Arquivo | política RSS feed for this section

Canto cobra un concelleiro en Rianxo?

27 Nov

Esta semana, Xusto Xosé Ordóñez Figueira, terceiro tenente de alcalde de Rianxo e concelleiro de Deportes e Patrimonio Histórico sorprendíamos ao publicar as súas nóminas. Fíxoo na súa páxina Rabunho Rexeita, para que así puidésemos coñecer de primeira man canto cobra polo seu traballo no Concello.

Seguir lendo

III Carreira Popular Toffe-Concello de Rianxo

4 Nov

_MG_5574

O pasado luns celebrouse en Rianxo a III carreira Popular Toffe-Concello de Rianxo, cunha grande afluencia de público e participantes, que acadaron entre tódalas categorías mais de 1000 inscripcións.

Seguir lendo

Falece o médico e concelleiro Ricardo Besada

22 Xul

De novo, no día de hoxe, temos que dar conta dunha tráxica noticia que afecta á corporación municipal. José Ricardo Besada Gesto faleceu esta pasada noite. Era un veciño coñecido en todo Rianxo, non só por ser concelleiro senón, sobre todo, por ser un médico. Moitos veciños tíñano de médico de cabeceira, e de seguro que algunha vez nos coincidiu en urxencias de velo no centro de saúde, onde levaba traballando varias décadas.

Seguir lendo

Rianxo continúa baixando a súa débeda, pero aumenta o prazo no que paga a provedores

20 Xul

debedaRianxo
O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas acaba de facer público o informe sobre a “débeda viva” das entidades locais a peche de 2014.  Nel podemos observar como do 2011 ao 2014 os cartos pendentes de pagamento en Rianxo se reduciron ata a metade.

Seguir lendo

“Para rehabilitar hai casas con vistas ao mar, casas de remo, casas labregas e incluso algún pazo”

19 Xuñ

O pazo de Brión é unha das vivendas deste proxecto

Hai uns meses, o concello de Rianxo, a través da Oficina Municipal de Rehabilitación, sacou adiante un proxecto no cal se creaba unha bolsa de vivendas para rehabilitar baixo o lema”100 Casas, historias, soños,… Agardan por Ti”. A idea é que esa riqueza patrimonial da que forman parte as vivendas non queden abandonadas, senón “que poidan ser rehabilitadas e rehabitadas, como primeira ou como segunda residencia”, como se explica dende a web do Concello. Para sabermos máis desta idea, falamos co arquitecto responsable da Área de Rehabilitación Integral de Rianxo, Carlos Henrique Fernández Coto.

Seguir lendo

Primeiro pleno da nova lexislatura de Rianxo, coa investidura de Muíños de novo como alcalde

13 Xuñ

IMG_9006

 

A iso das 12.30 horas, no salón de plenos do Concello de Rianxo estaba convocados todos os partidos con representación nas pasadas eleccións locais do 24 de maio. Tratábase do primeiro pleno da nova lexislatura, polo que de aí tiña que saír o novo alcalde de Rianxo para os próximos catro anos. Non houbo sorpresa e Adolfo Muíños, do BNG, foi investido de novo rexedor da localidade. Así foi o transcurso do acto.

Seguir lendo

Valoracións de Mari Carmen Figueira, do PSOE, do resultado das eleccións

28 Mai

IMG_7031

Quixemos preguntarlle a todos os líderes das formacións rianxeiras que concurriron a estas eleccións municipais cal é a valoración que fan dos resultados e como ven o seu traballo nos próximos catro anos. A primeira en contestarnos foi Mari Carmen Figueira, do PSOE.

A socialista indica que “queremos facer unha valoración dos resultados das eleccións locais 2015 positiva, xa que aínda que baixamos un concelleiro, foi só por 25 votos. Temos que ter en conta tamén os escasos tres meses que tivemos para prepararnos que, como saben, foi a partir do falecemento de Carlos Gey, que era o candidato”.

Por este motivo, sinalan que “nese pouco tempo, fomos quen de intentar recuperarnos e presentarnos ante o noso pobo de unha maneira, cremos que, moi digna”.

Por outra banda, explica que “omos conscientes do resultado das urnas. O único interese que temos é traballar porque Rianxo progrese dende a posición onde nos toque a estar durante esta vindeira lexislatura”.

En relación ás noticias que saíron estes días na prensa da proposta do populares para que goberne o PSOE en Rianxo, di que “non imos aceptar a proposta do PP, porque acatamos os resultados das votacións dos rianxeiros e rianxeiras. Queremos ser útiles para Rianxo, pero dende a posición onde nos situou o pobo”. Por todo iso, reitera, “o noso único interese é contribuír co noso traballo a que no noso Concello haxa un goberno estable para conseguir que Rianxo teña todo o que merece e necesita”.

