Tag Archives: Taragoña

Día das Letras Galegas 2014 en Taragoña

23 Mai

Taragonha01

O pasado 17 de maio, a xente da Asociación Antrospinos organizaba en Taragoña unha festa. Celebrábase a festa das nosas letras, o Día das Letras Galegas 2014. Ademais, pedían ir coa indunmentaria de 1906 para facelo máis enxebre.

Seguir lendo

Presentación das Crónicas de Bran en Rianxo

15 Abr

IMG_0077 copia

O pasado venres 11 de abril, tivemos a oportunidade de asistir á presentación d’As Crónicas de Bran, de Xosé Duncan, autor de Taragoña. De feito, o acto livo lugar na biblioteca do Brea Segade de Taragoña, e alí o novelista estivo acompañado polo dúo musical Barahunda, e polo mestre e musicólogo Jose Luís Pico Orjais que nos ofreceron un mini concerto @s alí asistentes.

Seguir lendo

Por que aos de Taragoña lles chaman “Cangrexeiros”?

25 Nov

Este verán, grazas ao amigo Carlos Bastos, descubrín a historia de por que aos habitantes de Taragoña tamén lles chaman “Cangrexeiros”.

O caso é que todo vén a raíz dunha historia acontecida por un veciño da parroquia. Este home chamábase Felipe “O Delgado” e vivía na aldea do Burato. Viña dunha familia de cartos, pero foron vendendo aos poucos todo o seu patrimonio, acabandando co capital e quedaron sen un can.

Seguir lendo

O cruceiro en Taragoña expropiado do dominio público

27 Ago

Este cruceiro está moi preto do centro sociocultural de Taragoña aínda que dentro dunha finca privada, como se pode ver na imaxe. É un fermoso cruceiro de capela:

cruceiro1

Grazas aos vosos comentarios, puidemos saber que antes estaba en dominio público. Estaba metro e medio fóra da finca, e o dono da finca apropiouse del no ano 1970. Alucinante que calquera persoa poida facer iso co noso patrimonio, e aínda por riba á vista de todo o mundo.

cruceiro2

Vandalismo: queiman a ponte de madeira sobre o río Te

22 Xul

Acabamos de enterarnos dun acto de vandalismo na ponte do Te, a que atravesa o paseo marítimo para unir as dúas beiras do río entre Rianxo e Taragoña.

Cremos que é impresionante a desfachatez, incivismo, falta de cultura/educación e respecto que está detrás dos últimos actos vandálicos que está a sufrir o mobiliario urbano do Concello nas últimas datas, (pintadas nas placas dos autores rianxeiros no paseo marítimo, desfeita dos parques infantís, queima tamén da pasarela da praia de Tanxil…).

A ver cando nos decatamos de que o mobiliario urbano é de todos/as e o seu deterioro ou mal uso repercute no noso peto!!!

Nesta última desfeita, uns/as irresponsables cebáronse coa ponte do paseo marítimo, queimando parte dela, previsiblemente “usando algún tipo de acelerante -gasolina, por exemplo-“, en palabras do arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, aínda que isto terao que determinar a policía xudicial. Tamén resalta o arquitecto que posiblemente a obra lle poida custar ao erario público a escandalosa cantidade de 70.000 euros, que teremos que desembolsar a base de impostos.

Deixamos unhas fotos sacadas do facebook de Carlos H. Fernández e do propio alcalde Adolfo Muíños:

vandalismo 2 coto vandalismo 1 coto vandalismo 3 adolfo

O custo de 70.000 euros é unha estimación que fai o propio Fernández Coto do que suporía repoñer dúas vigas curvas, dúas pequenas da base, a varanda e as táboas de pisar. Hai que ter en conta que son madeiras especiais con curvaturas especiais. Pero o máis complexo é o transporte dende A Coruña, porque ademais non hai paso polo Pazo, polo que habería que levar o material polo mar. A isto hai que sumarlle a montaxe, o guindastre…

Por outra banda, tamén hai que ter en conta que alí está a policía local custodiando a ponte por quendas e que a policía científica da Coruña tivo que vir mirar e retirar mostras, o que tamén implica gastar recursos públicos.

