Aínda que non sexamos unha localidade famosa polo mel, si que hai veciños que teñen colmeas. Non é habitual velas, pero xa vedes que hai quen ten incluso un par de ducias, como nesta finca que atopei preto do Vilar (O Araño).
Entrevista a David, o do Toffe
30 AgoNon chega aos 30 anos pero trátase de todo un exemplo de emprendedor. David Alcalde Costas (10/07/1984), máis coñecido por todos como “David, o do Toffe”, é un cu inquieto. Sendo xefe de cociña na Terraza de Chicolino da Pobra, deixou a un lado un posto seguro e apostou polo seu propio negocio en Rianxo. Táboas non lle faltaban, xa que traballou con Toñi Vicente e aprendeu dos mellores, incluído Arzak.
Podería quedar aí a cousa e acomodarse, pero xa digo que para min David non é un empresario, senón un emprendedor, porque non ten parada. Creou unha web de venda de produtos galegos gourmet, ten outra empresa de ocio infantil xunto á súa muller, vai levar a cafetaría do instituto de Rianxo, prepara a apertura doutra… E o mellor de todo é que aposta pola mocidade daquí, xa que patrocina uns 220 deportistas da localidade. Imos coñecelo un pouco máis, pero sabede que tamén estará representado na exposición de Ruando Rianxo, que terá lugar en outubro no Auditorio grazas ao apoio do Concello .
Canto custa facer unha festa? O caso das do Araño
28 AgoÁs veces non somos conscientes de todo o traballo que require organizar e pagar unhas festas. Por iso nos parece un interesante exercicio ver de onde se sacan os cartos e canto diñeiro fai falla para celebrar unhas festas parroquias. Moi acertadamente, para que se valore o seu traballo, dende a Asociación de Festas do Araño publicaron os seus gastos e ingresos.
Aquí está o cartel das festas, tres días coas orquestras Os Ánxeles, Bahía Blanca, D’Noche, La Torre, Brujas, Dúo Óbice, gaiteiros e fogos.

A isto habería que sumar outro día coas festas de Buhía:

Canto credes que custa?
O cruceiro en Taragoña expropiado do dominio público
27 AgoEste cruceiro está moi preto do centro sociocultural de Taragoña aínda que dentro dunha finca privada, como se pode ver na imaxe. É un fermoso cruceiro de capela:
Grazas aos vosos comentarios, puidemos saber que antes estaba en dominio público. Estaba metro e medio fóra da finca, e o dono da finca apropiouse del no ano 1970. Alucinante que calquera persoa poida facer iso co noso patrimonio, e aínda por riba á vista de todo o mundo.
V Trofeo Internacional de Xadrez en Rianxo, esta semana
26 Ago
Esta semana, en concreto o sábado 31 de agosto, terá lugar en Rianxo un evento de nivel, o V Trofeo Internacional Distribunosa Concello de Rianxo. Só hai que dicir que virán ata a nosa localidade que os mellores xogadores de Xadrez que se poden ver neste tipo de torneos. De feito, xa está confirmada a presenza do Gran Mestre Internacional cubano Arian González.
Calquera pode participar no toreno. Só ten que completar a inscrición ata o 29 de agosto, ben na web do Club de Xadrez Rianxo ou ben enviando un correo electrónico a escolaxadrezrianxo@gmail.com
Hai un feixe de premios para os gañadores. Así, o primeiro clasificado levará 500 euros e o trofeo Distribunosa, o segundo contará con 300€ e unha copa e o terceiro 200€ e un trofeo. Pero ata o 8º clasificado todos levan premio en metálico. Nos tramos de ELO tamén haberá ata 12 premios en metálico.
O evento terá lugar no pavillón municipal de Rianxo dende as 10.30 horas.
XI festival de baile e música tradicional Aleivosía
25 AgoOnte dia 24 de agosto celebrouse na praza de Rafael Dieste o XI festival de baile e música tradicional Aleivosía.
A Agrupación de baile e música tradicional Aleivosía pertencente á Asociación Sociocultural Fogo Fatuo de Rianxo e en colaboración coa Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Rianxo, levaron a cabo este evento dentro da programación do Verán Cultural 2013.
Polo palco habilitado para a ocasión pasaron un total de 7 agrupacións que conforman Aleivosía e que contan con integrantes dende os 3 até os 50 anos de idade que deleitaron ó numeroso público asistente na praza a unha noite chea da mellor esencia da cultura tradicional con bailes, pandereteiras, gaiteiros, e un sorteo de diferentes agasallos que foron entregando ós/ás gañadores/as.
Aquí vos deixamos unhas fotiños do que foi dando de si o festival.
Entrevistamos a José Abuín, da carnicería O Freixo
23 AgoNa exposición de Ruando Rianxo, que estará no Auditorio no mes de novembro e que conta co apoio do Concello, queremos contar pequenas historias de ducias de rianxeiros. Porque somos unha localidade moi rica en canto a persoas. Con algunhas delas tratamos a miúdo, como é o caso de José Abuín Tubío un carniceiro moi novo (17/07/1987) que sempre nos recibe cun sorrise na praza de abastos de Rianxo. Falamos con el dos hábitos “carnívoros” dos nosos veciños.
O ecce homo rianxeiro: o estraño cruceiro da praza de Brión
21 AgoEn Leiro hai un estraño cruceiro, cunha figura ben rara. O caso é que ata hai ben pouco non sabiamos cal era o motivo, xa que orixinalmente a cruz de pedra tiña outra figura enriba.
Fotos antigas de Rianxo de procesións e actos relixiosos
20 AgoQueremos agradecer publicamente a Rafael Caamaño, de Disteva, por facernos chegar estas fabulosas fotografías antigas do noso Concello que son un gran documento histórico e social:
Véndese o pazo de Baltar
19 AgoBuscando imaxes sobre o praia de Tanxil en Google, atopeime con imaxes do pazo de Baltar e, oh sorpresa, descubrín que está á venda. Realmente debe levar bastante á venda, pero eu descoñecía este feito, xa que pensaba que seguía pertencendo á familia Baltar e que pasaban algún que outro día do verán por alí. Pero está visto que non. O que non sei é que pasaría entón coa estatua da Guadalupe feita por Asorey no caso de que se venda a propiedade. Venderase tamén como parte da finca ou a familia Baltar xa se queda con ela para sempre? A min dáme que en Rianxo nunca máis a imos ver de novo 😦
Non sei dende cando está á venda o pazo de Baltar, pero está claro que mínimo un ano ou dous. Facendo buscas pola Rede, vexo que nun portal inmobiliario de Madrid se valorou a propiedade en 6 millóns de euros. Noutros portais pode verse que estivo por 4,7 millóns de euros. E agora mesmo, pode verse en Idealista.com por 4,5 millóns de euros, polo que a rebaixa foi considerable e seguramente consecuencia de que ninguén fixera ningunha oferta ata a data.