Resultados electorais de Rianxo 2015 por parroquias e pequena análise

25 Mai

O día despois das eleccións, xa cos datos na man, queremos analizar un pouco como se comportou o voto. Así que antes de nada, imos ver como se repartiu no ano 2011: Como vedes, o PP gañaba no Araño, Isorna, Leiro e Taragoña. O BNG facía o propio en Asados e Rianxo. Nesta ocasión, houbo cambios significativos: PARROQUIASO prieiro que vemo é que o BNG, ademais de Rianxo e Asados, sumou O Araño (seguramente polo efecto de Tito o Dulceiro). O PP, que era o máis votado en catro parroquias, mantivo unicamente Taragoña (de onde é Vanessa Martínez) como seu principal feudo. Mentres que o PSOE, que nas anteriores non foi a opción máis votada en ningunha parroquia, si o voi nesta ocasión en Isorna (de onde é Mari Carmen Figueira) e en Leiro. resultados2015En canto aos resultados, houbo dúas forzas que perderon votos, que foron PP e PSOE, deixándose un concelleiro cada unha polo camiño.

O voto estivo máis fragmentado, polo que entra no escenario Rianxo en Común, con dous concelleiros e 695 apoios.

Sinalar que o PSOE quedou tan só a 25 votos do PP, co cal a diferenza entre os dous foi mínima, pero PSOE ten un concelleiro menos.

O BNG nestas eleccións sumou 18 votos con respecto ás anteriores, co cal son un resultados positivos, ao ser a única forza que mantén.

Pola súa banda, o PP perde 752 papeletas con respecto aos anteriores comicios. E o PSOE déixase 368 apoios. Entendemos que aquí puido pesar a fragmentación do voto e que a candidata levaba pouco tempo á fronte do partido.

Con respecto a Rianxo en Común, había certa expectación, porque semellaba que podía fragmentar o voto de esquerda e dar máis porcentaxe de votos ao PP. Finalmente semella que non foi así e, esta formación recén creada, faise con dous concelleiros e 695 apoios, polo que as “mareas” non só teñen representación nas grandes cidades, senón tamén en vilas como en Rianxo.

Dito isto, queda saber quen vai estar á fronta da alcaldía. Semella, en conclusión, que vai gobernar de novo Adolfo Muíños, pero haberá que ver se con apoios puntuais ou ben repetindo no goberno co PSOE ao carón. Co PSOE e con Rianxo en Común semella que pode haber boa sintonía, pero o tempo o dirá.

Por certo, que nos faltaba falar de canta xente votou. En total houbo 6.448 persoas que depositaron a súa papeleta, un 66,64% dos electores. Houbo pola contra 3.228 persoas que se abstiveron (33,36%). Ademais, 154 votos foron declarados nulos (2,39%) e 86 papeletas (1,37%) foron en branco.

A participación foi tres puntos inferior ao 2011. Daquel votou o 69,44% dos que podían exercer este dereito (6.873 electores). Hai que ter en conta que a poboación baixou e, por esa razón, tamén os electores. Hai catro anos os votos nulos foron menos que nesta ocasión (118, o que equivalía ao 1,72% dos votos), pero o voto en branco foi moi superior (140 papeletas, é dicir, o 2,07% dos votos).

Seguimento e resultados das eleccións municipais de Rianxo 2015

24 Mai

22.36 horas. Co 100% escrutado:

BNG: 2.164 votos – 6 concelleiros (igual que no 2011)

PP: 1.687 votos – 5 concelleiros (un menos que no 2011)

PSOE: 1.662 votos – 4 concelleiros (un menos que no 2011)

Rianxo en Común: 695 votos – 2 concelleiros

100

22.28 horas. Co 93,61% das papeletas recontadas, segue a cousa igual: o BNG 6 concelleiros, por 5 do PP, 4 do PSOE e 2 de Rianxo en Común.

93

22.21 horas. Co 87,64% do voto escrutado, o PSOE perde un concelleiro a favor de Rianxo en Común. 6 tería o BNG e 5 o PP.

82

21.30 horas. Co 61,67% dos votos escrutados, lixeiramente por diante o BNG, aínda que habería un empate a 5 escanos entre Bloque, PP e PSOE.

61

21.20 horas. Co 26,66% dos votos recontados, por diante sitúase lixeiramente o PP.