Vamos, que se trata dunha previsión, non orzamentada, pero que cos coñecementos que ten Fernández Coto seguramente sexan bastante atinadas. Como el mesmo sinala, “a reparación custará o mesmo que o mantemento de todo o ano da piscina climatizada municipal. Ou, se o preferides, custará o mesmo que a ampliación do Centro Social de Asados, ou case como a compra do antigo Liceo para os nosos Maiores e para a Mocidade”.

Agardemos que as pesquisas da policía, e de ser o caso dalgún/ha testigo destes últimos feitos dean lugar a atopar culpables desta auténtica barbarie do patrimonio de todos/as nos, e, que a administración competente teña a ben arranxar canto antes este acto que desfai pola metade o paseo diario de moitos e moitas rianxeiros e foráneos que se achegan ó noso concello.

Cando Taragoña e Asados tamén eran municipios independentes

23 Xuñ

Grazas outra vez ao noso amigo Rabunho Rexeita, descubrimos un novo e interesante episodio da historia de Rianxo: cando realmente non había un concello, senón tres. Pois si, amigos, pois Taragoña e Asados eran municipios que non tiñan nada que ver con Rianxo, agás que os límites xeográficos. Rianxo e Asados pertencías ao partido xudicial de Padrón, mentres que Taragoña pertencía ao de Noia.

Sorprende saber tamén que o concello máis grande era no seu día o de Asados, xa que formaban parte del as actuais parroquias do Araño, Leiro e Isorna. Vamos, que a día de hoxe a cousa podía ser tal que así:

rianxo_concellos

 

Seguir lendo

Fotos XI Autocross O Castro

20 Mai

Colgamos no noso facebook un par de álbumes coas fotos do IX Autocross que se celebrou no Castro, en Taragoña: álbum 1 e álbum 2.

foto1 foto2 foto3
foto4foto5

foto6

foto7

foto8

foto9

foto10

foto11

Miguel O Corcheiro, o guerrilleiro antifranquista de Taragoña

16 Mai

Laura, irmán de Miguel O Corcheiro, con Eugenio Rueda, compañeiro de guerrilla de Miguel e fusilado en 1948. Fonte: http://www.lagavillaverde.org/

Miguel Nicolás Esperante, coñecido como O Corcheiro, é un coñecido guerrilleiro antifranquista galego que naceu en Taragoña o 29 de marzo de 1915.

O alcume venlle da súa profesión como corcheiro: “Miguel dos Corcheiros”. E, aínda que naceu en Taragoña e moitos non teñades referencia del, sabede que foi foi o dirixente da guerrilla con máis sona na comarca do Deza (que abrangue Silleda, Villa de Cruces, A Golada, Rodeiro, Dozón e Lalín) e do máis destacados da provincia de Pontevedra.

Fillo de Alfonso Nicolás (da parroquia de Bandeira, en Silleda) e de Dolores Esperante de Taragoña, regresaron para a terra do pai para facerse cargo da fábrica de cortiza que rexentaban os seus antepasados na parroquia de Chapa. Era un punto estratéxico para confeccionar as cortizas, pois contaban na comarca, con abundantes sobreiras, coa que se facían os corchos.

Velaquí un anuncio de 1888 que publicou o avó do noso protagonista. O avó tamén se chamaba Miguel, como podemos ver e a fábrica recibía o nome de Las Hermitas:

Miguel O Corcheiro, o de Taragoña, traballaba na fábrica e era o tamén o encargado de repartir pola zona o xornal “Mundo Obrero” (órgano do Partido Comunista). En 1935 ingresa no Partido Comunista e esperta xa nel o entusiasmo político que máis tarde o convertería nun soado guerrilleiro nas comarcas do Deza-Trasdeza e Tabeirós.

