Tag Archives: entrevista

Manuel Vicente “Chapí”, o perruqueiro amante da música e da historia

21 Dec

La Voz de Galicia. Carmela Queijeiro

Hoxe recuperamos unha entrevista do ano 2000 a Manuel Vicente Chapí realizada por Fernando Sarasqueta para La Voz de Galicia. Foi autor de obras como Louvanzas e lembranzas rianxeiras ou Antoloxía poético musical rianxeira. Ademais, era o posuidor do único disco que se conserva a día de hoxe da canción “Ondiñas da nosa ría”.

Tiña unha perruquería na rúa do Medio. Coméntame un amigo que era todo un espectáculo ir cortar o pelo ao seu local, xa que de súpeto deixaba o traballo a medias e collía a guitarra para tocar ou compoñer.

Así que copiamos e pegamos a entrevista:

“A miña foi unha vida adicada á música e ó espectáculo”, di Manuel Vicente “Chap” cando se lle pregunta pola antigüedade da súa entrega ás artes e á cultura. E o seu, como demostra no libro recentemente publicado, Louvanzas e lembranzas rianxeiras, tamén é a literatura, en forma de poemiñas sinxelos adicados á súa vila e ós veciños, de composicións feitas a xeito de agradecementos por toda a materia prima que lle proporcionaron as xentes de Rianxo para vivir e, en última instancia, para escribir.

O rianxeiro Manuel Vicente Chapí é un home delicado de saúde. Pero coma o guerreiro das artes que en realidade é, aínda ten folgos para publicar dous libros -o último editado é Louvanzas e lembranzas rianxerias-, fundar un grupo de música, editar un disco e lle dar os derradeiros retoques a outro libro máis sobre os persoeiros da cultura da súa vila, obra lista para ir ó prelo.
_Vostede atópase máis activo ca nunca nestes últimos anos. Publica dous libros e funda e lidera a agrupación Chapí, ¿non é verdade?
_Si, é verdade. Saquei á luz dous libros e fundei o grupo.
_Respecto ó seu conxunto musical, tamén foi editado un disco hai pouco, ¿nonsi?
_Si, hai uns dous meses. Títulase Cantando a Rianxo.
_E agora o libro...
_Si, o libro Louvanzas e lembranzas rianxeiras.
_Fálelle un pouquiño ós lectores del, do que vostede incluiu nas súas páxinas.
_Si, en primeiro lugar, hai corenta poemas meus nos que louvo a Rianxo e ás súas xentes. Nun segundo capítulo, incluín composicións sobre as fermosas mulleres desta vila mariñeira. A continuación, hai unha serie de relatos en verso, coma o que conta a amizade entre a mariscadora María a de Xan de Tello e un gardapraias, ou a da historia do castelo da Lúa, tamén de Rianxo, pertencente á Orde dos Templarios.

_Pero hai máis, ¿non?
_É certo. Hai longos poemas adicados ó director de El Barbero Municipal, Xosé Arcos Moldes, o home que se afanou coma ninguén por mellorar esta vila.
_E tamén hai cancións…
_Si, unhas 55 cancións miñas, con letra e música.
_Poderíase dicir que este libro e máis o outro publicado, son unha recopilación de toda a súa obra.
_Polo menos da máis destacada. Teño máis cousas feitas pero hai algunhas delas que non poderán ver nunca a luz.

Entrevista e fotos de Che Tembra, o ferreiro de Beluso

1 Nov

José Andrés Tembra Redondo (1955), máis coñecido como Che Tembra, o ferreiro de Beluso, é un artista do ferro. Nacido en Taragoña, onde tamén ten o seu taller e a súa forxa, dálle voltas e reviravoltas ao metal para transformalo en creacións artísticas. Algunhas delas xa as puidemos desfrutar no noso concello: viñetas de Castelao, personaxes rianxeiros, da cultura e da política, festas e celebracións, etc. A súa obra ten un marcado carácter galego, moi comprometido co noso. Coñecemos algo máis de Che.

