Onde hoxe vemos as ruínas do que podería ser un fermoso edificio, no seu día só había maldade e terror. Polo menos para centos de labregos, comerciantes e burgueses.
A Idade Media é o final do Castelo da Lúa e de moitos outras fortalezas en Galicia. Son o símbolo do poder e da maldade da alta nobreza galega. Por iso, cando o pobo se levanta na Revolta Irmandiña (1467-1469), o de Rianxo será un dos castelos que se derruben. Caerán entre 50 e 150 máis segundo os historiadores.
A nobreza manda
Vívese unha época moi convulsa, onde a nobreza planta ao poder real e eclesiástico. Para marcar territorio e demostrar a súa forza, aparecen novas fortalezas por toda Galicia. Unha delas é a de Rianxo (que mesmo tivo unha orde de derribo do rei, por non contar coa licenza do arcebispo).
Na Revolta Irmandiña o señor de Rianxo é Sueiro Gomes de Soutomaior, que tamén conta cunha fortaleza en Lantaño (Meis) e outra na Insua de Vea (A Estrada). O castelo non era a súa residencia habitual, senón unha edificación que albergaba soldados. A misión dos castelos é controlar e explotar economicamente unha zona.
Niño de malfeitores
Pero os castelos en boa parte de Galicia tamén se converten nun niño de malfeitores. Así o indica Carlos Barros, profesor de Historia Medieval da USC.
Tal era a impunidade da nobreza naquela época, que en lugar de defender os seus vasalos (a cambio de cartos, claro está), dan amparo a bandas que realizan secuestros, torturan, violan mulleres ou rouban os mercadores que ían polos camiños. Ou ben explotan cada vez máis aos vasalos.
Os gorrións perseguen os falcóns
Ante esta situación de indefensión, por toda Galicia se erguen as Santas Irmandades. Son organizacións que gozan de recoñecemento legal e contan coa aprobación real, formadas por xente de distintas clases. O seu cometido é garantir a orde fronte á inseguridade.
Escoitan a todos para frear os abusos. Como exemplo, está documentado que os pescadores de Vilanova de Arousa, diante dos alcaldes irmandiños, denuncian os agravios tanto do arcebispo de Santiago como de Sueiro Gomes de Soutomaior.
Ao final prodúcese un levantamento. Máis de 10.000 homes derrocan o castelo da Rocha Forte de Santiago (centro relixioso e político de Galicia). E se era posible despoxar gañar ao arcebispo, nada impedía facer o propio con outros señores.
Vitoria e derrota
Os irmandiños de Pontevedra e o Salnés botan abaixo, entre outras, as fortalezas de Lantaño e de Rianxo. Gomes de Soutomaior ten que escapar e esconderse. Incluso hai fonte documentais que din era alimentado por campesiños.
Como explica o historiador Carlos Galbán, destruír unha fortaleza non significa arrasala por completo, senón que moitas veces os irmandiños a volven inútil, derruíndo varias das súas partes. Era unha práctica máis rápida e efectiva, e seguramente foi o que pasou co castelo levantado no actual lugar do Pazo.
Con todo, os falcóns volveranse facer co poder un par de anos despois. Derrotado o movemento irmandiño, levantaranse de novo varias fortalezas arrasadas. Dese xeito, Sueiro Gomes trata de reconstruír o Castelo da Lúa (chamado así en teoría porque a súa segunda muller, filla do arcebispo de Toledo, era Juana de Luna).
Represión
Aínda que puidera semellar o contrario, a represión dos señores contra os vasalos non foi dura. Entre outras cousas porque os necesitaban vivos para traballar.
Así e todo, Rianxo foi unha desas excepcións. En 1480 os Reis Católicos reciben unha carta falando das crueldades feitas aquí por Luís de Acevedo (irmán do arcebispo Alonso de Fonseca, que tiña xurisdición ata Pontevedra).
Nesa misiva falábase de que Luís de Acevedo roubaba na vila, botaba abaixo e queimaba casas, torturaba e castraba homes, afogábaos no río coas mans atadas atrás e mesmo nalgún caso lles apertaba “as cabezas ata que lles facía saltar os sisos polos narices”.
Nova destrución
Ese mesmo ano (1480), Fernando Acuña, capitán e gobernador dos Reis Católicos, ordena que o Castelo da Lúa sexa destruído. Os reis buscan poñer couto ao poder da nobreza arrasando cos castelos que non son necesarios para a defensa do reino, que non son cabeza da xurisdición ou porque viven de roubos e abusos.
O de Rianxo queda nun estado lamentable a partir de aquí, como recollían no seu día Santos e Comoxo nun artigo en La Voz de Galicia. Sen portas e con parte da estrutura que daba ao río caída, abandónase e acentúase o proceso de desaparición. Co tempo, as súas pedras formarán parte do campanario da igrexa de Santa Columba e os veciños tamén empregarán os seus restos para construír muros e vivendas.