Co estalido da Guerra Civil, Miguel é detido o 21 de xullo de 1936, xunto con algúns membros da Frente Popular, acusado de participar na requisa de armas para defender a capital pontevedresa. Lévano a Silleda onde permane cinco meses detido. Despois estará preso tamén na Illa de San Simón. Xunto cos demais compañeiros de Silleda, máis tarde é destinado ao Batallón de Tabajadores de León, axiña ao de Ourense e por último a Miranda del Ebro por atoparse e por ser da quinta do 36, polo exército de Terra.

En 1940 o seu pais, Alfonso Nicolás López, realiza unha instancia pedindo a posta en liberdade do seu fillo Miguel por descoñecer de que é acusado. Ademais, cre que se hai que sancionalo, o castigo está máis que cumprido polo seus traballos  no Batallón de Traballadores 3ª Compañía, en Aranxuez.

De volta en Bandeira, os gardas civís e franquistas da zona facíanlle a vida imposible. Propinábanlle continuas malleiras e golpes, polo que non podía levar unha vida normal. Farto, Miguel pronuncia esta frase: “A min non me mallan máis” e botouse ao monte.

Entre 1943 e 1944 orixínase a creación da agrupación de guerrilleiros coñecidos popularmente como Os Corcheiros da que forma parte Miguel e o seu cuñado, Eugenio Rueda.

As primeiras actuacións consisten en tratar de obstaculizar o traslado do mineral de wolframio cara aos portos de Vigo e da Coruña tan solicitados pola industria de guerra da Alemaña nazi. Non teñen moito éxito e comezan a realizar asaltos para seguir adiante. Roubaron, entre outros, no coche de pasaxeiros que ía á Feira dos Carballiños en Vilatuxe (Lalín) ou no coche de liña na estrada do Monte da Rocha (Silleda). A guerrilla tamen mata un garda civil en 1944, polo cal son detidas e executadas dúas persoas.

En 1948 Miguel recibirá unha carta Ejército Guerrillero de Galicia, IV Agrupación, onde é convidado a unha entrevista cos membros do destacamento, firmada por Foucellas. As ordes naquel tempo de Antonio Seoane, Xefe militar da Guerrilla en Galicia, son dar golpes cada vez máis soados coa intención de chamar a atención e conseguir desviar a atención da represión a outros puntos de Galicia.

Pero no Deza tamén pretenden executar a varios falanxistas aos que acusan de seren os organizadores dos “paseos” en Silleda. Precisamente, o 9 de abril de 1948, no asalto á casa dun delees, de Benito Rivas Fondevila, resulta ferido de morte por disparos de escopeta Miguel O Corcheiro. O cadáver de Miguel presentaba máis feridas das que podía facer Rivas e, segundo a historia local, o guerrilleiro fora rematado polos propios compañeiros, xa que na autopsia presentaba máis de cinco feridas de arma curta. Coa súa morte, poñíase practicamente fin á actividade guerrilleira na comarca do Deza.

Fonte: “A guerrilla na Comarca do Deza”.

“Retrospectiva” no auditorio de Rianxo

9 Mai

Dende o pasado venres 3 de maio e até o 2 de xuño poderemos desfrutar da exposición de pintura Retrospectiva, obra do taragoñés e xa falecido Manuel Lesende Iglesias.

Image

Manuel Lesende Iglesias, naceu en Taragoña no ano 1952. E finou na Coruña no 2006. Cursou Artes e Oficios na escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela: cidade da que se quedou prendado (como ben quedou plasmado en gran variedade das súas obras) e da que, moitos anos despois, voltou ser absorvido. Como a pintura enchía o seu espíritu pero non os seus petos, decideu comezar unha aventura: buscar progreso xunto á sua recén aliada e muller, María, nun lugar que emanaba un progreso artístico polos anos 80, como era a cidade de Barcelona.