Seguir lendo

Orquestra Abanico: “O luns das Juadalupeñas haberá algunha sorpresa”

12 Set

Foto de Rosendo © Fonte: facebook.com/pages/Abanico-Orquesta

A pesar de ser de Santiago, o cantante José Manuel Domínguez leva o nome de Rianxo con orgullo por toda Galicia. Faino dende o 2002 a través da orquestra Abanico. Unha formación que nos encanta e que nos fai desfrutar alí en canta festa os vemos. Este ano, de novo, estarán facendo desfrutar a mozos e non tan mozos no días das Juadalupeñas. José Manuel cóntanos máis sobre a historia de Abanico e como é o día a día dunha orquestra.

Seguir lendo

Entrevista co Xixí sobre a Guadalupe 2013

6 Set

xixi1

Ramón Iglesias Sánchez (1938), máis coñecido como o Xixí, é desas persoas que che sorprenden. Máis que nada porque leva unha cuarta parte da súa vida á fronte da Comisión de Festas de Rianxo. Con 75 anos enriba podemos velo cada día da Guadalupe pendente de como tocan ás orquestras ás 4 da mañá, e a primeira hora xa acompañando gaiteiros e bandas. Persoalmente creo que é moi de agradecer o traballo que se fai dende a Comisión de Festas, porque a todos nos gusta divertirnos, pero moi pouca xente se implica nunha tarefa que require de todo un ano. O Xixí, por certo, tamén estará na expo de Ruando Rianxo para a que contamos co apoio e o patrocinio do Concello.

Seguir lendo

Entrevistamos a José Abuín, da carnicería O Freixo

23 Ago

Na exposición de Ruando Rianxo, que estará no Auditorio no mes de novembro e que conta co apoio do Concello, queremos contar pequenas historias de ducias de rianxeiros. Porque somos unha localidade moi rica en canto a persoas. Con algunhas delas tratamos a miúdo, como é o caso de José Abuín Tubío un carniceiro moi novo (17/07/1987) que sempre nos recibe cun sorrise na praza de abastos de Rianxo. Falamos con el dos hábitos “carnívoros” dos nosos veciños.

jose1

Seguir lendo

Entrevista a Roberto Figueira, escultor de madeira

16 Ago

RobertoFigueira

Ás veces, a liña que separa a un artista dun artesán é moi fina. Este podería ser o caso do rianxeiro Roberto Figueira Martínez (1982), quen non só trata de vivir do que esculpe na madeira, senón que tamén trata de plasmar nas súas creacións gravados tan complicados como os de Gustave Doré. É unha persoa desas que consideras tímida nas distancias curtas, pero con moito de retranca, como se pode ver tanto no seu blog como nas respostas que nos dá nesta entrevista.

Seguir lendo

Entrevista a Sabela Galbán

9 Ago

sabela1

Como cada venres, traémosvos unha nova entrevista a alguén que apecerá a finais de ano na exposición Ruanxo Rianxo, que presentaremos no auditorio. Desta vez, temos a oportunidade de coñecer a Sabela Galbán Rodríguez, que de seguro a tedes visto en máis dunha ocasión tocando coa banda de música, acompañando á charanga NASA ou ben animando cos Carapaus.

Seguir lendo

Begoña, da ludoteca Agarimo: “Los niños son lo mejor que hay”

26 Xul

begonha2

A pesar dos seus 24 anos, Begoña Tubío Barreiro, é toda unha emprendedora. Non só se decidiu a montar o seu propio negocio en Rianxo, senón que ademais o fixo pensando naquilo que lle gustaba: estar cos máis pequenos. Así que agora é un pouco a nai de 39 cativos, cos que xoga, aos que coida e que aos que axuda a ir tendo máis autonomía. Imos coñecela un pouco máis a través desta entrevista.