21.00 horas. Segundo os primeiros datos, que son aínda moi sesgados, o BNG podería ter 6-7 concelleiros, o PP entre 5-6 concelleiros, o PSOE entre 4-5 concelleiros e Rianxo en Común 2 concelleiro.

20.45 horas. Segundo podemos coñecer de dentro dalgún colexio electoral, o BNG e o PP son os partidos máis votados, pero os nacionalistas van por diante. Todos os partidos terían representación e salvo sorpresas, semella que non vai haber maiorías absolutas.

20.25 horas. Como curiosidade, sinalar que dende hai 12 anos (nas municipais do 2003), non se presentaban en Rianxo 4 formacións á alcaldía. Daquela, concurría o Centro Democrático Independiente. En 1999 presentárase Unidade Veciñal e en 1995 Alternativa Galega.

En 1991 concorreron 5 partidos, con Converxencia Nacionalista Galega e o Partido Socialista Galego-Esquerda Galega.

En 1987 eran 6 as formacións. Ademais das actuais, participaron a Coalición Progresista Galega, Independiente de Galicia e o Partidos dos Traballadores de Galicia-Unidad Comunista.

En 1983 en Rianxo non se presentou Alianza Popular (actual PP), pero si o fixo o Partido Comunista de Galicia.

Nas primeiras eleccións celebradas en Rianxo, en 1979, participaron UCD e o Partido Comunista de Galicia, ademais do PSOE e do BNG, que estiveron en todas as eleccións rianxeiras.

20.00 horas. Péchanse os colexios electorais. Ata dentro dunha hora non se pode dar a coñecer ningún resultado porque tamén hai eleccións autonómicas e en Canarias as votacións rematan unha hora máis tarde que na Península.

19.00 horas. A participación está a baixar con respecto ás anteriores eleccións. Ás 12.00 horas foi do 34,01% (fronte ao 36,88% no 2011). E ás 18.00 a participación foi do 52,65% , cinco puntos menos que no 2011 (57,74%).

18.30 horas. Non temos datos concretos da participación ás 18.00 horas en Rianxo, pero no 2011 votara o 57,74% dos electores. É dicir, 5.715 persoas.

17.00 horas. Semella que a participación está a ser alta durante a xornada, onde acompaña o bo tempo.

12.20 horas. Vanessa Martínez indícanos que aínda non exerceu o seu dereito ao voto e quedamos de falar á tarde para confirmar.

12.15 horas. Antón Castro indícanos que aínda non votou, pero que intentará facelo agora ao mediodía. Declara que “animo á partipación. E como dicía a política Manuela Carmena, xa que nos deixaron unicamente o voto, imos cambialo todo a través do voto”.

12.10 horas. Mari Carmen Figueira confírmanos que votou ás 11.11 horas na mesa única de Quintáns. Quere “animar a xente a votar, porque é moi importante a nivel local que os cidadáns se involucren. A nivel municipal a xente pode ver que se pode facer outra política, resolvendo os problemas do día a día”.

11.30 horas. Adolfo Muíños votou ás 11.30 na mesa do Auditorio. Segundo nos comenta, “en Rianxo estase votando e participando libremente e á noite saberemos por onde se decanta a cidadanía. Na súa man está que sigamos ou pasemos á oposición, e sexa cal sexa o resultado aceptarémolo con democracia. Tranquilidade por estes catro anos de servizo e seguiremos coa mesma liña independentemente das votacións”.

11.00 horas. Como dato, indicar que hoxe en Rianxo están chamados a participar 9.676 electores que poderán votar en 15 mesas.

9.30 horas. Dende a Policía Local de Rianxo confírmannos que todas as mesas electorais se constituíron “sen ningunha incidencia”.
Ademais, indican que reforzaron o seu servizo “con catro axentes nas diferentes quendas, e a Garda Civil tamén reforza os seus servizos” para que a xornada transcorra con normalidade e todos poidamos exercer o dereito ao voto con seguridade.

9.00 horas. Ábrense os colexios electorais. Comeza a xornada de votación para escoller alcalde en Rianxo.

A entrevista a Vanessa Martínez, finalmente non puido ser

20 Mai

Como sabedes, a miña idea era poder entrevistar a todos os candidatos á alcaldía de Rianxo. Hai catro anos non puiden conversar con Carlos Gey (PSOE) e, nesta ocasión, a persoa coa que non puiden falar foi con Vanessa Martínez (PP). Neste caso, soliciteille a entrevista o 28 de marzo, ao que dixo que “sin problema”.

Seguir lendo