Integrado na cultura da pintura ao aire libre (abolida) e tras unha etapa de arte abstracto, que o arrastrou dende óleo, ao carboncillo, sufriu, posiblemente, un dos peores intres, a destrución de máis da metade das súas obras nun incendio. Acto que sumiu nun bloqueo durante un tempo, pero do que (agradecidamente) volcou na que hoxe en día é a mais grande exposición permanente da súa carreira: A recreación da cidade e curiosidades da cidade universitaria de Heidelberg (Alemaña) nas paredes que o retiveron. Os murais plasmados pódense ollar a día de hoxe na cervexaría Alt Heidelberg, local tradicional de Barcelona dende os anos 60.

A recompensa a ese golpe de efecto abriron un camiño de volta á sua terra natal 14 anos despois. Xa de novo en Santiago de Compostela, e respirando vellos aires, iniciou un destacado troco nas súas obras. Volcou un brillo extra a cada cadro novo que creaba, xa que aplicaba barnices moi brillantes no que algúns consideran un novo tipo de técnica.

En galicia comezou a década dourada para o pintor. Múltiples exposicións polo territorio, bienais e sobre todo tempo libre, achegaron a este artista a acadar varias metas persoais e profesionais que elevaron máis aínda o seu prestixio persoal e a súa firma. Xusto neste momento cume da súa carreira, todo isto viuse truncado pola enfermidade.

Durante os seus 53 anos, pintou preto de 500 cadros (entre diversidade de estilos), 20 murais e infinidade de bocetos: traxectoria que foi freada de súpeto.

Non obstante, na exposición que hai agora en Rianxo, podemos achegarnos a parte da súa obra, en concreto á obra abstracta do pintor, que abarca dende 1997 até 2005.

María Lesende, filla do pintor e que nos pasou toda esta información, xunto á súa familia, desexa que os rianxeiros “desfruten detidamente da obra e mostramos a nosa gratidude, moi agradecidamente aos grupos e asociacións culturais do concello de Rianxo”.

Á inauguración, cargada de emoción, asistiron numerosos familiares, así como unha ampla representación  do concello.

Image

A propia filla do pintor, María, notablemente emocionada non foi quen de pronunciar o discurso de apertura, que correu a cargo do alcalde Adolfo Muíños, quen se afanou en resaltar o traballo deste rianxeiro, do que moi pouco se coñece e que ten tanta e tan extensa obra pictórica.

Image

Image

Queremos deixarvos tamén aquí unha crónica da súa obra:

“A obra de Manuel Lesende -a pertencente ao seu último período creativo- ademais do sólido dominio técnico dun artista maduro, amosa todo un despregue de elementos e símbolos e oníricos que, de modo inevitable, fascinan e inquietan o ánimo do espectador. A visión da súa pintura evoca a contraditoria ingravidez do aire sustentando a existencia, aprestada na madeira, na pedra, nos ladrillos, mesmo nas árbores cortadas que flotan nun espazo agora escuro, agora lánguido, sempre matizado polas paisaxes icónicas (Monte Louro, Castelo de San Antón, Torre de Hércules, o Pórtico da Gloria, Rianxo).

O peso destes materiais (seccións de molduras, perpiaños, fustes, vigas, taboleiros) sacralízase erixindo altares, tabernáculos, aras onde o artista deposita a súa identidade (os pinceis, as paletas, o tabaco,…), se cadra querendo dar fe de que todo ha quedar inerme e sen finalizar. A árbore fendida, pese a botar raiceiras, secará sen remedio. O tempo exprésase en piramidal transparencia. As vizosas mazás inmobilízanse abeiradas ao bacío ou enmarcadas nos ocos de medio punto. E sobre os lenzos ou na propia pedra ou nos sollados que flotan ou no aparador que se abre ao mar coñecido e amado, a crucifixión constate, a presenza dos dolorosos cravos de ferro negro que manteñen xuntos os elementos, que atravesan punzantes os anacos da vida, pode que a sucesión dos recordos, sen dúbida as fías da esperanza. Lesende cohabita, dialoga e interroga pertinaz ao sagrado e á morte.