Seguir lendo

Entrevista a Rabunho Rexeita

12 Xul

De seguro que xa coñeces Rabunho Rexeita, unha páxina no facebook na que hai un feixe de fotos antigas do Araño e de Rianxo, onde te podes enterar de historias, curiosidades, información sobre o patrimonio rianxeiro, vídeos antigos… Vamos, que día a día é unha páxina de referencia para coñecer e redescubrir todo o que está ao noso arredor. Pero como somos curiosos, tamén nos preguntamos quen está detrás de Rabuno Rexeita, quen é esa persoa que cada día alimenta as nosas mentes con novas e interesantes cousas sobre Rianxo e O Araño. Hoxe imos descubrilo neste blog a través de fotos e dunha entrevista.

quene

Seguir lendo

Todo listo para o Festival Antrospinos 2012

20 Xul

Nuns días celebrarase en Rianxo e, máis en concreto, en Campo Maneiro un dos festivais de música máis importantes da comarca e que, pouco a pouco, vai medrando en importancia e en afluencia. Falamos cos seus organizadores para que nos conten como se presenta este ano.

– Este é o quinto festival que organizades, pensabades hai cinco anos que tería esta continuidade e este éxito?

– Non, en absoluto! O certo é que hai cinco anos, máis ca un festival era unha festiña de aldea, apenas se contaban no Campo Maneiro un cento de persoas. Pero comezamos a organizar con moita ilusión, e como non tiñamos grandes pretensións todo nos facía mérito, unha parella que subía pola costa arriba para achegarse ao campo xa nos parecía un suceso!

– Que cousas foron cambiando dende as primeiras edicións?

– Practicamente cambiou todo, chegamos a un punto no que o festival precisaba de máis medios, máis infraestruturas, máis persoal na organización (aínda que iso non o acadamos) e moitas outras cuestións á hora de formularse o xeito de financiar a festa, dado que o festival se autofinancia case na súa totalidade. O Antrospinos deu un xiro radical e estamos orgullosos porque todo foi xurdindo a base de moito esforzo, a costa do noso tempo de lecer e boas doses de optimismo.

– Como xurdiu nos seus comezos a idea de organizar o festival máis importante de música de todo o Barbanza?

– O festival xurdiu da maneira máis anecdótica: nunha voda dunha rapaza taragoñesa, Violeta, un grupo de xente comezamos a falar da posibilidade de montar un pequeno festival de música folk, entre risas e caralladas a cousa finalmente saíu adiante, xuntáronse máis persoas e naceu o I Festival Antrospinos. A clave foi o feito de que desde había dous ou tres anos non se celebraban as festas do verán e a parroquia mostrouse participativa. A organización do encontro foi tan divertida que tiñamos necesariamente que repetir a experiencia en 2009, a II edición. E ata aquí chegamos…

– Cales son as grandes novidades deste ano?

– Por primeira vez cobramos entrada, unha cantidade simbólica pero que para o festival significa a súa permanencia ou, cando menos, seguir no nivel acadado nos dous últimos anos. E a nivel musical chegamos a novos países en busca da mellor música, contamos novamente cos nosos veciños portugueses a través de Kumpania Algazarra, a nivel español Alamedadosoulna ou os premiados Canteca de Macao, autores da banda sonora de Habitación en Roma de Julio Médem; e traemos un grupo húngaro, Bohemian Betyars, entre outros. E como non podía ser doutro xeito, coma cada ano seguimos a apoiar a música do país, con grupos insignia do panorama musical galego como Os Cempés, Quempallou, Dakídarría ou Ataque Escampe. Estas son as principais novidades da V edición do Festival Antrospinos.

– É doado organizar un festival nun momento económico tan complicado? Outros festivais teñen patrocinadores moi importantes (Estrella Galicia…), pero vós entendo que tedes que tirar de moita imaxinación e esforzo, non si?

