. Pero tampouco era unha cousa que nos sacase o sono, porque nós o que queremos e que o pobo sexa o gran favorecido, goberne quen goberne.

– Cales serán os obxectivos do PP en Rianxo nestes próximos catro anos?
Facer unha oposición rigorosa, fiscalizando ao equipo de goberno minuciosamente. Imos estar ao lado dos veciños, dos que nos votaron e dos que non. Os intereses do Partido Popular, son os de todos os rianxeiros, que Rianxo estea no lugar que se merece e non no vagón de cola.

– Antes de facerse público o pacto entre o BNG e o PSOE, criades na posibilidade de que tiñades opcións de gobernar aínda que fose en minoría?
Si e non. Creemos que o que nos merecíamos era gobernar en minoría, como ben dixo o pobo. Pero sabendo das ansias de goberno que tiña o BNG sabiamos que accederían a calquera proposta que lles propuxesen dende o PSOE. A pesar de que nós non tivemos ningún tipo de contacto co PSOE, sabiamos que eles si querían pactar con nós, porque así nolo fixeron saber. Nós mantivémonos na postura que sempre dixemos de non pactar con ninguén, pero no caso de ter algunha toma de contacto co PSOE, isto custaríalle moi caro ao pobo de Rianxo porque o BNG ía acceder ao que fixese falta para pactar co PSOE, con tal de obter a alcaldía. O que si nos gustaría sería gobernar en minoría e con acordos puntuais co BNG, pero a eles non lles interesaba.

Adolfo Muíños é o novo alcalde de Rianxo

11 Xuñ

Resultados das eleccións municipais en Rianxo por parroquias

28 Mai

Un dos lectores deste blog (ao que lle agradezo publicamente o xesto) envioume o detalle dos votos nas eleccións municipais de Rianxo por parroquias.

En primeiro lugar lugar o que podemos ver é que o PP foi o parido máis votado no Araño (seguramente tivo moito que ver o traballo destes últimos anos da súa número tres, Nieves), en Isorna (practicamente dobrando en votos ao PSOE e ao BNG), en Leiro e en Taragoña (a candidata á alcaldía, Vanessa Martínez, é desa parroquia, polo que era algo bastante esperable).

Pola súa banda o BNG foi o máis votado en Asados (tres votos máis ca o PSOE, pero gañándolle a Carlos Gey na súa propia parroquia) e tamén en Rianxo (o candidato á alcadía, Adolfo Muíños, está moi vencellado a nivel cultural coas asociacións do lugar).

O PSOE vemos que non foi o máis votado en ningures e como moito puídose conformar con ser o segundo con máis papeletas no Araño, en Isorna, en Leiro e en Taragoña (pero en moitos destes lugares con poucas papeletas de diferenza).

Vemos que hai bastante polarización por parroquias entre os partidos máis votados. Así, no Araño o PP ten 176 votos máis ca o BNG, en Isorna esa cifra chega aos 212, en Leiro aos 46 e en Taragoña ao 95. Vemos que nas parroquias do rural é onde máis forza ten o Partido Popular (seguramente tamén se sente as máis esquecidas polo Concello) e tamén en Taragoña porque Vanessa é dalí.

Non obstante, no centro urbano é onde o BNG se perfila como o partido máis forte e onde logrou recurtar parte da desvantaxe fronte aos populares  noutros lugares: en Rianxo tivo 168 votos máis.

Algunhas reflexións sobre as eleccións en Rianxo

25 Mai

Vexamos os resultados das eleccións deste 2011:

9.898 veciños podían votar, dos cales o fixeron 6.873 (69,44%) e se abstiveron 3.025 (30,58%).

PP: 2.439 votos (36,11%) e 6 concelleiros
BNG: 2.146 votos (31,77%) e 6 concelleiros
PSOE: 2.030 votos (30,05%) e 5 concelleiros
Votos en branco: 118 (1,72%)
Votos nulos: 140 (2,07%)

Resultados das eleccións no 2007:

11.271 veciños podían votar, dos cales o fixeron 7.185 (63,75%) e se abstiveron 4.086 (36,25%).

PP: 1.725 votos (24,25%) e 4 concelleiros
BNG: 1.737 votos (24,42%) e 4 concelleiros
PSOE: 3.540 votos (49,76%) e 9 concelleiros
Votos en branco: 112 (1,57%)
Votos nulos: 71 (0,99%)

En primeiro lugar o que me chama poderosamente a atención é o moito que baixou de hai catro anos para aquí o censo electoral. En total en 1.373 persoas, o que pode indicar que Rianxo está perdendo bastante poboación, seguramente cara outros concellos onde a vivenda está máis barata (sei de moitos que marcharon para Boiro) ou ben a outros onde poden atopar traballo (un servidor é o exemplo).

Así que aínda que a participación aumentase en 5,69 puntos, esta é relativa porque o número de veciños (as cifras absolutas), son inferiores a hai catro anos, en concreto houbo 312 votos menos. De todo os xeitos, a participación media nacional foi do 66,23%, polo que en Rianxo estamos un pouco por riba.

Outro dato que me choca é que aumentase a porcentaxe e votos branco e nulos (sobre todo estes últimos dobráronse). A porcentaxe total pasou do 2,56% ao 3,79%, o que evidencia que aumentaron os que non están contentos nin se senten identificados con ningunha das formacións que se presentaron.

Vendo os resultados dos partidos a conclusión clara é que suben PP e BNG mentras baixa estrepitosamente o PSOE. En concreto, os socialistas perden 1.510 votos, é dicir, que 4 de cada 10 persoas que no 2007 votou polo PSOE cambiou o seu voto.

Pola súa banda o BNG gaña 409 votos e o PP aumenta en 714 os seus votantes. Estes últimos, os populares, subiron nun 41,39% as súas papeletas mentres que os frontistas fixeron o propio nun 23,54% con respecto ao 2007. Isto demostra que a maior parte dos votos que perdeu o PSOE foron parar ao PP e seguramente terá moito que ver nisto o efecto Zapatero e o desgaste que teñen a nivel nacional os socialistas.

Realmente houbo unha inversión total de papeis (o PP pasou de ser o menos votado ao máis votado e o PSOE de ter maioría absoluta converteuse na formación con menos apoio), pero ningunha formación demostrou inclinar en demasía a balanza dos rianxeiros, porque ao final houbo un reparto de concelleiros bastante igualado: 6, 6 e 5, o que complica as cousas para formar un goberno estable e sen sobresaltos (ben porque o PP leve a alcaldía en minoría ou ben porque BNG e PSOE pacten, porque non está claro que haxa entendemento e un deles sempre sairá desgastado).