A crucifixión, home e muller atados ao sufrimento, ven ser a constatación de que a existencia, inscrita nun anaco de cartón, cravada nun bastidor ou suspendida en media botella de plástico, vaise apagando consciente e inevitablemente. E se algunha espiritualidade queda, se hai un punto de apoio, será o que ofrece o punto de fuga, a elongación cara o horizonte, as liñas invisibles que conteñen o laconismo da vida. A un parécelle que Manuel Lesende foi quen de transformar o íntimo debate, a angustia do ser humano ante a levidade e a constrición da existencia -desveladas nas súa propia carne-, en agónicas preguntas, en surrealistas dicires, en oníricas e inquietantes proposicións, tan imposibles como certas”. Fonte: F.R.L.

Image

Image

Seguramente que esta obra non deixará indiferente as olladas que se lle poidan botar.

A nós, cando menos, impresionounos!!!

Fotos e crónica da XIV Subida ao Castro Barbudo

5 Mai

O 4 de maio tivo lugar a XIV Subida ao Castro Barbudo. Neste blog colgamos unhas poucas imaxes, pero tedes en breve teredes un feixe delas na nosa páxina do facebook. Velaquí o Álbum I e o Álbum II.

De novo queremos darlle as grazas aos da peña ciclista por levarnos durante o percorrido e aguantarnos toda a tarde 🙂 Puidemos ver dende o seu lado como se organiza unha proba deste tipo e, de novo, é sorprendente o ben que fan as cousas e todo o traballo que require. Había 115 inscritos e, desta volta, o tempo si acompañou, nunha xornada con arredor de 22 graos.

A saída atraouse un chisco, un cuarto de hora, así que ás 16.15 horas saíron os corredores dende Campo de Pazos.

saida

O primeiro quilómetro e medio foi pola estrada, pero dende aí xa se tirou a preto do río Té, ata Carballal:

carballal

Segiuse polo Batán, de aí ata o Carballo, e cruzouse de novo pola estrada á altura de Contrés:

contres

O grupo seguía moi unido, aínda que a proba a penas acababa de comezar. Xa quedaba pouco para o monte e para tirar para arriba:

monte

Con tanta costa arriba e tanta calor, comezaron a producirse pequenas diferenzas entre os participantes, pero as forzas aínda se estaban a gardar para o tramo final.

Mesmo había algún que ata presumía arriba das subidas duras:

Caballito

Pero en xeral a xente ía tranquila, e desfrutando das baixadas e das zonas onde a pista tiña menos pedra e se podía rodar máis rápido:

castro1

castro2

O que si, todo o mundo agradeceu a parada para o avituallamento, que estaba situada en Lousame, ao final de Escabia. A xente aproveitou para comer froita, refrescos e doces. Aínda faltaba camiño por diante e o tramo libre. Non obstante, o pelotón agrupouse no avituallamento e ata que as motos arrincaron, de alí non se movía nin unha herba:

avituallamento1

avituallamento2

Xa coas pilas cargadas, a xente estaba pletórica e quería darlle guerra á montura:

avituallamento3

A xente saíu aos poucos, formando unha longa serpe rodante:

fila

A hora prevista para a saída do tramo libre eran as 19.00 horas, pero a cousa atrasouse tamén un pouco. Aí é onde se ía ver o que tiña cada un nas pernas e, quen demostrou estar forte coma un buxo, foi un de Sanxenxo. Xa antes de chegar á estrada de Ourille lle sacaba máis de 50 metros ao segundo, e de aí non o baixou ninguén:

primeiro

Primeiro foi Ringo Deza Sáez e segundo Carlos Muñiz Nieto, ambos os dous do Clube Ciclista Corbelo de Portonovo. O terceiro posto foi para Víctor Manuel Domínguez González, do Caeiro-Cambre.

ganhadorpodium

Para rematar, houbo festuca con comida e bebida a rachar para repoñer calorías 🙂