– En realidade e sendo sinceros o festival nunca foi doado de organizar, aquí traballamos todos a tope, sexa para ir pedir ás empresas, para facer socios, montar cantinas, traballar detrás da barra, contactar con grupos, montar valados, pegar carteis, plantar árbores, montar os decorados ‘cutres’ das nosas festas, enviar notas de prensa, actualizar as redes sociais, contactar con distribuidores… Pero é certo que cos tempos que corren a cousa complícase a nivel económico e hai que dar moitas máis voltas para conseguir o que queremos, debemos intentar ser enxeñosos para atraer público e tamén para atopar as mellores alternativas económicas. Baixou o nivel de colaboracións tanto pola parte de empresas coma de particulares, aínda que temos colaboradores fieis como son os nosos socios, que desde 2011 contribúen decisivamente tanto coa súa cuota anual coma coa súa participación en todos os eventos organizados desde o FAP, e os nosos patrocinadores que por segundo ano consecutivo se comprometeron cunha inestimable colaboración económica.

– Este ano cóbrase entrada, credes que vai respostar a xente ou que se vai notar este feito?

– Temos boas espectativas neste senso dado que a pesares de sermos novos no eido cremos que isto acadou unha gran repercusión desde hai un par de anos para atrás. Estamos convencidos de que moita xente xa sabe da matraquillada e do ambiente de Antrospinos e non se vai botar atrás por unha entrada de 10€ os dous días. Se un se para a pensar, saír unha noite de copas sen ningún espectáculo que ver xa significa gastar bastante máis.

– Vós como asociación non tedes como fin ningún lucro, xa que os cartos gañados van para reforestar os montes de Taragoña. Como organizades isto?

– Primeiramente recadamos cartos non só para a plantación de castiñeiros e carballos, tamén para o propio festival. O resultado final das contas do ano é o que permite facer a inversión para a reforestación. Isto xurdeu hai uns anos con motivo das queimas que arrasaron o monte taragoñés, mais aparte desta motivación, partimos da base de que no século XXI a ecoloxía é clave, e o noso país, poboado masivamente de eucaliptos, o cancro forestal dos últimos trinta anos, e maltratado polos numerosos incendios, precisa dun apoio firme aínda que sexa a través de pequenos xestos coma o noso. Se todos facemos un pouquiño a cousa mellora sempre. Non desbotamos nun futuro poder levar a cabo esta actuación noutros montes do concello rianxeiro. En fin, o medio natural está presente en Antrospinos, non só coa plantación de árbores autóctonas, senón tamén con outras medidas adoptadas nas nosas festas coma o xa famoso FAPvaso.

– Se alguén quere facerse socio da vosa asociación, como o podería facer?

– Tan só ten que enviarnos nome e apelidos, data de nacemento, enderezo-e e un número de tlf a festivalantrospinos@gmail.com ou ben a través do noso facebook. Quen coñeza a calquera dos organizadores pode pórse directamente en contacto. Este ano os socios poden gozar do privilexio da entrada de balde ao festival e recibirán tamén un agasallo. E coma no ano anterior terán unha festa exclusiva ademais de contar con descontos en comercios do concello rianxeiro e outros limítrofes. Hai máis información sobre esta cuestión en www.festivalantrospinos.es

– Un dos maiores atractivos do festival é a matraquillada, na que se volca moita xente de Rianxo. Pensabades que participaría tanta xente?

– A verdade foi espectacular a resposta da xente con esta actividade! Consideramos a día de hoxe que isto xa se converteu nunha tradición na zona. Comezou sendo algo montado con vistas á xuventude e agora ten moita repercusión entre a xente de todas as idades, converténdose xunto co xantar e as actuacións da tarde no palco Carballo, nunha auténtica romaría popular. A diversión e o bo rollo da matraquillada marcan o carácter de Antrospinos. Con ela quixemos imprimir ese carácter das festas populares da aldea e cremos que o conseguimos. O matraquillo, elemento indispensable no rural agrario que hoxe xa non vemos tan de contino coma hai uns anos, convértese no elemento estrela, unha especie de atracción total para a xente de aquí e a de fóra. Ten un atractivo grande ir de carallada polas pistas de Taragoña dirección á praia montado nun chimpín e con música en directo amenizando a singular viaxe.

Fotos sacadas do facebook do Festival Antrospinos.